0 Gardados para despois

Adif aparca o AVE Ourense-Lugo e lanza melloras do tren actual

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Adif vén de tomar esta semana dúas decisións que supoñen a confirmación de feito de que renuncia a executar a curto ou medio prazo o prometido AVE Ourense-Lugo e mesmo a realizar reformas de calado na liña actual como lle pedía o Eixo Atlántico de Cidades. A empresa pública xestora da rede ferroviaria vén de encargar a redacción dos proxectos para electrificar os 70 quilómetros da liña actual que aínda non tiñan esa prestación entre Monforte e Lugo e para suprimir 36 pasos a nivel en todo o percorrido entre Ourense e Lugo.

Fomento encarga os proxectos para suprimir 36 pasos a nivel e electrificar a liña e obvia o compromiso electoral do PP e a petición de reformas de maior calado realizada polo Eixo Atlántico de cidades

O AVE Ourense-Lugo foi unha promesa persoal do presidente Feijóo, que na campaña electoral de 2009 que o levou á Xunta asegurou que o construiría o Goberno galego se non o facía Fomento. Nas autonómicas do ano pasado o PP volveu incluir no seu programa a promesa: “Impulsaremos a alta velocidade a Lugo. Os lucenses non poden quedar ás portas da alta velocidade e deben darse os pasos precisos para que a alta velocidade chegue dende Ourense a Lugo”. Porén, a evidencia de que Fomento non tiña entre os seus plans esa actuación, como xa asume a propia Xunta, fixo que nos últimos tempos as cidades e vilas implicadas, coa Deputación e Lugo e Monforte á cabeza, a través do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, lanzaran unha proposta de reforma significativa da liña actual.

A proposta do Eixo Atlántico, deseñada por quen foi director xeral de Transporte no primeiro goberno de Feijóo, Miguel Rodríguez Bugarín, admite que a construción dunha nova liña de alta velocidade entre Ourense e Lugo oscilaría como mínimo entre os mil e os mil cincocentos millóns de euros. Como alternativa, propúñase a execución de só dúas variantes da vía actual nos treitos máis lentos cun custo duns 650 millóns de euros que permitirían reducir o tempo de viaxe da hora e corenta minutos actuais a unha hora.

As cidades implicadas propuxeran a construción de dúas novas variantes da vía actual nos treitos máis lentos para deixar a viaxe nunha hora cun investimento duns 650 millóns de euros

Porén, os contratos que agora vén de lanzar Adif quedan moi lonxe desas aspiracións. Por un lado, a empresa pública adxudicou por preto de 2 millóns de euros a redacción do proxecto de electrificación do treito Monforte-Lugo, duns 70 quilómetros, aínda non electrificado (xa o está o Ourense-Monforte). Por outro, Adif aínda licita agora por 2,7 millóns a redacción dos proxectos de supresión de 36 pasos a nivel en Ourense (2), Sober (1), Monforte (5), Sarria (14) e Lugo (14). Pero estas son aínda as contratacións das redaccións dos proxectos, cun prazo de elaboración dun ano. Despois aínda habería que contratar e executar as obras. Mentres, Fomento mantén pechada unha variante de sete quilómetros en Láncara que xa está rematada hai anos e que reduciría os tempos de viaxe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.