Milleiros de persoas defenden en Santiago a autodeterminación de Catalunya

A letra de L'Estaca, no remate da manifestación na Praza da Quintana CC-BY-SA Praza Pública

Unha familia catalá de turismo en Santiago sorpréndese ao chegar á Praza de Praterías e atopala a rebordar de manifestantes que berran "votarán, votarán". Rapidamente piden prestada unha bandeira do "si", das editadas pola Assemblea Nacional Catalana e nai, pai e filla tiran unha foto coa manifestación de fondo. Fanno exactamente no mesmo lugar no que, escasos minutos antes, un turista que agardaba na ringleira de acceso á Catedral compostelá deixou a súa quenda para se achegar ás escaleiras e lanzar varios sonoros berros de "viva España, viva España!", se cadra á procura dunha reacción que non foi outra que a indiferencia de quen o ouviron.

Estas dúas escenas poden, se cadra, ser unha mostra de resumo do vivido o mediodía deste sábado na capital galega, data e lugar elixidos pola plataforma Galiza con Catalunya para a súa manifestación en "solidariedade" e apoio ao referendo de autodeterminación convocado para o 1-O e suspendido polo Tribunal Constitucional a instancias do Goberno de España. Con menor presenza policial visible que outras moitas mobilizacións acollidas polas rúas compostelás, entre a multitude cundiu a sensación de certa sorpresa polo volume da concorrencia, maior do agardado.

Con representantes de forzas parlamentarias como o BNG ou En Marea, da práctica totalidade do soberanismo organizado, de sindicatos como a CIG ou a CUT e mais de diversos colectivos sociais e culturais, a manifestación partiu da Alameda compostelá cun clima festivo e entre proclamas a prol da autodeterminación galega e catalá e mais en defensa do propio referendo do 1-O. "Votar non é delito" ou "Estado español, Estado policial" repetíronse en diversas ocasións como mostra de rexeitamento á prohibición.

Tras arredor dunha hora de percorrido a cabeceira da manifestación chegou ás Praterías, coas súas escaleiras como escenario presidido por senllas bandeiras catalá e galega con cadansúas estrelas e a representación dunha gran urna de cartón, que despois sería acompañada por outras urnas reais para que os manifestantes que o desexasen puidesen votar simbolicamente. As papeletas distribuídas pola organización eran, por unha cara, unha reprodución das editadas polo Govern de la Generalitat e pola outra, a tradución ao galego de L'Estaca, a popular canción de Lluis Llach que fora himno antifranquista e que o movemento a prol do referendo adoptou tamén como propio nos últimos meses.

Participantes na manifestación a prol do referendo catalán / Praza Pública

Ringleiras de peregrinos e turistas ían abríndose oco entre a concentración, para a que Praterías resultou escasa, durante a lectura do manifesto final. A plataforma convocante ve a autonomía de Catalunya "suspendida" por parte do Estado e censura  as "ameazas constantes dun réxime decrépito" que "chama referendo ilegal á democracia e desafío secesionista ao dereito de autodeterminación", din. Pero "A imposibilidade de pór cancelas á vontade popular" xa foi quen de "desbordar hai tempo as marxes", de aí que "para os poderes centrais non sexa só unha cuestión territorial", porque está "todo en xogo".

A plataforma convocante censura as "ameazas constantes" á convocatoria do referendo 

Esta plataforma e os colectivos que a compoñen animan "a toda a comunidade galega nese país irmán a dicir si ao referendo, si a Catalunya como Estado independente en forma de república e si á democracia". "Estamos convencidas -afirman- de que máis cedo que tarde unha oportunidade semellante se abrirá ao alcance das nosas mans".

Os aplausos ao manifesto final sucederon nas Praterías á música de Roberto Sobrado, cuxa actuación deu paso aos acordes de L'Estaca, esgrimidos pola concorrencia de novo ao berro de "votarán, votarán". A familia da foto uniuse ao canto coral e outro grupo de turistas preguntaba que era exactamente o que alí se reivindicaba, se a independencia para Galicia ou para Catalunya. Na lindeira Praza da Quintana, mentres, media decena de axentes antidisturbios conversaban entre eles sen incidente ningún no horizonte. De fondo soaba o himno galego, que puxo fin á mobilización e o perenne guitarrista da Quintana tornaba L'Estaca en blues.

Cabeceira da manifestación a prol do referendo CC-BY-SA Praza Pública
A Praza de Praterías, ao remate da protesta CC-BY-SA Praza Pública
CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.