Pouco máis se sete minutos e unha durísima mensaxe. O rei Felipe VI censurou con dureza o Govern de Puigdemont e cualificou o desafío independentista dun movemento "á marxe do dereito e da democracia". "Estamos vivindo momentos moi graves para a nosa vida democrática", dixo o monarca nunha declaración pública mentres milleiros de cidadáns volveron saír a rúa en toda Catalunya para protestar contra a actuación policial do pasado 1-O e polo dereito a decidir. O xefe do Estado non fixo alusión ningunha nin ás mobilizacións nin á devandita actuación policial criticada por toda a prensa internacional e por varios dirixentes de gobernos da UE.
Filipe VI acusou os impulsores do 1-O de rachar coa harmonía e dividir a sociedade catalá: "Pretenderon quebrantar a unidade de España e a soberanía nacional, que é o dereito de todos españois a decidir a súa vida en común". Non hai antecedentes unha mensaxe así desde o 23-F. As súas palabras alfombran o camiño ao Goberno central ante a posibilidade de aplicar o artigo 155 da Constitución e a suspensión da autonomía en Catalunya.
O rei alfombra o camiño para o artigo 155: "É responsabilidade dos lexítimos poderes do Estado asegurar a orde constitucional e o normal funcionamento das institucións"
"Ante esta situación de extrema gravidade, que require o firme compromiso de todos cos intereses xerais, é responsabilidade dos lexítimos poderes do Estado asegurar a orde constitucional e o normal funcionamento das institucións, a vixencida do Estado de dereito e o autogoberno de Catalunhya, baseado na Constitución e no seu Estatuto de Autonomía", dixo o rei.
Foi unha mensaxe logo dun martes de "paro de país" e de folga xeral en Catalunya. Ambas as dúas convocatorias -a primeira de entidades independentistas e patronais, CCOO e UGT; a segunda de centrais minoritarias- levaron milleiros de cidadáns ás rúas para protestar contra a actuación policial do 1-O. As mobilizacións prodúcense na maioría de municipios cataláns, con epicentro na praza Universitat de Barcelona, onde ao mediodía unha manifestación multitudinaria ateigou ás rúas ata que a tarde outra marcha volveu desbordar o centro da capital catalá.
O "paro de país" e a folga xeral levaron milleiros de cidadáns ás rúas de Catalunya, co epicentro da protesta en Barcelona
Desde primeira hora da mañá as rúas de Barcelona e outras poboacións enchéronse de manifestantes, na súa maioría de estudantes. A máis emotiva tivo lugar fronte ao colexio Ramon Llull de Barcelona, en cuxa contorna as cargas da Policía foron unha das imaxes do 1-O. Alí, centos de persoas deixaron caraveis vermellos e, nun ambiente festivo, clamaron contra a violencia policial. En Girona, Tarragona, Sabadell, Lleida e outras cidades vivíronse escenas semellantes, nalgunhas delas con algunhas das manifestacións máis grandes que se lembran.
A xornada empezou con máis de 50 estradas catalás cortadas, incluídos varios puntos da AP-7, a autoestrada que conecta con Francia. Por sectores, ensino, transporte e pequeno comercio concentran o maior seguimento da protesta contra a violencia policial e polo dereito a decidir. O motivo é que nestes sectores os sindicatos minoritarios que si convocaron folga xeral son maioría. Por contra, as grandes cadeas e a industria pesada traballaron con normalidade.
Milleiros de persoas enchen a praza Universitat de Barcelona durante o paro de país do 3-O
O 3-O non rematou coas marchas multitudinarias deste mediodía: desde as 18 da tarde, a Taula per la Democràcia, que agrupa sindicatos, patronais de pequena e mediana empresa e entidades independentistas, convocou unha gran manifestación na praza Universitat, mentres que a mesma hora a CGT e outros sindicatos que si chamaron á folga xeral convocaron nos Jardinets de Gràcia. A primeira das marchas encheu a praza con milleiros de persoas, mentres que a segunda tiña previsto acabar uníndose a esta masiva marcha.
A Generalitat cualificou a xornada deste 3-O de "paro masivo". Segundo os datos proporcionados pola consellera de Traballo e Asuntos Sociais, Dolors Bassa, o paro tivo especial incidencia no transporte e o sector público, administración, ensino e sanidade.
O paro tivo especial incidencia no sector público, administración, ensino e sanidade; o consumo eléctrico á mañá baixou un 11,5%
A consellera fixo fincapé en que o consumo eléctrico baixou este martes en Catalunya un 11,5% entre as 9 e as 13 horas en comparación cunha xornada laboral habitual. E fíxoo malia que a gran industria non secundou o paro, xa que só houbo 48 horas entre a convocatoria e a celebración do paro cívico. Ao non poder planificar o paro e pola súa incidencia na produción, a gran industria -como a SEAT de Martorell- traballou este martes.
Con todo, Bassa asegurou que o paro tivo unha alta incidencia na pequena e mediana empresa -as súas patronais promovíano-, e tamén de máis de 50% no pequeno comercio. En ambos os casos, explicou Bassa, o paro foi pactado entre dirección e traballadores, tal e como pediran sindicatos e patronais, e non foi comunicado á administración ao non considerarse unha folga xeral.
Folga xeral e "paro de país"
A orixe das dúas protestas que se mesturan este martes en Barcelona é distinto. Por unha banda, o chamado "paro cívico" foi convocado pola Taula per la Democràcia, que agrupa os principais sindicatos de Catalunya, ademais de entidades independentistas. E polo outro, a folga xeral que si convocaron centrais minoritarias como a CGT, COS, Intersidical-CSC e IAC, así como partidos de esquerda como a CUP.
Manifestación fronte a comisaría da Policía Nacional na Via Laietana de Barcelona / Robert Bonet
Distintos dirixentes políticos valoraron a xornada este mesmo martes. Desde o PP, o seu portavoz no Congreso, Rafael Hernando, cualificouna "de corte nazi". "ERC, a CUP e algunha outra formación queren que haxa mortos en Catalunya", engadiu
Pola súa banda, desde a Generalitat, os seus máximos responsables celebraron os paros e fixeron unha advertencia sobre posibles infiltrados nas manifestacións para provocar disturbios, aos que pediron responder cunha "lección de paz".
Hernando (PP) cualificou a folga "de corte nazi" e dixo que "ERC e CUP queren que haxa mortos en Catalunya"
Á primeira hora da mañá, as estradas foron os principais puntos de afectación pola folga. A principal vía afectada por estes cortes é a AP-7, que rexistra un total de dez quilómetros nun tramo en Cervià de Ter sentido Barcelona e outro corte en Sarrià de Ter (Xirona), informa o Servei Català de Trànsit (SCT). Outras estradas afectadas foron a B-23, a C-25, a C-252, a C-31, a C-63, a C-66, a N-260, a T-11, a C-16 e a N-340. En total, ata 54 estradas -segundo informou o Servei Català de Trànsit- ao longo do territorio catalán.
No transporte de persoas, os servizos mínimos establecidos para Rodalies e os trens Rexionais de Cataluña, operados por Renfe, serán do 33%. En TMB, os servizos mínimos de metro funcionaron ao 40% e os autobuses ao 30%. Con todo, a partir das 9.30 e ata as 17 horas. non pasan metros nin buses na capital catalá.
Pola súa banda, os estibadores do porto de Barcelona e Tarragona anunciaron que secundan a folga xeral ao 100%. Aínda que o resto de estamentos do porto non se resentirá. O sector que máis paro terá será o educativo. Todas as universidades catalás anunciaron a suspensión da súa actividade académica este martes para protestar contra a violencia policial o 1-O.
Outra imaxe recorrente nas primeiras horas de paró na capital catalá é a dos establecementos coa persiana medio baixada. Bares, supermercados ou talleres traballando a medio gas. "Temos a persiana medio baixada, si... O meu xefe estivo ás cinco da mañá na súa escola pero por responsabilidade cos clientes temos a persiana medio baixada. Hoxe tiñamos un pedido", destaca un empregado dun concesionario no distrito do Eixample de Barcelona.
Por outra banda, a saída -"acoso" segundo o PP- de policías e gardas civís de hoteis cataláns onde estaban aloxados debido ás protestas dos veciños será investigada pola Fiscalía de Barcelona. En concreto, polo fiscal contra os delitos de odio e discriminación, Miguel Ángel Aguilar.
>> Con información de Neus Tomàs, Pau Rodríguez, Yeray S. Iborra, Sandra Vicente, Carla Benito, Arturo Ponte, Oriol Solé, Tomeu Ferrer e Sergi Franch