O Sergas non informará do efecto do peche estival de camas nas listas de espera por terceiro ano consecutivo

Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña © Xunta

A Xunta fai públicos os datos das listas de espera cirúrxica e de consultas externas dende xuño de 2005, información que comezou a ser fornecida con regularidade nos meses de transición entre o Goberno do PP de Manuel Fraga e o da coalición de PSdeG e BNG. O Servizo Galego de Saúde acudiu con puntualidade cada tres meses á súa cita con esta publicación ata o ano 2014, cando deu en separar os datos do hospital concertado POVISA do cómputo xeral, facendo imposible comparar os datos. Ao ano seguinte, en 2015, comezou a aplicar un novo precepto legal que reduciu á metade a información sobre as esperas na sanidade pública e libra a Xunta de facer público o impacto dos peches estivais de camas, un opaco procedemento que neste 2017 se aplicará por terceiro verán consecutivo.

Entre 2005 e 2013 os datos publicáronse cada 3 meses; o do terceiro trimestre reflectía o impacto da redución de actividade no verán

A información trimestral da lista de espera cirúrxica provocaba que en torno ao mes de outubro de cada ano o Sergas ofrecese os resultados do terceiro trimestre do ano, datados no 30 de setembro. Esa publicación disparaba en todos os casos o dato medio de agarda para se operar nos hospitais públicos, xa que era produto da redución de actividade dos meses de verán. Así, por exemplo, o primeiro dato correspondente ao terceiro trimestre, en 2005, reflectiu a espera media máis alta de toda a serie, 137 días. Nos nove anos en que foi revelado nunca descendeu dos 90 días; os datos máis baixos rexistráronse entre 2008 e 2009 (92 días) e mais en 2010 (90,7) e os últimos coñecidos, 2012 e 2013, achegábanse aos 99 días de agarda.

En 2014 o Sergas publicou os datos sen sumar Povisa e dende 2015 só informa sobre as listas dúas veces ao ano, evitando o verán

Con este pano de fondo a Xunta impulsou e sacou adiante no Parlamento no inicio da pasada lexislatura a lei de garantías de prestacións sanitarias. Con esta norma, que ademais de facilitar o transvase de pacientes do Sergas á sanidade privada fixa un límite máximo de 60 días para o acceso a unha operación, o Goberno autorizouse a si mesmo a reducir a información pública sobre as listas de espera, que pasou de trimestral a semestral. Tratouse, segundo o PP, dunha decisión "valente" para facer "pasar a un segundo plano" o debate político sobre o asunto que ademais veu acompañada da eliminación da web do Sergas de toda a información previa a 2014.

Aínda que a lei entrou en vigor en marzo de 2014 a Consellería de Sanidade non comezou a aplicar o precepto sobre a información das listas ata marzo de 2015, cando en vésperas das eleccións municipais decidiu non publicar o dato do primeiro trimestre do ano. A decisión executada pola daquela conselleira, Rocío Mosquera, foi continuada polo seu sucesor, Jesús Vázquez Almuiña. Así, tanto en 2015 como en 2016 o pico estival da espera desapareceu da estatística. Mentres, a inxección adicional de cartos anunciada por Feijóo na primavera de 2016 achegou o dato medio previo ás eleccións galegas aos 60 días que marca a lei. O primeiro tras o proceso electoral ascendeu levemente e quedou un chisco por baixo dos 70.

Os peches de 2017

Con este pano de fondo o Sergas ten xa en marcha o plan de peches de camas para este verán. Despois de que, nas últimas semanas, os sindicatos sanitarios fixesen públicas as súas estimacións, uns 1.000 peches que suporían manter a cifra en máximos, o conselleiro aproveitaba unha entrevista na Cadena SER para explicar que o peche afectará a "entre o 15% e o 20%" das camas, o que vén confirmar os augurios sindicais -os datos máis recentes indican que o Sergas dispón dunhas 6.600 camas operativas-. 

Sanidade mantén que as camas xa non teñen a "importancia" doutros tempos e a oposición censura que "tome por parva" a poboación e aproveite o verán para "pagar menos" e "poñer en risco a atención hospitalaria"

Mentres Almuiña reitera, como en anos anteriores, que a cifra total de camas xa non é tan relevante como noutrora -"son importantes nos hoteis e non tanto nos hospitais", chegara a ilustrar o pasado verán-, a oposición parlamentaria censura que o conselleiro "tome por parva" a poboación, en verbas da voceira de En Marea en materia sanitaria, Eva Solla. Alén dos "eufemismos", di a parlamentaria, o certo é que a Xunta toma decisión cando mesmo "incumpre" o límite de 60 días que se impuxo a si mesma. As listas de espera acreditan, di, que pechar camas "é xusto o contrario do que se debería facer".

Nun sentido semellante o deputado do PSdeG Julio Torrado anunciaba este xoves unha interpelación a Almuiña para cuestionalo sobre por que "pon en risco a atención hospitalaria" cuns peches "letais nun sistema que de forma habitual está en situacións límites". O Goberno galego, lamenta, "impón un modelo de sanidade cicatero, máis barato, de mercadiño" e ve no verán "unha oportunidade para pagar menos" no canto de para reducir a agarda. Tamén o BNG, a través de Montse Prado, censura este peche sen que sequera Almuiña o "explique" ou aclare por que "non serán substituídos moitos profesionais durante as vacacións".

Instalacións do hospital de Vigo © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.