“A Transición para nós foi exemplar”, di Feijóo preguntado pola situación dos Franco no Pazo de Meirás

Feijóo, durante a súa comparecencia no Parlamento este mércores Dominio Público @GrupoPopularGal

O presidente da Xunta acusa o BNG de apoiar que se incumpra a lei tanto co edificio como en Cataluña, reproducindo a argumentación empregada hai dous días pola Fundación Franco

A democracia, salientou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “ampara incluso a quen non cre na democracia e o Estado de Dereito”. Esa foi a súa resposta cando a portavoz do BNG, Ana Pontón, lle preguntou no Parlamento de Galicia polas actuacións do seu goberno ante os incumprimentos dos Franco das súas obrigas de abrir ao público o Pazo de Meirás. “Para vostede a Transición foi calamitosa, para nós foi exemplar, esa foi a gran diferenza entre nós os demócratas e os que non aceptan a democracia constitucional”, díxolle o popular á nacionalista, para acusala a continuación de apoiar o incumprimento das leis en Cataluña reproducindo así unha relación entre dous feitos (o conflito do Pazo de Meirás e o conflito catalán) que xa fixo dous días antes a Fundación Franco nun comunicado no que cargou contra o BNG.

Comezou a súa intervención a portavoz nacionalista salientando que a Fundación Franco quere facer en Meirás “un parque temático do franquismo coa súa complicidade”, e lembrou que ata finais de 2012 a Xunta abooulle á familia Franco máis de 50.000 euros para pagar a seguridade privada do recinto. Ante o importe de 4.500 euros da multa que a Xunta anunciou o pasado sábado que lle imporá aos Franco por non facilitar as visitas ao recinto como esixe a lei, a conclusión de Pontón foi que á familia “sáelle gratis incumprir a lei”.

A Xunta propón que se acrediten "vicios ocultos" na suposta doazón do pazo en 1938 e Pontón sospeita que quere que "os seus expertos" lle digan que non os houbo

Feijóo respondeulle salientando que o actual goberno galego é o primeiro que sanciona aos Franco “e se hai apoloxía do franquismo iremos ao fiscal”, censurando que non o fixese o BNG. O presidente da Xunta insistiu na súa argumentación de que non quere nin comprar nin expropiar o pazo para que iso non supoña pagarlle dúas veces aos Franco, despois de que estes xa recibisen o recinto en 1938 como unha suposta doazón do pobo galego que foi xestionada con ameazas aos veciños. Feijóo apostou porque “investigadores e universidades” analicen como se realizou esa suposta doazón orixinal e acrediten “vicios ocultos” que posibiliten que o pazo poida volver ao dominio público de xeito gratuíto. Porén, a nacionalista amosou a súa desconfianza sobre esa proposta: “Vostede quere que os seus expertos lle digan que non houbo ningún vicio”, retrucoulle Pontón.

Hai dous días a Fundación Franco emitiu un comunicado no que relacionou as actuacións do BNG co independentismo catalán

O presidente rematou a súa intervención cargando contra o BNG e acusándoo de querer que a Xunta incumpra a lei para recuperar o Pazo de Meirás do mesmo xeito que ao seu ver os nacionalistas apoian que se incumpra a lei para avanzar coa independencia de Cataluña. Unha relación similar entre a actuación dos nacionalistas en Meirás -que chegaron a ocupar varias horas durante unha protesta hai uns días- e o independentismo catalán que xa fixo a propia Fundación Franco nun comunicado emitido hai dous días. “Leccións de democracia, sobre todo do BNG, nestes momentos ningunha”, rematou Feijóo.

O PP rexeita prohibir que a Fundación Franco xestione as visitas ao pazo

A maioría absoluta do PP acabou rexeitando dúas iniciativas de En Marea e BNG que pedían prohibir que a Fundación Franco xestione as visitas ao pazo e encomendar esa tarefa ao Concello de Sada

O debate entre Feijóo e Pontón produciuse ao comezo dun Pleno no que a maioría absoluta do PP acabou rexeitando dúas iniciativas de En Marea e BNG que pedían prohibir que a Fundación Franco xestione as visitas ao pazo e encomendar esa tarefa ao Concello de Sada, en cuxo termo municipal se sitúa. Os dous partidos tamén defenderon a proposta aprobada polo Pleno dese concello de declarar non grata a familia do ditador e reclamaron que se inste a ilegalización da Fundación Franco. Porén, o portavoz do PP, Pedro Puy, replicou que as ilegalizacións decídenas os tribunais e que a declaración de non grata non ten ningunha repercusión real. Puy pediu concentrar os esforzos en recuperar o Pazo de Meirás para o dominio público demostrando que a doazón inicial do recinto estivo viciada.

Ana Pontón durante a súa intervención no Pleno deste mércores Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.