Villares quere que a indemnización do eólico a pague Feijóo e este que o ex-xuíz “non volva ditar unha sentenza”

Villares durante a súa participación nos actos da Diada contra a que cargou Feijóo Dominio Público En Marea

O presidente pon en dúbida que os portavoces de En Marea e BNG acaten a lei pola súa participación na Diada

As preguntas de control ao goberno da Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia volveron converterse nunha nova sesión de críticas contra a oposición por parte do presidente Feijóo, que puxo en dúbida que os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, acaten a lei pola súa participación nos actos da Diada. Se as críticas contra a segunda as formulou cando esta lle preguntou pola situación do Pazo de Meirás, contra o primeiro foi a preguntas deste polas políticas de emprego autonómicas e a falta de execución orzamentaria nesa materia.

“Pola súa chapuza eólica estamos pagando agora tres millóns de euros”, díxolle Villares a Feijóo, que retrucou amosando o seu desexo de que o xuíz en excedencia "non volva ditar unha sentenza en Galicia"

No debate con Villares, o portavoz de En Marea criticou que o Goberno vaia pagar 3 millóns de euros en indemnizacións a empresas por suspender o concurso eólico do bipartito. Villares atribuíu aquela decisión, pola que agora os tribunais están condenando á Xunta, á campaña electoral que en 2009 levou a Feijóo ao goberno e instou o presidente a “pagar do seu peto” esas indemnizacións “ou que o faga o PP porque foi a súa campaña electoral”. “Pola súa chapuza eólica estamos pagando agora tres millóns de euros”, díxolle.

Na súa resposta, Feijóo, que evitou referirse ás indemnizacións pola anulación do concurso eólico, volveu facer fincapé nas divisións internas de En Marea e no pasado laboral de Villares, como maxistrado en excedencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). “Acata as sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional ou non? Como vostede non acata as sentenzas dos tribunais, que lle parece se os galegos non acatamos nunca as sentenzas que vostede poida chegar a ditar?”, preguntouse, para rematar sentenciando: “Espero que non volva ditar unha sentenza en Galicia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.