A xestora do PSdeG recupera oito meses despois as competencias para convocar primarias

Pilar Cancela dirixe a xestora do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O pasado outubro a xestora do PSOE retiráralle os poderes a Pilar Cancela, colocada á fronte do partido en Galicia tras a dimisión de Besteiro como secretario xeral nunha interinidade que xa dura 16 meses

A executiva federal do PSOE aprobou este luns que a xestora do PSdeG recupere as competencias para convocar eleccións primarias, e con elas un congreso nacional en Galicia, coas que elixir un novo secretario xeral. O órgano provisional que dirixe Pilar Cancela desde hai 16 meses recupera así uns poderes que lle retirara hai oito meses a xestora do partido a nivel estatal tras a dimisión de Pedro Sánchez. Agora, recuperada a secretaría xeral en Madrid por Sánchez, Cancela, un dos seus principais apoios en Galicia, recupera as competencias que lle quitaran.

Tras a dimisión en marzo de 2016 de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral do PSdeG pola súa imputación na operación Pulpo, o PSOE nomeou a Cancela como presidenta da xestora do PSdeG. A sucesión de eleccións a nivel estatal e autonómico e as pugnas internas polo poder no partido tanto en Madrid como en Galicia fixeron que o a figura da xestora, chamada a ser temporal, se prolongase no tempo. En outubro pasado, tras a dimisión de Pedro Sánchez, tamén o PSOE pasou a ser dirixido por outra xestora, que lle quitou a Cancela as dúas principais competencias que tiña, as de convocar eleccións primarias para a elección dun novo secretario xeral e o congreso nacional que ratifique o seu resultado, que na práctica supoñen devolver o partido á normalidade.

Leiceaga amosa o seu desexo dunhas primarias canto antes, Caballero desenténdese do resultado e Formoso descártase como secretario xeral

Agora, máis de 16 meses despois de botar a andar a xestora, e máis de 8 desde que se lle quitaron as competencias, Cancela volve ter nas súas mans a posibilidade de devolver o PSdeG á normalidade. Este luns, antes de coñecerse a decisión formal da executiva do PSOE, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, amosaba o seu desexo de que a xestora recuperase as competencias e poida dar pronto a “noticia” da convocatoria dunhas primarias e dun congreso que ao seu ver “xa toca”.

Esta pasada fin de semana dous dos nomes máis significativos do actual PSdeG, chamados a ser voces importantes á hora de dotar de respaldo a un novo secretario ou secretaria xeral, se desmarcaron de xeito público en maior ou menor medida do proceso. O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, enfrontado con Cancela, asegurou nunha entrevista con Europa Press que el se desentende do resultado desas futuras primarias. “A min dáme igual o que decida o PSdeG, acéptoo e punto”, dixo. Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, máis próximo a Cancela, asegurou a La Voz de Galicia que el non vai ser secretario xeral do PSdeG e advertiu aos seus compañeiros que non conten con el.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.