ANÁLISE | As Medallas de Ouro de Galicia escoran á dereita

Entrega da Medalla de Ouro de Galicia a Álvarez-Cascos en 2003 © Xunta

As Medallas de Galicia son a "máxima distinción de honra" que concede o Goberno galego. Con ela a Xunta condecora persoas e institucións que, "polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica" considera como "dignas de obter o recoñecemento do pobo galego". Cando, o vindeiro día 24, o presidente do Executivo entregue as deste 2017 serán xa 74 as persoas e entidades distinguidas coa Medalla na súa categoría de ouro -o goberno de Manuel Fraga tamén as concedía de prata e bronce, chegando a asignar máis de 400-. Nesta relación inclúense 27 representantes políticos -26 homes e unha muller- galardoados por razón dos seus cargos institucionais e entre eles preponderan amplamente a militancia de dereitas. Non en van, apenas 6 dos 27 exerceron o labor político dende posicións de esquerda. A dereita ou o centro-dereita ten no reparto das Medallas de Ouro un peso próximo ao 80%.

Deixando á marxe figuras históricas que tamén tiveron cargos políticos pero a quen a condecoración lles foi concedida por motivos diferentes ou máis amplos -caso da primeira Medalla, para Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1984- e tamén a que lle é outorgada este ano a Miguel Ángel Blanco -o que fora edil popular en Ermua (Biskaia) é homenaxeado polo vixésimo aniversario do seu asasinato por parte de ETA-, é clara a preponderancia de cargos ideoloxicamente afíns ou directamente militantes do partido que gobernou Galicia durante 31 dos 36 anos de autonomía, primeiro baixo as siglas de Alianza Popular e despois, coas actuais do PP. O goberno tripartito da Xunta non entregou as medallas e o bipartito de PSdeG e BNG, nas tres que concedeu, distinguiu á Real Academia Galega, a Isaac Díaz Pardo e á Editorial Galaxia.

Durante os seus mandatos Fraga condecorou a varios mandatarios sudamericanos de signo conservador e tamén a dous ministros de Aznar

A maior parte dos cargos políticos que recibiron a Medalla fixérono durante os mandatos de Manuel Fraga na década dos 90 e moitos deles eran mandatarios sudamericanos do espectro conservador. Así, por exemplo, en 1994 Fraga condecorou os daquela presidentes arxentino e uruguaio, Carlos Menem e Luis Alberto Lacalle e en 1995 fixo o propio co paraguaio Juan Carlos Wasmosy. Durante esa década tamén recibiron a Medalla de Ouro outros presidentes como o uruguaio Julio Sanguinetti (1997), o guatemalteco Álvaro Arzú (1998), o brasileiro Fernando Henrique Cardoso (1998) e o costarricense Miguel Ángel Rodríguez Echeverría (1999). A nómina de galardoados engrosárona, igualmente, dous gobernadores de estados do Brasil situados no ámbito da dereita (Mário Covas, de São Paulo, e Esperidião Amin, de Santa Catarina, ambos en 1999). 

Na década seguinte o goberno Fraga mantivo a tendencia con Gustavo Noboa, presidente do Ecuador, pero tamén inaugurou a listaxe de políticos do PP en activo a quen a Xunta decidia concederlles o seu máximo galardón. No ano 2003, en plena crise política posterior ao naufragio do Prestige, o Goberno galego pendurou a condecoración do peito de Francisco Álvarez-Cascos, ministro de Fomento de Aznar, e nesa mesma cerimonia chegou a primeira Medalla de Ouro para unha muller, Loyola de Palacio, que tamén fora ministra e nese momento ocupaba unha carteira na Comisión Europea. Ao ano seguinte Fraga condecorou a Rodolfo Martín Villa, quen tras ocupar diversos cargos no franquismo foi ministro con Adolfo Suárez e a quen Aznar implicara tamén na xestión do Prestige.

O uruguaio Tabaré Vázquez, os portugueses Soares e Sampaio, os ex-presidentes Touriño e Laxe e mais Ceferino Díaz representan excepcións na nómina de persoas galardoadas

Un capítulo aparte nas medallas desa época é a entregada ao arxentino Fernando de la Rúa, cuxo partido chegou a ser integrado na Internacional Socialista pero veu apoiando posicións de dereita -nas últimas eleccións aliouse co actual presidente dereitista, Mauricio Macri- e que foi premiado pola Xunta no ano 2000, un ano antes de abandonar o cargo no medio dunha fonda crise institucional e fronte a protestas sociais que reprimiu con dureza.

Fronte á esmagadora maioría de políticos de dereitas no reparto das Medallas de Ouro, a presenza de quen exerceron cargos públicos dende o ámbito progresista é case anecdótica. O primeiro foi Mário Soares, primeiro ministro socialista de Portugal distinguido en 1993, cando era presidente da república. O segundo tamén chegou do país veciño e foi o igualmente socialista portugués Jorge Sampaio, que sucedeu a Soares na Presidencia. As medallas non tenderon cara á esquerda ata 2005, cando na súa derradeira entrega Fraga lla concedeu a Tabaré Vázquez, presidente do Uruguai polo Frente Amplio. A relación péchase con Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, galardoados en 2009 xunto ao resto de presidentes da Xunta, e mais con Ceferino Díaz, condecorado en 2013 a título póstumo.

Romay e Cavaco súmanse á lista neste 2017

Neste cómputo xeral inclúense xa os dous políticos de dereitas que son condecorados polo Goberno galego neste 2017. Un é Aníbal Cavaco Silva, antigo primeiro ministro de Portugal e presidente da República polo conservador PSD ata 2016, nun remate de mandato marcado pola súa aberta oposición á posta en marcha do Goberno do socialista António Costa apoiado polo Bloco de Esquerda e o Partido Comunista. O outro é José Manuel Romay Beccaría, actual presidente do Consello de Estado tras ocupar multitude de cargos institucionais e orgánicos no PP dende os que actuou como figura clave na carreira partidaria de Alberto Núñez Feijóo. Recibirán a Medalla nun evento na Cidade da Cultura cuxa montaxe a Xunta vén de contratar a unha empresa de eventos por un importe un chisco inferior aos 21.000 euros.

Entrega das Medallas en 2005, as derradeiras con Fraga © Xunta
Acto no que recibiron as Medallas os ex-presidentes, en 2009 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.