Os 6 grandes cambios que introduce a Lei de Iniciativas Empresariais do PP

Vista da explotación mineira de San Finx © Sacyr

O Parlamento aprobou este martes a toma en consideración, polo trámite de urxencia, da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais. O proxecto, que iniciará agora un rápido trámite lexislativo, contou unicamente co apoio da maioría absoluta do PP e foi moi criticado pola oposición no seu conxunto, que alerta de que busca limitar a capacidade dos poderes públicos e da sociedade para controlar os efectos sobre o medio ambiente e o patrimonio da minaría, o sector eólico e da explotación forestal.

Que efectos prácticos terá esta norma de aprobarse na súa formulación actual? As entidades que conforman a Alianza Rural Galega (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM) veñen de realizar unha análise sobre as consecuencias lexislativas que a lei terá, modificando normas tan importantes coma a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico, a Lei 3/2008 de minería, ou a Lei 7/2012 de Montes.

En primeiro lugar a proposición de lei outórgalles aos proxectos empresariais máis facilidades para eludir os controis, debido a que fai máis sinxela a súa consideración como proxectos industriais estratéxicos, que se benefician dun menor control urbanístico, dunha declaración de utilidade pública, da prevalencia sobre outras utilidades públicas e que adquiren unha incidencia supramunicipal, polo que poden eludir o control dos concellos; así mesmo, poden obter adxudicacións directas de solo e maiores subvencións. O artigo 16 da norma reduce de 50 a 20 millóns de euros o volume de investimento mínimo necesario para que un proxecto sexa declarado estratéxico, e de 250 a 100 os postos de traballo directos creados.

No ámbito da minaría, denuncia ADEGA, "toda Galicia será unha mina sen apenas regulación". A norma modifica a Lei 3/2008 da minaría de Galicia, reducindo os trámites para os novos proxectos mineiros, reducindo prazos e dando a Industria capacidade substantiva para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (Medio Ambiente, Patrimonio, Urbanismo...). Modifícase o artigo referido á información pública para que o promotor poida solicitar a expropiación ou a utilidade pública xuntamente coa presentación do proxecto, sen agardar pola aprobación deste. E, igualmente, para outorgar a utilidade pública no mesmo acto administrativo de resolución do expediente, "dando a posibilidade á empresa de chegar a acordos cos propietarios para evitar a expropiación", sinala a entidade ambientalista. Tamén se modifica o artigo 23, referido ás consultas ás administracións, de xeito que os actuais informes preceptivos (Medio Ambiente, Augas e Costas...) deixan de ser determinantes. "Agora, aínda que estes informes sexan contrarios, se o criterio de Industria é outro, o proxecto segue adiante", sinalan dende ADEGA. O prazo para a emisión destes informes preceptivos baixa de dous meses a tan só un mes e a lei establece que se os informes se reciben fóra de prazo, non serán tidos en conta.

Os proxectos de especial interese, referidos a proxectos de produción de enerxía eléctrica con renovables (eólica, biomasa, hidroeléctrica...), obterán tramitación prioritaria e automaticamente consideraranse prevalentes sobre outras actividades

No ámbito eólico, a lei modifica a tramitación administrativa dos parques eólicos, suprimindo o antigo 34 da lei 8/2009 que fixaba os criterios de valoración para poder escoller entre diferentes solicitudes de proxectos. Entre eses criterios figuraban a menor afección ambiental, o compromiso de desenvolver un proxecto industrial ou o compromiso de repotenciamento dos parques xa instalados. Ademais, o proceso de expropiación dos montes veciñais en man común afectados por un proxecto eólico pasa a ser regulamentado por esta norma. Así mesmo, introdúcense os denominados proxectos de especial interese, referidos a proxectos de produción de enerxía eléctrica con renovables (eólica, biomasa, hidroeléctrica...), que obterán tramitación prioritaria e automaticamente consideraranse prevalentes sobre outras actividades.

A Lei de Montes tamén é modificada. Muda o artigo 92, relativo ás autorizacións para os aproveitamentos madeireiros, antes necesarias en todos os casos (con excepción do uso doméstico) e polo que agora só haberá que pedir autorización cando haxa frondosas autóctonas. Para o resto das especies, abonda cunha declaración responsable. Sobre a biomasa forestal, elimínase a necesidade de comunicación e o prazo 15 días de antelación do aproveitamento e substituíndoa igualmente por unha declaración responsable.

Hai cambios tamén na Lei de Conservación da Natureza, introducindo limitacións á protección dos espazos da Rede Natura. Así, introdúcese unha excepción para os aproveitamentos madeireiros nas zonas de especial protección dos valores naturais (agora ZEC) da Rede Natura, que non precisarán de autorización de Medio Ambiente e que só se rexerán pola Lei de Montes. Deste xeito, equipáranse estes usos (cortas, plantacións...) aos tradicionais.

No interior dun complexo articulado a norma introduce importantes cambios tamén na política de residuos que ata o de agora levou o Goberno do Partido Popular. Na súa disposición adicional segunda prevé a creación dunha planta de compostaxe en SOGAMA, que producirá compost cos residuos orgánicos dos concellos próximos á planta que se adhiran, localidades nas que a materia orgánica debería ser recollida separadamente, un sistema semellante ao de Lousame ou Nostián. Para ADEGA, "a transcendencia desta disposición é capital: Aínda que de xeito testemuñal (só 15.000 toneladas/ano e nunha única instalación) e pola porta de atrás, a Xunta vén de certificar tras 20 anos o fracaso do modelo SOGAMA baseado na incineración, promovendo a compostaxe a gran escala e abrindo a posibilidade de implantar nos concellos a recollida selectiva de materia orgánica". "Por qué entón non se estende a recollida selectiva e a compostaxe, máis barata e ecolóxica, ao resto dos concellos do país?", pregúntase a entidade ambientalista.

A lei "supón unha desregulamentación de facto, que elimina cautelas ambientais e dereitos dos administrados para outorgarlle patente de corso a empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas"

Para ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM, a lei "supón unha desregulamentación de facto, que elimina cautelas ambientais e dereitos dos administrados para outorgarlle patente de corso a empresas mineiras e pasteiro-enerxéticas". Ademais, "socava profundamente o interese xeral modificando substancialmente a tramitación administrativa de determinados proxectos, e convertendo na práctica a Industria nun supra-organismo, un sultanato que impón o seu criterio por riba de calquera outra consideración". "Fica tamén clara a intención do PP de abrir o país, tal como vén de facer a UE co CETA, aos fundos de investimento e á economía especulativa cuxos intereses primarán por riba do ambiente, da saúde e dos dereitos da cidadanía", conclúe.

 

Destrución causada pola maquinaria forestal nun bosque de ribeira © Mariña Patrimonio
Vista da explotación mineira de San Finx © Sacyr
Feijóo, na inauguración dun parque eólico © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.