Últimas chamadas ao diálogo para evitar a independencia unilateral e o artigo 155 en Catalunya

Xuntanza da mesa de partidos a favor dun diálogo en Catalunya © Dani Gago / Podemos

Junts pel Sí e a CUP solicitaron este mércores que o president da Generalitat, Carles Puigdemont, compareza este vindeiro luns no pleno para explicar a votación do 1-O, explicar a estratexia do Govern e, presumiblemente, declarar unilateralmente a independencia de Catalunya. Hai dúbidas sen aclarar como cal será a fórmula empregada para esa declaración, que pode incluír matices para evitar que sexa inmediata, ou se nin tan sequera será votada. 

O president Puigdemont comparecerá o vindeiro luns no Parlament para, presumiblemente, declarar a independencia

Ante esa intención, xurdiron as últimas popostas para o diálogo que evite esa declaración unilateral de independencia (DUI) e o máis que presumible aplicación do artigo 155 da Constitución. Miguel Iceta, secretario xeral do PSC, pediu por carta a Puigdemont que a evite e permite unha saída "democrática" e o vicepresident Oriol Junqueras teríase contactado coa igrexa catalá na busca dunha última opción. A alcaldesa de Barcelona foi clara ao pedir que "nin DUI nin 155". 

A oferta máis importante chegou á tarde. A Mesa de partidos políticos pola liberdade, a fraternidade e a convivencia (promovida por Unidos Podemos, En Comú e En Marea) propuxo ao Govern da Generalitat e ao Goberno español que abran unha negociación sen condicións previas para pactar "exclusivamente" unha mediación que permita reiniciar o diálogo que agora mesmo "é imposible". Así o anunciou o presidente do grupo confederal, Pablo Iglesias, que asegurou que trasladou a idea a Rajoy e Puigdemont e que "ningún se negou". 

Iglesias asegura que nin Puigdemont nin Rajoy se negaron a esa apertura de negociacións para conseguir unha mediación no conflito

Ademais de polos convocantes, esta mesa está formada polos dous partidos que forman o Govern (PDeCAT e ERC), ademais de PNV e Compromís. Nesta ocasión, en calidade de observadores asistiron representantes de CCOO e UGT e dos partidos europeos GUE, DIe Linke, Partido Verde e La France Insoumise

Fontes do PDeCAT aseguran a eldiario.es que "de admitirse a negociación, ábrese outro escenario". O partido catalán advirte de que a negociación debería ser "incondicional por ambas partes", polo que non se renuncia a priori á DUI. "Hai que ir paso a paso", insisten na fomación, que cre necesario saír da dinámica de "acción-reacción". Desde o Goberno central, segundo varios medios, poñen unha condición: que se renuncie a declarar a independencia unilateral. 

 

Imputados por sedición

A busca dunha saída ao conflito apúrase nunha xornada na que a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela citou como investigado o major dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, pola súa posible responsabilidade nas concentracións e manifestacións dos días 20 e 21 de setembro por mor das detencións e os rexistros en Catalunya e que impediron, segundo o fiscal, "pola forza a actuación das autoridades e os seus axentes". 

Serán investigados por sedición o 'major' e a intendente dos Mossos e os presidentes de Òmnium Cultural e ANC

Xunto a el, declararán o vindeiro venres tamén como investigados na mesma causa a intendente dos Mossos, Teresa Laplana; e os presidentes das entidades Òmnium Cultural e ANC Jordi Cuixart e Jordi Sánchez. A imputación chega logo da dura mensaxe que o rei transmitiu o pasado martes á noite contra o Govern de Puigdemont. O rei Felipe VI censurou con dureza a Generalitat e cualificou o desafío independentista dun movemento "á marxe do dereito e da democracia".

Nunha dura mensaxe, o rei alfombrou o camiño cara á aplicación do artigo 155 e non fixo apelación ningunha ao diálogo

"Estamos vivindo momentos moi graves para a nosa vida democrática", dixo o monarca nunha declaración pública mentres milleiros de cidadáns volveran saír a rúa en toda Catalunya para protestar contra a actuación policial do pasado 1-O e polo dereito a decidir. O xefe do Estado non fixo alusión ningunha nin ás mobilizacións nin á devandita actuación policial criticada por toda a prensa internacional e por varios dirixentes de gobernos da UE. Tampouco reclamou diálogo, pero si alfombrou o camiño para que o Executivo central aplicase o artigo 155 da Constitución e a suspensión da autonomía. Ás poucas horas, a BBC resumía unha entrevista co president catalán na que este aseguraba que o Parlament declararía a independencia de Catalunya en poucos días. 

O rei de España, durante a mensaxe

O rei Filipe VI durante o discurso sobre o conflito político en Catalunya

Agora, a maxistrada Lamela admitiu a trámite hai unha semana a denuncia que presentou a Fiscalía por estes feitos nun auto no que explicaba que as condutas dos manifestantes podían encaixar no artigo 544 do Código Penal que sanciona o alzamento tumultuario, dirixido a impedir pola forza ou fóra das vías legais a aplicación das leis ou a calquera das persoas que o mesmo se relacionan no exercicio das súas funcións ou o cumprimento dos seus acordos ou das resolucións administrativas ou xudiciais.

A xuíza apuntaba no auto do pasado mércores, conforme ao relato dos feitos do fiscal, que a finalidade última das mobilizacións era "romper a organización do Estado", polo que atenta tamén contra a forma actual de Goberno en España a que se refire a Lei Orgánica do Poder Xudicial que regula as competencias da Audiencia Nacional.

"A planificación destas actuacións chegou a contar con voluntarios que repartían bebidas e comida aos concentrados", advertía o fiscal

O fiscal Miguel Ángel Carballo centrouse no seu escrito no ocorrido na sede da Conselleria de Economia. "A planificación destas actuacións chegou ao momento de contar con voluntarios que repartían bebidas e comida aos concentrados", subliñou. Ás 20.20 horas, o líder da ANC, Jordi Sánchez, dirixiuse aos 40.000 concentrados para dicirlles "que ninguén marche a casa, será unha noite longa e intensa", apuntou o fiscal.

Como resultado, a comisión xudicial que supervisaba o rexistro ordenado por un xuíz non puido abandonar o edificio e tivo que saír, para sortear a concentración, "xa de madrugada a través da azotea do edificio", mentres na porta da Conselleria o presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, pedía que a mobilización non se detivese.

No relato dos feitos, o fiscal tamén recolle que "tres vehículos oficiais da Garda Civil foron atacados polo xentío, obrigando os axentes a refuxiarse".

 

A independencia, nuns días

Por outra banda, Carles Puigdemont deu a súa primeira entrevista tras o referendo do 1 de outubro á cadea pública británica BBC, que publicou algúns extractos da mesma na súa páxina web. A declaración de independencia chegará en cuestión de días, segundo declarou o president da Generalitat: "Imos declarar a independencia 48 horas despois de que sexan oficiais todos os resultados".

Á pregunta concreta de cando chegará ese momento, Puigdemont fixou un intervalo de tempo: "Movémonos entre a fin de semana e inicios da que vén".

"Imos declarar a independencia 48 horas despois de que sexan oficiais todos os resultados", di Puigdemont na BBC

O president afirmou que a intervención da autonomía, a aplicación do artigo 155, "sería outro erro desta cadea de erros". Na súa opinión, estas equivocacións do Goberno central están a achegar os independentistas ao seu obxectivo: "Hoxe estamos máis preto da independencia que hai un mes (...). A cada erro, acumulamos máis forza social, máis maioría en Catalunya que non acepta esta situación".

 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.