"Paro de país" en Catalunya mentres parte da dereita pide máis dureza contra o independentismo

Mobilización en Barcelona, este martes Dominio Público ANC

As cargas policiais do pasado domingo en Catalunya para impedir o referendo de autodeterminación suspendido polo Tribunal Constitucional, as mesmas que levaron o alto comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, á prensa internacional, a varios mandatarios da UE e mesmo á Comisión Europea a rexeitar a "violencia" como ferramenta política, mudaron o taboleiro do conflito. Un sector da poboación catalá allea ou mesmo contraria ao soberanismo uniuse ás mobilizacións non para transitar cara á esixencia de independencia, senón para censurar a solución policial ao contencioso político. Esta é a base do "paro de país" convocado para este martes en territorio catalán mentres parte da dereita española esixe a Rajoy máis man dura.

O resultado deste paro é, como moitos outros factores do proceso soberanista, incerto. Sindicatos minotritarios en Catalunya e forzas do independentismo como a CUP apelan á folga xeral, chamado que previsiblemente non callará en todo o territorio, mentres que outros sindicatos e organizacións políticas con maior forza e mesmo algunhas organizacións patronais si se unen aos paros parciais. Uns piden unha declaración de independencia inmediata, outros negociación política. Pero todas estas entidades políticas e sociais e un amplo volume de cidadanía cadran en repudiar a violencia, rexeitamento que xa se concretou este luns en escenas inéditas como a protesta de persoal de La Caixa en Barcelona.

As cargas policiais do domingo erosionan a imaxe internacional do Goberno de España e levan ás mobilizacións a sectores sociais alleos ao soberanismo

Pero, como en boa parte do proceso, as reclamacións e equilibrios de forzas en Catalunya non cadran coas do taboleiro estatal, no que amplas capas da dereita política e mediática -entre outros sectores- ollan cara ao Goberno de Mariano Rajoy para reprocharlle a súa estratexia, pero tamén para clamar por maior dureza política e policial. Fano as capas da práctica totalidade dos diarios editados en Madrid, pero tamén destacados cargos do propio PP como o seu responsable de organización, Fernando Martínez Maíllo, quen reduce á categoría de "farsa" a votación do domingo, pero tamén a cifra de 800 persoas feridas que, segundo o servizo de Saúde da Generalitat, foron atendidas a causa das cargas dos antidisturbios.

Flores no valo dun dos colexios que viviron cargas o pasado domingo / Sanda Vicente-Catalunya Plural

O descrédito do relato da represión policial é, precisamente, outra das batallas que se está a librar dende a contorna de apoio ao actual Goberno de España. Imaxes trucadas, falsas ou descontextualizadas difundidas nas redes sociais sobre a acción da Policía -unha das máis sinaladas, a dun enfrontamento cos antidisturbios á que alguen engadiu unha bandeira estelada- levou a cargos populares -entre eles, deputados galegos no Congreso- a espallar a teoría das fake news. Todo ou case todo é mentira porque algunhas imaxes son falsas. E apenas houbo violencia e se a houbo, foi contra a Policía, veñen dicir, mentres algúns deles dan en contrarrestar as falsas imaxes con outras falsidades de seu entre aplausos á acción policial e críticas aos Mossos d'Esquadra, dos que lembran as cargas contra movementos sociais de hai poucos anos.

O PSOE permanece ao carón de Rajoy na defensa da unidade de España, pero critica as cargas; Ciudadanos preme pola aplicación do 155 e Unidos Podemos reitera a necesidade do "referendo pactado"

Mentres se libra a batalla da propaganda, o resultado do "paro de país" deste martes servirá de termómetro da mobilización social en Catalunya, á que prestan atención todas as forzas políticas implicadas no conflito tanto dende Madrid como dende Barcelona. As olladas están postas no Executivo de Rajoy pero tamén e moi especialmente en dúas formacións: o PSOE, como segunda forza no Congreso; e o PNV, vital para a estabilidade parlamentaria. Os de Pedro Sánchez dan o seu apoio ao Goberno na defensa da unidade de España, pero xa critican abertamente as cargas. Ciudadanos, pola súa banda, preme pola aplicación do artigo 155 da Constitución e alimenta as peticións de man dura. Unidos Podemos, pola súa banda, reitera a necesidade do "referendo pactado" mentres é obviado por Rajoy na rolda de contactos anunciada para "todas" as forzas políticas.

Cando, á medianoite deste martes, remate a xornada de paro chegará o momento para o balance e comezará o mércores, día sinalado na Eurocámara para debater sobre Catalunya, debate aprobado mesmo co apoio de parte do Partido Popular Europeo. No seo do Govern catalán a representación do PDECat, partido de Puigdemont, mantén que a opción negociadora segue sobre a mesa. ERC, pola súa banda, inclínase cara á declaración de independencia. Ambos cadran en ollar cara ao escenario internacional.

Manifestación de estudantes en Barcelona © Sandra Lázaro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.