O ente fiscalizador critica que o Goberno galego mova cartos dunhas partidas a outras “en base a estimacións e non a necesidades xurdidas”
O Consello de Contas vén de facer público este venres o seu informe de fiscalización sobre a Xunta correspondente a 2015. Ao igual que en anos anteriores, o órgano de control censura os continuos cambios que o Goberno galego realiza nos seus orzamentos inicialmente previstos a medida que avanza o exercicio, pero nesta ocasión constata un incremento notable desas mudanzas. “O importe das modificacións orzamentarias representa o 10,47% dos orzamentos iniciais, cun incremento dos créditos do estado de gastos nunha contía de 955 millóns de euros, un 39,8% superior ao exercicio anterior”, censura Contas. O ano anterior, 2014, as modificacións orzamentarias afectaran a uns 680 millóns, o 6,8% do orzamento total.
O ente fiscalizador censura que as modificacións dos orzamentos revelan unha previsión pouco realista por parte dos xestores autonómicos e debulla a continuación os diversos procedementos empregados pola Xunta para corrixir sobre a marcha as súas contas. Por unha banda, “a Administración segue recorrendo ás ampliacións de créditos (340 millóns de euros) para os mesmos conceptos de gastos que en anos anteriores sen que cumpran a condición de imprevisibilidade esixida para as mesmas”.
O Consello de Contas censúralle ao Goberno galego un "uso excesivo" das partidas de imprevistos
Por outra banda, contas segue constatando “un uso excesivo da utilización do programa Imprevistos e funcións non clasificadas coa finalidade de programa-ponte para realizar transferencias de crédito, permitindo alterar os límites fixados pola normativa que impedirían as transferencias directas entre as aplicacións afectadas”. Isto é, ante a imposibilidade de trasladar directamente cartos dunha partida a outra, estes pasan de xeito intermedio pola partida de imprevistos. Igualmente, esa partida tamén a emprega a Xunta “para aplicar os sobrantes dos créditos nas distintas consellerías ao financiamento das partidas deficitarias ao longo do exercicio, como no caso do gasto farmacéutico”. Un gasto que Contas reitera ano tras ano que a Xunta orzamenta de xeito pouco realista.
Contas tamén censura que “o fondo de continxencia, lonxe de servir para a atención de gastos imprevistos e non discrecionais, constituíu unha ferramenta para a cobertura de gastos (principalmente gasto corrente) que son obxecto dunha deficiente orzamentación, por escasamente realista, e que son reiteradamente orzamentados á baixa para dotalos do crédito necesario ao longo do exercicio, a veces incluso en base a estimacións e non a necesidades xurdidas”. Por iso, Contas recomenda á Xunta “determinar normativamente os supostos de aplicación e a dotación anual” dese fondo de continxencia.
As críticas que agora fai públicas o Consello de Contas á Xunta sobre o exercicio 2015, que se engaden a outras similares realizadas a respecto de exercicios anteriores, prodúcense cando aínda están recentes algúns polémicos movementos de cartos entre partidas orzamentarias como os agora censurados. Así, en 2016 o Goberno galego moveu o 40% dos fondos de axudas ás familias para pagar a luz a outros gastos da Administración. Outro erro de previsión significativo da Xunta foi o do cheque bebé, que o ano pasado custou 400.000 euros máis do estimado. Igualmente, recorreu a fondos destinados a repoboacións forestais para financiar a ampliación do bosque do Gaiás.
En 2015 non rendiron contas 26 entidades (8 sociedades públicas, 7 consorcios e 11 fundacións), así como os fondos de capital risco nos que inviste a Xunta
O informe de Contas tamén reflicte que en 2015 “non rendiron contas 26 entidades (8 sociedades públicas, 7 consorcios e 11 fundacións), así como os fondos de capital risco” nos que inviste a Xunta. E nas entidades autonómicas que si rendiron contas, o ente fiscalizador ve “importantes carencias” nas memorias que lle remitiron “especialmente os organismos autónomos e, en menor medida, nas fundacións e sociedades mercantís”.