As Illas Atlánticas teñen a consideración de Parque Nacional dende xullo de 2002, cando entrou en vigor a lei que, aprobada no Congreso por iniciativa do Parlamento de Galicia, outorgou ao arquipélago esta figura de protección ambiental e conservación. Aquela norma fiaba boa parte do deu desenvolvemento á aprobación do correspondente Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do parque, o "instrumento para a planificación da xestión do parque" en ámbitos tan diversos como a protección medioambiental, os permisos para diversas actividades e mesmo a administración económica. Dado o carácter central do plan a propia lei fixaba un prazo máximo para a súa aprobación: un ano.
Ese limiar temporal foi obviado polo Goberno de España mentres o parque foi da súa competencia. Cando a Xunta asumiu a xestión das Illas Atlánticas no ano 2008 -foi unha das transferencias incluídas no último paquete que, ata agora, ampliou as competencias do Executivo galego- anunciou a posta en marcha da elaboración do PRUX e, tras o cambio de cor política do Goberno en 2009, o novo gabinete do PP asegurou crer "fundamental" a súa aprobación e aplicación. A dirección xeral de Conservación da Natureza, daquela dependente da Consellería do Medio Rural, puxo en marcha o proceso e chegou a ter en 2011 unha versión completa do PRUX que, entre outros aspectos, contemplaba a redución do límite de visitantes ás Illas Cíes, o mesmo que segundo transcendeu este verán as navieiras transgreden de xeito sistemático e que segue fixado en 2.200 visitantes máis 800 campistas.
O plan está obrigado pola lei e a súa redacción inicial condicionaba "calquera actividade" no Parque ás súas "necesidades de conservación"
O Goberno e mais o Padroado do Parque das Illas Atlánticas chegaron a avanzar notablemente na elaboración do plan, que acumulou numerosas variacións, emendas e redaccións alternativas. O Consello da Xunta tivo coñecemento dos traballos a través dun informe o 21 de xullo de 2011 e o 17 de agosto dese mesmo ano o Diario Oficial de Galicia anunciou o seu sometemento a exposición pública polo prazo dun mes. Foi daquela cando se coñeceron os detalles do documento, 81 páxinas que debullaban traballos a realizar durante seis anos inspirados por un criterio xeral: "as necesidades de conservación condicionarán calquera actividade" no Parque, tamén o seu "uso público" e visitas, condicionadas en calquera caso á "capacidade de acollida" dos arquipélagos, "tanto espacial como temporal".
Menos pasaxes nas navieiras e menos prazas no camping
Fragmento do PRUX das Illas Atlánticas abordado pola Xunta en 2011
O plan sometido a exposición pública en 2011 reducía o límite de visitantes ás Cíes a 1.800 xunto a outros 200 con autorización especial e minguaba as prazas do camping ata as 550
O texto do PRUX avaliado en 2011 estipulaba, como marca a lei, a redacción futura de plans sectoriais para ás diferentes áreas de xestión do parque, un deles para regular o devandito uso público. En calquera caso, ese segundo texto debería estar condicionado pola "capacidade de carga" con "cupos máximos de visitantes" menores aos actuais. En "temporada alta", de maio a setembro, o PRUX fixaba para as Illas Cíes unha "carga total diaria" de 1.800 persoas a través de navieiras e outras 200 en "grupos organizados" con "autorización extraordinaria"; serían, daquela, 200 visitantes menos que na actualidade. A capacidade do camping, ademais, pasaría de 800 persoas a 550, polo que nos días de máxima ocupación estaría autorizada a estancia dunhas 450 persoas menos cada día.
O PRUX, cuxa dotación orzamentaria estimábase en case 13 millóns de euros, puña ademais límites a outro dos arquipélagos do parque, as Ons, illas ás que as navieiras desviaron neste agosto de 2017 parte da afluencia turística inicialmente destinada a Cíes tras seren denunciadas novamente por transgredir os límites. Segundo o PRUX a Ons non poderían acudir máis de 1.200 persoas en navieiras, outras 200 en grupos autorizados e 300 máis "na área de acampada". En ambos arquipélagos o límite para a temporada baixa ficaría limitado a 250 persoas coa devandita autorización da dirección do Parque.
Conflito polos límites á pesca
O texto do plan incomodou as navieiras e mais a confrarías pesqueiras, que iniciaran mobilizacións contra a súa aprobación
Os límites ás visitas contemplados no PRUX abrían á Xunta unha fronte de conflito que non era a única. O plan, que dividía o parque en cinco zonas segundo o seu grao de protección e uso, vetaba calquera tipo de explotación pesqueira ou marisqueira na "zona de reserva" -a contorna litoral das illas e outras zonas- e restrinxíaa na "zona de uso restrinxido", áreas con especies de algas de alto valor ecolóxico. Estas e outras restricións deron lugar a mobilizacións por parte das confrarías afectadas polos "inaceptables" futuros límites e plans de xestión. O Goberno mantivo diversas xuntanzas co sector e en varios comunicados públicos chegou a subliñar que non se "prohibía a extracción de ningunha especie de interese comercial", ademais de lembrar que era "necesario" aprobar o PRUX por ser obrigatorio e acumular, ademais, "moitos anos de atraso", admitía Medio Rural en outubro de 2011.
O PRUX, que tamén prevía a "erradicación" de especies invasoras como o eucalipto, non foi retomado pola actual Consellería de Medio Ambiente
Estas e outras frontes de conflito foron relegando o PRUX ás gabetas da Xunta antes das eleccións galegas de 2012 e non volveu saír delas no intenso ciclo electoral que viviu o país entre 2014 e 2016. A redución das visitas, o control da pesca e a "erradicación" de especies invasoras como o eucalipto, citado especificamente, ficou aparcado mentres a conservación da natureza mudaba de departamento do Goberno galego ata asentarse en 2015 na nova Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que dirixe Beatriz Mato.
Dende que o plan foi aparcado sucedéronse as transgresións dos límites diarios de visitas por parte das navieiras e as estatísticas oficiais do parque acreditan que a súa explotación turística non deixou de aumentar. Así, dos arredor de 320.000 visitantes naquel ano 2011 pasouse a máis de 400.000 no pasado 2016, un incremento ante o que Medio Ambiente dixo desbotar contemplar reducións como as incluídas no proxecto de PRUX. Ben ao contrario, a conselleira asegura "querer máis".