Villoslada: "O PSdeG tivo dous grandes presidentes galegos e debemos reivindicalos sempre"

Juan Manuel Díaz Villoslada © PSdeG

Deputado do PSdeG no Parlamento galego e ex-xerente da Universidade da Coruña (UDC), Juan Manuel Díaz Villoslada recoñece a novidade que para el supón a súa candidatura a liderar o partido despois das primarias que se celebrarán o vindeiro 8 de octubre. Repite en varias ocasións a necesidade de "deixar atrás cousas do pasado" e apela a que a formación marque o seu "camiño" dentro da nova etapa que se abriu a nivel federal coa vitoria de Pedro Sánchez na batalla interna.  

Como afronta a carreira das primarias?

Con moitísima ilusión porque son novo nisto. Hai que ter a forza abonda para abrir unha nova etapa no PSdeG; xa a hai a nivel federal, pero agora tócanos aos militantes do PSdeG marcar o noso camiño. Hai que deixar atrás cousas do pasado e pechar o círculo. 

"Hai unha nova etapa a nivel federal e agora tócalle ao PSdeG marcar o seu camiño, deixar atrás cousas do pasado e pechar o círculo"

A precampaña iniciouse coa alución dun candidato ao seu pasado como traballador na Xunta de Fraga. Que lle pareceu?

Quero aclarar que son funcionario do corpo superior da Administración autonómica, ocupei un posto de subdirector xeral durante un ano, un posto técnico e non un cargo político. Non confundamos as cousas nin entremos en demagoxias. Estou moi orgulloso da miña carreira profesional, tamén no Concello da Coruña e na UDC. Utilizar estas malas artes son cousas do pasado que non axudan a construír unha nova etapa. 

Tamén din que é vostede o candidato de Besteiro...

Pois iso tómoo con certo sentido do humor porque coñezo moi pouco a José Ramón Gómez Besteiro. Lévoo con deportividade, pero eu son o candidato dos militantes porque a decisión será só deles. Tratar de etiquetar unha persoa ou outra tamén son cousas do pasado porque, ademais, todos podemos etiquetar a todos. Non se trata diso neste momento. 

"Estou moi orgulloso da miña carreira profesional; utilizar malas artes é cousa do pasado e non axuda a construír unha nova etapa"

Parece inevitable poñer etiquetas.

Si, pero hai que superar esa linguaxe que é propia doutras formas. Temos que facer política con maiúsculas e iso é construír e facer propostas. Niso é no que estamos nas xuntanzas coas diferentes agrupacións locais de Galicia. 

Todos os aspirantes a liderar o partido coinciden en que o PP vive moi cómodo sen un PSdeG forte.

É así. En Galicia precisamos que o PSdeG volva ser a primeira forza progresista. É certo que o panorama político mudou e que é necesario chegar a acordos, como así pasou en moitos concellos e deputacións. Con todo, o PSdeG tivo dous grandes presidentes autonómicos na súa historia, González Laxe e Touriño, e iso hai que reivindicalo sempre para volver con esa forza. Se somos intelixentes e traballamos cohesionados e unidos, que é a clave, poderemos volver ser a primeira forza e aglutinar o maior número de xente progresista en Galicia.

"O PSdeG tivo dous grandes presidentes autonómicos e iso hai que reivindicalo sempre para volver con forza" 

Pero semella claro que calquera alternativa á dereita en Galicia require de acordos con outras forzas.

É lóxico que hoxe en día haxa moitos puntos nos que debemos chegar a acordos co BNG e con En Marea, tal e como se fai en diferentes ámbitos locais, pero tamén é certo que nós temos que buscar a posición máis maioritaria posible para parar o PP, que é o noso contrincante político principal. 

Ante a vindeira cita electoral municipal, como cre que se debería artellar ese entendemento con mareas e BNG?

Esa é unha folla de ruta que temos que trazar con tranquilidade. Unha vez superemos este proceso de primarias e o comité nacional, deberemos empezar a preparala. Evidentemente, en moitos concellos hai gobernos progresistas e nós sempre imos aspirar a ser a forza maioritaria nos seus gobernos, pero alá onde teñamos que chegar a acordos para manter a gobernabilidade e o carácter progresista do executivo, estaremos. Con todo, insisto: o obxectivo debe ser obter o maior apoio posible. 

"Debemos aspirar a ser forza maioritaria, pero estaremos alá onde teña que haber acordos para que gobernen forzas progresitas"

Cal é a súa postura sobre a situación en Catalunya?

O problema catalán e a situación que se está a provocar en Catalunya nestes días cara ao 1-O é resultado da falta de entendemento entre as partes. Apelo a ser capaces de sentar na mesa a parte independentista e o Goberno central, que ten bastante culpa desta radicalización. O PSOE achega fórmulas que permitan sentarnos a falar e estudar unha reforma do texto constitucional. España é un país plural, con moitos sentimentos nacionais e todos temos que traballar xuntos para actualizar aquel pacto. 

"Debemos avanzar en autogoberno e nunha reforma estatutaria, en clave de nacionalidade histórica e de federalismo"

Pedro Sánchez incluíu Galicia entre as nacións que conformarían o Estado. Debe o PSdeG reivindicar sen reparos o carácter nacional de Galicia?

O PSdeG ten unha identidade galeguista propia, marcada e con historia. Temos claro que Galicia, tal e como está recoñecida, é unha nacionalidade histórica. Ese sentimento témolo que defender de forma clara e debemos avanzar en autogoberno e reforma estatutaria. Podemos remontarnos á reforma lanzada por Touriño, o que certifica que o PSdeG pensa en maior capacidade política para poder resolver os noso problemas, en clave de nacionalidade histórica pero sempre desde un punto de vista federal e cooperativo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.