0 Gardados para despois

Sanidade oculta ao Parlamento cantas camas pechará nos hospitais este verán

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Sen resposta concreta para a que a Consellería de Sanidade considera unha pregunta "anticuada". Nos primeiros días de xuño os sindicatos que representan o persoal do Servizo Galego de Saúde lanzaron unha nova alerta sobre o peche de camas hospitalarias no verán. Fixérono, como cada ano, a partir de estimacións elaboradas con información recompilada en cada centro antes de que a Xunta ofrecese información ao respecto. O Goberno de Alberto Núñez Feijóo xa achegou datos. Fíxoo a petición da oposición no Parlamento, pero un ano máis evita ofrecer unha cifra concreta de camas e negando, asemade, que existan peches en sentido estrito, senón unha menor porcentaxe de "recursos operativos".

Un mes antes de que as centrais sindicais publicasen as súas estimacións de peches, a principios de maio, o BNG rexistrou no Parlamento unha pregunta para reclamar coñecer os detalles ao respecto para este verán. Alén da valoración política destas decisións -enmarca os peches nunha "precarización da calidade asistencial" e na continuación da política de recortes- o Bloque formulou unha batería de preguntas concretas. Entre os datos que pedía coñecer figuraban "os servizos, en cada hospital" que ían estar afectados por estas medidas, "cales son as especialidades máis afectadas" e a afectación dos peches aos servizos de urxencias. Adicionalmente, pedía un cálculo do "aforro previsto", das "derivacións de doentes á sanidade privada" durante este período e das contratacións de persoal previstas para "cubrir as vacacións".

A porcentaxe de camas "non operativas" que a Xunta indica ao Parlamento é inferior á avanzada polo conselleiro de Sanidade

A resposta de Sanidade a estas preguntas vén de chegar ao Parlamento e nela a Consellería non ofrece ningunha das cifras solicitadas, senón que se limita a ofrecer unha porcentaxe media de camas pechadas. "Neste ano 2017 durante os meses de verán a estimación previsible dos recursos operativos neste período será do 88,93%, case 14 puntos por riba da media da ocupación real dos anos anteriores". Isto implica, daquela, que as camas pechadas serían un 11,07% do total, unha proporción sensiblemente menor á avanzada polo propio conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, que nas últimas semanas o situou entre o 15% e o 20%.

O feito de non ofrecer unha cifra concreta de peches provoca que para achala haxa que recorrer ás estatísticas do Sergas sobre o total de camas. O dato máis recente, do ano 2015, indica que na sanidade pública galega están "en funcionamento" unhas 6.606 camas e instaladas, algo máis de 7.000. Deste xeito, se as camas en funcionamento durante o verán son o 88,93%, os peches serían arredor de 730. No caso de que as camas pechadas acaden a porcentaxe indicada polo conselleiro nos medios de comunicación a cifra total ascendería por riba das 1.000 camas.

A xustificación do Goberno

O Goberno insta a "entender que a sanidade e as necesidades asistenciais son procesos dinámicos"

A ausencia de números concretos sobre os peches contrasta coa ampla xustificación que Sanidade inclúe nesta resposta parlamentaria, de case tres páxinas. Así, o departamento autonómico comeza por "puntualizar que as camas hospitalarias non se pechan", senón que "están todas dispoñibles en función das necesidades" e que a "planificación sanitaria" implica "a xestión e adecuación dos recursos ás necesidades asistenciais" tamén no verán, atendendo "ao decrecemento da demanda, motivado pola diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías" e tamén á "programación das vacación dos profesionais, así como á realización de obras nos centros hospitalarios.

Neste escenario, o Executivo insta a "entender que a sanidade e, polo tanto, as necesidades asistenciais son procesos dinámicos" e que "sempre que existe unha necesidade", as áreas sanitarias botan man das "listas de contratación para formalizar todos os nomeamentos que sexan necesarios" porque, reitera, "as camas non se pechan". Sanidade insire neste punto da resposta cifras sobre as listas de espera, pero só as referentes a xuño de 2016 (61,6 días) e a decembro do mesmo ano (68,3 días). Non inclúe, daquela, indicadores de demora correspondentes aos meses en que parte das camas non están operativas, toda vez que co novo modelo de presentación dos datos a Xunta autorizouse a si mesma a non informar sobre a espera do verán, que mentres foi publicada sempre resultou ser a máis alta do ano.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.