A Xunta informa tres días despois de cinco incendios simultáneos en Ourense

Imaxe dos incendios de Piñor difundida pola Xunta o pasado venres Dominio Público Consellería do Medio Rural

Ata este sábado o último comunicado oficial da Consellería de Medio Rural sobre un incendio forestal estaba datado no pasado 25 de xuño e refírese ao lume que atinxiu a 16,6 hectáreas de monte arborizado en Quins, no concello ourensán de Melón, a mesma na que apenas catro días antes se dera por extinguido o incendio que arrasara unhas 160 hectáreas. Dende aquel comunicado transcorreron case tres semanas durante as cales a meteoroloxía foi variable e a Xunta realizou diversas comunicacións públicas nesta materia -entre elas, a presentación do Pladiga 2017-, pero ningunha con datos sobre un incendio concreto ata que este 15 de xullo deu conta dun incendio en verín. Este venres, no entanto, Medio Rural revelou que o martes anterior o municipio de Piñor, tamén en Ourense, sufrira "ata cinco lumes simultáneos" nun só día.

Foi, nomeadamente, a través da conta de Twitter creada pola Xunta en 2013 para informar sobre a incidencia do lume nos montes do país onde Medio Rural divulgou a imaxe destes cinco focos sen detallar a superficie á que afectaron nin ningunha outra circunstancia alén de evidenciar que na súa extinción actuou, cando menos, un "helicóptero antiincendios". Segundo informou o diario La Región, neses incendios chegaron a actuar oito brigadas, tres motobombas, un avión e cinco helicópteros, datos atribuídos á propia Consellería.

A Xunta non informa por iniciativa propia de ningún incendio inferior ás 20 hectáreas se non está próximo a áreas habitadas

Alén do episodio da fotografía o acontecido responde á política informativa que o Goberno galego mantén a respecto dos incendios forestais dende o ano 2009, segundo a cal como norma xeral non ofrece información por iniciativa propia de ningún incendio que non supere as 20 hectáreas, agás daqueles que poñan en perigo a poboación pola súa proximidade a zonas habitadas. Dos que non superen esas dimensións e non sexan un risco potencial para a veciñanza da contorna só informa a "demanda", isto é, se un medio de comunicación ou outra entidade se dirixe á Consellería preguntando por un foco en concreto, circunstancia na que Medio Rural aclara se hai ou non un incendio nese lugar.

O actual Goberno suspendeu en 2009 a difusión de partes diarios con todos os incendios

A razón esgrimida para implantar este sistema foi en 2009 non xerar "alarma social" e tamén evitar que a prensa "non reflicta" os datos dos incendios "tal e como se dan" dende o Goberno. O gabinete de Alberto Núñez Feijóo suspendeu así o modelo de información dos incendios do Goberno de PSdeG e BNG, baseado na publicación de dous partes diarios -xeralmente, ás 13:00 e ás 19:00 de cada xornada- con todos os incendios forestais que afectaban aos montes galegos. Un modelo informativo como o do bipartito é o que aplica, por exemplo, a Junta de Castilla y León, que tamén ofrece dous partes diarios durante a temporada de alto risco. Mentres, outros gobernos como a Comunitat Valenciana optan por ofrecer unha relación completa de todos os incendios forestais unha vez ao mes.

Campaña 'Faite cortalumes'

Vázquez e Fernández-Couto, presentando a campaña de sensibilización contra os incendios / Xunta

Medio Rural vén de lanzar unha campaña para "sensibilizar" sobre a importancia de previr incendios e "sobre todo, denunciar os incendiarios"

Con este pano de fondo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto -á fronte da política de incendios da Xunta dende 1994 coa paréntese dos anos do bipartito- veñen de presentar unha nova campaña de sensibilización para "implicar a todos os galegos" na loita contra o "problema" dos incendios forestais. Baixo os lemas Son cortalumes e Faite cortalumes a Xunta anima a descargar un "diploma de cortalumes" e a espallar "mensaxes nos medios de comunicación e nas redes sociais" sobre a prevención do lume.

"O obxectivo é construír un gran cortalumes simbólico contra os incendios" que signifique "actuar coa máxima precaución no monte, adoptar prácticas respectuosas coa natureza, avisar a través do teléfono 085 dos incendios e, sobre todo, denunciar os incendiarios". Vázquez insta a lembrar que "Galicia conta con 10.500 hectáreas de cortalumes físicos", zonas "nas que se controla o crecemento da biomasa, creando discontinuidades do combustible para impedir o paso do lume e facilitar o acceso dos medios de extinción que actúan por terra". "Os lumes -di a conselleira- ameazan os montes, os bens materiais e, o que é máis importatne, a vida e a integridade das persoas, como acabamos de comprobar en Portugal".

Risco de incendios en Galicia deste 15 de xullo; alto, moi alto ou extremo en case todo o país © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.