0 Gardados para despois

Últimas chamadas ao diálogo para evitar a independencia unilateral e o artigo 155 en Catalunya

Catalunya PluralCatalunya Plural | @Catalunyaplural


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Junts pel Sí e a CUP solicitaron este mércores que o president da Generalitat, Carles Puigdemont, compareza este vindeiro luns no pleno para explicar a votación do 1-O, explicar a estratexia do Govern e, presumiblemente, declarar unilateralmente a independencia de Catalunya. Hai dúbidas sen aclarar como cal será a fórmula empregada para esa declaración, que pode incluír matices para evitar que sexa inmediata, ou se nin tan sequera será votada. 

O president Puigdemont comparecerá o vindeiro luns no Parlament para, presumiblemente, declarar a independencia

Ante esa intención, xurdiron as últimas popostas para o diálogo que evite esa declaración unilateral de independencia (DUI) e o máis que presumible aplicación do artigo 155 da Constitución. Miguel Iceta, secretario xeral do PSC, pediu por carta a Puigdemont que a evite e permite unha saída "democrática" e o vicepresident Oriol Junqueras teríase contactado coa igrexa catalá na busca dunha última opción. A alcaldesa de Barcelona foi clara ao pedir que "nin DUI nin 155". 

A oferta máis importante chegou á tarde. A Mesa de partidos políticos pola liberdade, a fraternidade e a convivencia (promovida por Unidos Podemos, En Comú e En Marea) propuxo ao Govern da Generalitat e ao Goberno español que abran unha negociación sen condicións previas para pactar "exclusivamente" unha mediación que permita reiniciar o diálogo que agora mesmo "é imposible". Así o anunciou o presidente do grupo confederal, Pablo Iglesias, que asegurou que trasladou a idea a Rajoy e Puigdemont e que "ningún se negou". 

Iglesias asegura que nin Puigdemont nin Rajoy se negaron a esa apertura de negociacións para conseguir unha mediación no conflito

Ademais de polos convocantes, esta mesa está formada polos dous partidos que forman o Govern (PDeCAT e ERC), ademais de PNV e Compromís. Nesta ocasión, en calidade de observadores asistiron representantes de CCOO e UGT e dos partidos europeos GUE, DIe Linke, Partido Verde e La France Insoumise

Fontes do PDeCAT aseguran a eldiario.es que "de admitirse a negociación, ábrese outro escenario". O partido catalán advirte de que a negociación debería ser "incondicional por ambas partes", polo que non se renuncia a priori á DUI. "Hai que ir paso a paso", insisten na fomación, que cre necesario saír da dinámica de "acción-reacción". Desde o Goberno central, segundo varios medios, poñen unha condición: que se renuncie a declarar a independencia unilateral. 

 

Imputados por sedición

A busca dunha saída ao conflito apúrase nunha xornada na que a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela citou como investigado o major dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, pola súa posible responsabilidade nas concentracións e manifestacións dos días 20 e 21 de setembro por mor das detencións e os rexistros en Catalunya e que impediron, segundo o fiscal, "pola forza a actuación das autoridades e os seus axentes". 

Serán investigados por sedición o 'major' e a intendente dos Mossos e os presidentes de Òmnium Cultural e ANC

Xunto a el, declararán o vindeiro venres tamén como investigados na mesma causa a intendente dos Mossos, Teresa Laplana; e os presidentes das entidades Òmnium Cultural e ANC Jordi Cuixart e Jordi Sánchez. A imputación chega logo da dura mensaxe que o rei transmitiu o pasado martes á noite contra o Govern de Puigdemont. O rei Felipe VI censurou con dureza a Generalitat e cualificou o desafío independentista dun movemento "á marxe do dereito e da democracia".

Nunha dura mensaxe, o rei alfombrou o camiño cara á aplicación do artigo 155 e non fixo apelación ningunha ao diálogo

"Estamos vivindo momentos moi graves para a nosa vida democrática", dixo o monarca nunha declaración pública mentres milleiros de cidadáns volveran saír a rúa en toda Catalunya para protestar contra a actuación policial do pasado 1-O e polo dereito a decidir. O xefe do Estado non fixo alusión ningunha nin ás mobilizacións nin á devandita actuación policial criticada por toda a prensa internacional e por varios dirixentes de gobernos da UE. Tampouco reclamou diálogo, pero si alfombrou o camiño para que o Executivo central aplicase o artigo 155 da Constitución e a suspensión da autonomía. Ás poucas horas, a BBC resumía unha entrevista co president catalán na que este aseguraba que o Parlament declararía a independencia de Catalunya en poucos días. 

O rei de España, durante a mensaxe

O rei Filipe VI durante o discurso sobre o conflito político en Catalunya

Agora, a maxistrada Lamela admitiu a trámite hai unha semana a denuncia que presentou a Fiscalía por estes feitos nun auto no que explicaba que as condutas dos manifestantes podían encaixar no artigo 544 do Código Penal que sanciona o alzamento tumultuario, dirixido a impedir pola forza ou fóra das vías legais a aplicación das leis ou a calquera das persoas que o mesmo se relacionan no exercicio das súas funcións ou o cumprimento dos seus acordos ou das resolucións administrativas ou xudiciais.

A xuíza apuntaba no auto do pasado mércores, conforme ao relato dos feitos do fiscal, que a finalidade última das mobilizacións era "romper a organización do Estado", polo que atenta tamén contra a forma actual de Goberno en España a que se refire a Lei Orgánica do Poder Xudicial que regula as competencias da Audiencia Nacional.

"A planificación destas actuacións chegou a contar con voluntarios que repartían bebidas e comida aos concentrados", advertía o fiscal

O fiscal Miguel Ángel Carballo centrouse no seu escrito no ocorrido na sede da Conselleria de Economia. "A planificación destas actuacións chegou ao momento de contar con voluntarios que repartían bebidas e comida aos concentrados", subliñou. Ás 20.20 horas, o líder da ANC, Jordi Sánchez, dirixiuse aos 40.000 concentrados para dicirlles "que ninguén marche a casa, será unha noite longa e intensa", apuntou o fiscal.

Como resultado, a comisión xudicial que supervisaba o rexistro ordenado por un xuíz non puido abandonar o edificio e tivo que saír, para sortear a concentración, "xa de madrugada a través da azotea do edificio", mentres na porta da Conselleria o presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, pedía que a mobilización non se detivese.

No relato dos feitos, o fiscal tamén recolle que "tres vehículos oficiais da Garda Civil foron atacados polo xentío, obrigando os axentes a refuxiarse".

 

A independencia, nuns días

Por outra banda, Carles Puigdemont deu a súa primeira entrevista tras o referendo do 1 de outubro á cadea pública británica BBC, que publicou algúns extractos da mesma na súa páxina web. A declaración de independencia chegará en cuestión de días, segundo declarou o president da Generalitat: "Imos declarar a independencia 48 horas despois de que sexan oficiais todos os resultados".

Á pregunta concreta de cando chegará ese momento, Puigdemont fixou un intervalo de tempo: "Movémonos entre a fin de semana e inicios da que vén".

"Imos declarar a independencia 48 horas despois de que sexan oficiais todos os resultados", di Puigdemont na BBC

O president afirmou que a intervención da autonomía, a aplicación do artigo 155, "sería outro erro desta cadea de erros". Na súa opinión, estas equivocacións do Goberno central están a achegar os independentistas ao seu obxectivo: "Hoxe estamos máis preto da independencia que hai un mes (...). A cada erro, acumulamos máis forza social, máis maioría en Catalunya que non acepta esta situación".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea e BNG cualifican de "autoritario" o discurso do monarca e o PSdeG bota en falta "espazos de entendemento"

A resposta das formacións galegas ao discurso do rei Felipe VI non se fixo agardar. En Marea e BNG amosaron a súa "preocupación" pola mensaxe que a confluencia cualificou de "linguaxe agresiva, belicista e autoritaria" e que desde a formación nacionalista cualificaron de "absolutamente inadmisíbel, fondamente ameazador e preocupante". Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou de "clara e explícita" a mensaxe do monarca e o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, botou en falta nel "espazos de encontro e entendemento".

Feijóo considera "clara e explícita" a dura mensaxe do rei Felipe VI sobre Catalunya

Para En Marea, o monarca non cumpriu coa súa "responsabilidade de mediación" e "non propuxo ningún tipo de solución senón que tensionou aínda máis", ademais de manter a liña "inmobilista" do Goberno e "non mencionar os feridos resultantes do 1-O". A formación de esquerda advertiu de que Felipe VI esqueceu lembrar que foi o Goberno central quen "empezou a quebrantar os principios democráticos, a harmonía e a convivencia desde o intre en que non quixo sentar coa Generalitat e se instalou no discurso do negacionismo". "As detencións, as cargas, as agresións e as intimidacións por parte das forzas de seguridade do Estado si constitúen un quebrantamento do Estado de Dereito", insistiu. Este mércores, nun receso do debate de política xeral no Parlamento de Galicia, o portavoz de En Marea, Luís Villares, engadiu que o discurso fora "desafortunado e imprudente" por parte "dunha persoa que non se presentou a ningunha elección e dá leccións á xente que quere democracia".

En Marea reclama a "apertura de procesos constituíntes" e a República ante unha Constitución "insuficiente, atrasada e arcaica"

Desde En Marea consideran que "a única saída responsable nesta situación é a apertura de procesos constituíntes" ante unha Constitución que se amosa "insuficiente, atrasada e arcaica para solventar os retos que afronta o Estado". Ao tempo, aposta por considear a forma de goberno "porque a sensación tras o discurso de Felipe VI é que o único xeito de superar o marco de confronto actual é máis democracia, e o xeito de que esta chegue é unha República".

O Bloque acusa o rei de "incendiar máis a situación" en lugar de "rebaixar a tensión e de tender pontes de diálogo"

Por outra banda, para o BNG é "un insulto que un xefe de Estado non electo nas urnas dea leccións de democracia" e coincide en que "lonxe de rebaixar a tensión e de tender pontes de diálogo, o que fai é incendiar máis a situación".  O Bloque destaca que o monarca realizou "ameazas" pero que "non tivo tempo" para acordarse dos feridos nin das masivas mobilizacións do pobo catalán. Para a formación nacionalista, o discurso "só é entendíbel como antesala dun recrudecemento da actuación represiva do Goberno español" e adianta a aplicación do artigo 155 da Constitución. Desde o Parlamento de Galicia, a portavoz do BNG, Ana Pontón, salientou que monarca "perdeu unha oportunidade para axudar a ser parte da solución e non ser parte do problema".

Leiceaga botou en falta "espazos de encontro e entendemento"

Desde o PSdeG o seu portavoz no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo que por unha parte comparte a "defensa da orde democrática constitucional" que fixo o monarca pero que botou en falta "espazos de encontro e entendemento, que teñen que ser no Congreso dos Deputados".

Pola súa banda, ao igual que Feijóo defendeu o discurso, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, salientou o feito de que foi un "discurso extraordinario" e que ao ser o propio rei o "símbolo da unidade de España, estivo no seu papel".