O conselleiro de Sanidade censura que "unha muller diga que está contenta de non ter fillos"

Almuiña, nun pleno do Parlamento © Xunta

O pleno do Parlamento debatía na tarde deste mércores sobre o desmantelamento do servizo de cirurxía pediátrica en Ourense, que provoca que nenas e nenos que precisan da súa atención teñan que ser recorrentemente trasladados a Vigo. Facíao a instancias de Noela Blanco (PSdeG) e Noa Presas (BNG), que en senllas preguntas instaban o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a ter en conta as repercusións deste recorte e a reparar na, ao seu xuízo, contradición entre retirar servizos para a infancia na provincia mentres o Goberno proclama a súa intención de revitalizar demograficamente o interior galego. Foi neste punto do debate onde o máximo responsable da sanidade pública do país deu en considerar que nese propósito de promover a natalidade resulta negativo que unha muller, nomeadamente unha deputada, exprese que non desexa ter fillos.

Presas (BNG) sinalara na súa pregunta sobre o recorte á cirurxía pediátrica que "afortunadamente" non ten fillos 

Na súa segunda quenda de réplica a voceira do Bloque reprochou ao conselleiro que non tivese en conta o transtornos e gastos que deben asumir as familias pola carencia deste servizo en Ourense. "Eu, afortunadamente, non teño fillos nin fillas -sinalou Presas- pero non quero nin imaxinar a situación de calquera pai ou nai" que teña que "percorrer dúas horas e pico en coche para que vexan a súa crianza". Almuíña, agregou, debera aclarar o encaixe desta restrición na dinamización demográfica que "vende" a Xunta.

"O problema da natalidade é que unha muller diga que está contenta de non ter fillos", proclamou Almuiña, que despois retirouno e dixo non pretender "insultar"

Na súa quenda final, como nas anteriores, o conselleiro reiterou en que a "calidade" asistencial á infancia de Ourense segue a estar garantida, pero inseriu no retruque unha consideración adicional sobre a intervención da deputada do Bloque. "O problema da natalidade é que unha muller diga que está contenta de non ter fillos", proclamou entre protestas da bancada da oposición e o estupor da propia Presas, que reclamou da Presidencia unha quenda adicional para esixir a rectificación do membro do Goberno. "Recorde que non estamos no franquismo, somos algo máis que meras vasixas para reproducirnos" e o Goberno "non ten nada que axuizar sobre as consideracións políticas do meu grupo" ligándoas "a que eu sexa ou non nai ou me alegre ou non de selo".

Ante a contrariedade xeral, Almuíña accedeu a retirar as súas palabras. O seu propósito, dixo, non era "insultar", senón evidenciar que "temos que facer unha profunda reflexión do que está pasando en Galicia" sobre o continuo devalo demográfico e que "as causas" de que o número de nacementos non deixe caer "non son a existencia" ou non dunha unidade de cirurxía pediátrica no hospital de Ourense.

Noa Presas, deputada do BNG © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.