A Xunta insiste en que non ten competencias para actuar contra a Fundación Franco

Terreos arredor do Pazo de Meirás CC-BY E. Dans

A Xunta de Galicia non ten compentencias para actuar contra a Fundación Francisco Franco no caso de que esta entidade actúe contra a Lei de Memoria Histórica. Preguntado o vicepresidente do Goberno galego sobre as novas provocadoras declaracións da institución fascista, Alfonso Rueda aclarou que ao Executivo autonómico compételle "garantir que a xestión do Pazo de Meirás se faga de acordo coa normativa do BIC (Ben de Interese Cultural)".

Rueda asegura que á Xunta compételle "garantir que a xestión do Pazo de Meirás se faga de acordo coa normativa do BIC"

Así, o número dous do Goberno galego asegura que "non é a Xunta quen ten que determinar se se está infrinxindo a Lei de Memoria Histórica, iso correspóndelle a outros estamentos e, por tanto, entendo que se iso se produce, son quen teñen que facelo", engadiu. Ademais, remarcou que, a día de hoxe, desde o Executivo non se ten constancia de que algún partido político, institución ou organización sindical "teña trasladado algún tipo de denuncia", remarcando que "poderían facelo a quen ten a responsabilidade de ditaminar se, efectivamente, se está a infrinxir a Lei".

Así, Rueda insistiu en que o Executivo autonómico "está a exercer as súas competencias" e amosou o seu "rexeitamento" ás últimas manifestacións da Fundación Francisco Franco, "se esas foron" as que recolleron os medios de comunicación. Refírese ao comunicado no que responde ás peticións para a súa ilegalización afirmando que "Franco non fusilou a ninguén nin ditou condenas de morte" e que a organización ten que seguir o seu traballo para pór de relevo o "xenocidio de católicos" e defender as "vítimas" "da "Fronte Popular".

A Xunta "rexeita" as últimas manifestacións da Fundación pero aclara que non é quen vela polo cumprimento da Lei de Memoria Histórica

Rueda lembrou ademais que a Administración autonómica xa abriu un expediente sancionador ao entender que non se estaba cumprindo o réxime de visitas ao Pazo e engadiu que "se se determina que ten que acabar en sanción, acabará".

A Xunta xa manifestara a súa impotencia ante a problemática derivada pola xestión por parte dos Franco das visitas ao Pazo de Meirás e a posible apoloxía do franquismo e da ditadura da que advertía a institución. "Cumprimos coa lei, como non podería ser doutra maneira nun Estado de dereito. E dentro deste marco democrático, todas as persoas ou entidades xurídicas deben respectar e cumprir as normas democráticas coas que se dota o Estado", explica.

Ademais, lembraba que a Fundación Francisco Franco "é unha entidade considerada legal" e que, "polo tanto, o seu dereito, pero tamén o seu deber, é actuar baixo as regras democráticas". Respecto á posibilidade de impulsar iniciativas para recuperar o Pazo para o público ou porse en contacto coa familia do ditador para advertirlle da imposibilidade de facer apoloxía da ditadura, a Xunta nada di. "En todo caso, se a Xunta detecta algunha actuación fóra do marco legal establecido, poñeraa en coñecemento dos órganos xudiciais pertinentes", aseguraba hai unhas semanas. 

Alfonso Rueda © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.