A decisión da Consellería do Mar de declarar deserto o concurso que convocou en abril para prestar o servizo de Salvamento marítimo con helicópteros, e que agora convocou novamente elevando o importe que está disposta a pagar por el, vén de ser denunciada ante a Fiscalía por parte da única empresa que se presentou á primeira licitación e que foi descualificada pola Xunta. Francisco Javier Murua Paz, administrador de Seprogal Servicios Aéreos SL, con sede en Ferrol, denuncia a conselleira Rosa Quintana e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto -ao que se refire de xeito erróneo como “subdirector xeral de Costas”-, por “amañar” tanto o concurso actualmente en marcha como o de 2012 que outorgou o servizo a Inaer, o que cualifica como un “feito gravísimo de corrupción”.
A firma critica que a Consellería do Mar esixa experiencia porque di que só a pode xustificar a empresa que xa está a operar, Inaer, pero asegura que si a teñen os seus pilotos
A denuncia de Murua foi rexistrada o pasado xoves día 13 de xullo na Fiscalía de Área de Ferrol e nela o empresario asegura que a súa firma “cumpre cos requisitos esixidos” e debera ser a adxudicataria da licitación na que a Xunta a descualificou e declarouna deserta. Murua di que nese concurso no que a Xunta anulou a súa oferta Inaer, a empresa que vén operando a maioría dos servizos de helicópteros da Xunta, non se presentou precisamente para que fose declarado deserto, como así ocorreu, e lograr un incremento do importe do contrato nunha segunda licitación, como vén de aprobar o Consello da Xunta. Segundo o denunciante, o Goberno galego estaría a facer “un traxe a medida” de Inaer, hoxe Babcock España.
Na súa denuncia, Murúa admite a falta de experiencia previa da súa empresa, pero salienta que si ten esa experiencia o persoal que prestaría o servizo e argumenta que ese requisito supón que só as empresas que xa están a operar poidan acceder aos concursos, limitando así a aparición de novas firmas.
O empresario asegura que tamén presentou un recurso ante o Tribunal Administrativo central de contratos
O empresario tamén denuncia o concurso de 2012 no que a Xunta xa adxudicara o servizo a Inaer porque ao seu xuízo esa firma estaría daquela en “quebra técnica” e “falseou” a súa oferta. Xunto coa súa denuncia, o empresario tamén achega á Fiscalía diversas informacións xornalísticas sobre a traxectoria empresarial de Inaer antes de ser adquirida por Babcock e remata sinalando que presentou un recurso ante o Tribunal Administrativo central de contratos.