Leiceaga súmase a Villoslada e Gonzalo Caballero como candidato a liderar o PSdeG

Leiceaga, ao facer pública a súa candidatura a secretario xeral do PSdeG diante de Monte Pío CC-BY-SA Praza Pública

Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia tras gañar hai un ano as primarias para a candidatura socialista á presidencia da Xunta, aspirará tamén a ser o novo secretario xeral do partido nas primarias para ese fin que se celebrarán o 8 de outubro. Leiceaga súmase así a Juan Díaz Villoslada e Gonzalo Caballero, os outros dous candidatos que xa fixeron públicas as súas aspiracións, os tres afíns en maior ou menor medida ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, quen á súa vez gañou en Galicia o pasado maio con notable diferenza a respecto da súa competidora Susana Díaz.

O portavoz socialista no Parlamento di que aos tres se lles supoñen “o galeguismo e a esquerda” e actuar “nas novas coordenadas do partido en Madrid”, pero que el quere ser un secretario xeral “sen etiquetas nin tutelas”

Leiceaga fixo pública a súa aspiración este sábado nunha comparecencia ante os medios de comunicación no parque de Galeras, en Santiago, aos pes da residencia oficial do presidente da Xunta de Monte Pío. Alí indicou que dá un paso adiante cunha “intención tripla”: conseguir “un partido socialista forte que se reinicie en Galicia”, que o PSdeG obteña “a hexemonía na esquerda” dialogando con outras forzas políticas e que supoña “unha alternativa de goberno desde a esquerda para desaloxar un PP que leva demasiado tempo” na Xunta. O portavoz parlamentario salientou que “sós non podemos” pero que “sen nós non é posible unha alternativa ao PP”.

Leiceaga recoñeceu este sábado a súa sintonía con Sánchez, pero cando se lle preguntou se lle comunicara a súa candidatura respondeu que o importante era comunicarlla aos afiliados. Tamén dixo que quere ser un secretario xeral “sen etiquetas” e “sen tutelas” para facer unha “política coherente en todo o país”, nunha  mensaxe velada fronte a posibles baróns locais ou provinciais do partido.

A Leiceaga tamén se lle preguntou que o diferencia dos outros dous candidatos, ao que respondeu que “o galeguismo e a esquerda se nos supoñen aos tres”, ao igual que o feito de situarse “nas novas coordenadas do partido en Madrid”. Porén, sobre si mesmo dixo que achega a súa “folla de servizo” e que se presenta por “responsabilidade” tras gañar as primaria á presidencia da Xunta hai un ano e “liderar” o grupo parlamentario na oposición, co que di que vén establecendo “un diálogo coa sociedade civil”.

Villoslada presentou o seu proxecto como “desde a esquerda e absolutamente galeguista” e en sintonía co de Pedro Sánchez a nivel estatal

Dous días antes que Leiceaga, o pasado xoves foi Villoslada quen fixo pública a súa intención de aspirar á secretaria xeral do PSdeG, un día despois de que a xestora do partido que presiden Pilar Cancela anunciase o calendario das primarias que se celebrarán o 8 de outubro. Quen foi xerente da Universidade da Coruña e agora deputado autonómico presentou o seu proxecto como “desde a esquerda e absolutamente galeguista” e en sintonía co de Pedro Sánchez a nivel estatal.

Gonzalo Caballero salienta que a súa sintonía con Pedro Sánchez “está máis que garantida e por iso me incorporou ao comité federal”

Antes, o primeiro en amosar de xeito público a súa disposición a optar á secretaría do partido fora Gonzalo Caballero, que leva días de xira polas agrupacións socialistas de Galicia e tenta presentarse como o máis sanchista dos tres. Este venres, en Lugo, asegurou que a súa sintonía con Pedro Sánchez “está máis que garantida e por iso me incorporou ao comité federal”, salientando así un feito diferencial fronte aos outros dous candidatos.

Fronte a estes tres candidatos de perfil máis ou menos sanchista, o outro gran bando nas últimas loitas polo poder no PSOE, o encabezado en Galicia polo alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, quen se presentou como un dos principais apoios de Susana Díaz, mantense de momento á marxe da loita pública polo liderado do PSdeG. Ata o punto de que o alcalde vigués vén declarando expresamente o seu desinterese polo que poida ocorrer co PSdeG.

Caballero, Leiceaga e Villoslada CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.