O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, anunciou este venres en rolda de prensa que o Concello vén de atopar documentación que demostraría que as estatuas de Abraham e Isaac do escultor Mestre Mateo, en propiedade da familia Franco, pertencen ao consistorio compostelán.
As estatuas atópanse na actualidade formando parte dunha exposición no Pazo de Xelmírez, continuidade da que houbo no Museo do Prado entre novembro de 2016 e marzo de 2017, sobre a obra do Mestre Mateo.
O expediente foi atopado tras un traballo de documentación nos arquivos da Universidade de Santiago de Compostela
As dúas figuras, que representan a Abraham e Isaac, están na actualidade en mans da familia do ditador franquista, a pesar de que non existe ningún documento de cesión por parte do Concello de Santiago, quen as adquiriu en 1948 por unha cantidade de 60.000 pesetas. O documento notarial de compravenda, así como o resto do expediente, foi atopado tras un traballo de documentación levado a cabo nas últimas semanas nos arquivos da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con historiadores desa institución. Nese documento condiciónase a venda a que as esculturas non saian do patrimonio municipal nin por enaxenación, doazón, concesión de depósito ou calquera outra figura, xa que en caso contrario debería indemnizarse ao vendedor con 400.000 pesetas.
Na documentación localizada recóllese tamén un informe técnico do arquitecto Francisco Asorey onde describe as figuras e di delas que posúen "gran valor artístico".
Ademais do debate que se dará no vindeiro pleno sobre este asunto, o alcalde anunciou que os servizos xurídicos do Concello están a traballar para presentar unha reclamación xudicial para que a familia Franco devolva estas esculturas ao patrimonio. Xa hai varios días, BNG e o goberno municipal de Compostela engadiron á reclamación de recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público a devolución, tamén, por parte da familia do ditador, destas dúas esculturas do Pórtico da Gloria.
Alén diso, o programa El Intermedio de La Sexta lanzou este mércores unha campaña para reclamar que a familia Franco devolva ao patrimonio público as esculturas. Así, a canle difundiu con éxito nas redes sociais o cancelo #FreeAbrahamIsaac e instou a súa audiencia a subir fotos acompañadas deste lema e cun cartel no que se pode ver as dúas figuras encarceradas. Así o fixeron os seus presentadores.