Feijóo torna en ariete contra o soberanismo catalán o principal debate parlamentario galego

Feijóo, ao inicio do debate de política xeral © Parlamento de Galicia

Cando, en 1990, Manuel Fraga foi investido por primeira vez como presidente da Xunta, o histórico líder da dereita española iniciou un proceso de lexitimación e mudanza ante o país que lle outorgara unha axustadísima maioría absoluta, a mesma que relatos eloxiosos posteriores acabarían retratando como esmagadora. Fraga Iribarne morría politicamente e nacía Don Manuel, un político á procura dunha Baviera filogaleguista de seu que na súa primeira intervención parlamentaria lanzou o que ninguén se atrevería a atribuírlle escasos anos antes, como a creación dun Museo de Galicia co apelido "Nacional". Este mércores o seu sucesor á fronte do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, semellou aproveitar o primeiro debate de política xeral da súa terceira lexislatura con maioría absoluta para iniciar un proceso inverso, da política galega á estatal.

Dende a súa propia convocatoria para este 4 de outubro todo o arco parlamentario galego deu por feito que o debate estaría necesariamente marcado polo que acontecese o 1-O en Catalunya e que o xefe do Executivo se presentaría como referente de estabilidade fronte ao "desafío" soberanista. Feijóo fixo tal, pero durante os primeiros vinte minutos do seu discurso ante o lexislativo foi moi alén. Tras repetir a promesa de fidelidade á Constitución e ao Estatuto que os presidentes realizan ao asumir o cargo Feijóo laiouse dos "infaustos" momentos políticos derivados do independentismo catalán e retou o resto de forzas a tomar partido con só dúas opcións: ou coa súa postura ou coa do Govern, que asimila á dos "réximes ditatoriais".

"Dóeme Catalunya", dixo Feijóo nun discurso en clave estatal no que advertiu de que forzará unha votación na que non caiban "equidistancias" ante o soberanismo: "ou se avala ou se condena"

"Dóeme Catalunya", dixo Feijóo, porque a Generalitat e quen a apoian tornaron en "golpistas" e ante esta circunstancia existen "forzas políticas supostamente democráticas" que son "ambiguas" ou mesmo apoian unha reivindicación soberanista que é "tamén" un "asalto contra Galicia". Pero esa "equidistancia" advirte, vai ter que rematar forzosamente neste mesmo debate. O PP, avanza, vai promover unha proposta de resolución, unha votación, na que todos os grupos terán que deixar claro "en que lado están".

O presidente da Xunta fala abertamente de "balcanización de España"

"Ou se avala ou se condena", "non hai posibilidade de indefinición" e nin sequera espazo para as "forzas políticas" que "falsamente pretenden arrogarse un suposto labor de mediación entre dous supostos extremos e mesmo simulan dar alternativas" e "reclaman día si e día tamén solucións políticas que curiosamente non concretan". O Grupo Popular e el mesmo como líder, adianta, "defendemos todas as medidas que sexan necesarias" para evitar a independencia de Catalunya. Pola unidade de España, pero tamén polo "interese de Galicia" ante a posibilidade dunha "quebra do Estado das Autonomías" que "abra paso a unha balcanización" do Estado.

Vista do hemiciclo durante a intervención do presidente

"Blindaxe" fronte á "tiranía das minorías"

Malia amosar "respecto" cara ao "traballo político que cómpre facer no asunto catalán" e presentar unha "man tendida" para que "o conxunto dos cataláns se sintan cómodos en España" o presidente empregou tamén o seu discurso para poñer marcos a eventuais negociacións e mesmo a futuros xogos de maiorías. No que pode ser considerado como unha nova recuperación da súa esixencia de reforma electoral, Feijóo ve no avance independentista catalán unha mostra "máis patente que nunca" da "tiranía dalgunhas minorías", ás que tamén achaca que nos últimos tempos se "falase máis" delas que "da xente que ten dificultades económicas".

Feijóo apela a unha "reforma" que "blinde as administracións" da "chantaxe" do "nacionalismo"

No marco dunha crítica xeral á "dependencia que os sucesivos gobernos nacionais tiveron no nacionalismo", "xerme do problema catalán", o presidente da Xunta clama por inserir nas "reformas políticas que necesita España" unha aposta para "blindar as administracións fronte á chantaxe" do que define como "partidos que non aceptan o papel que lles outorga a democracia". Iso serviría  para "evitar" que haxa forzas "con capacidade para poñer diques que nos impidan a todos avanzar". Reclámao, proclama, dende a "lexitimidade" de "ser o único presidente" con maioría absoluta e, daquela, "o único á marxe deste problema".

A única cita do debate, do catalán Espriu: "Todos somos escravos da lei para que poidamos ser libres"

O balance do primeiro ano de lexislatura e as promesas para os vindeiros anos ficaron, así, nun segundo plano tras un discurso que se diferenciou nos de anos anteriores mesmo na tendencia do equipo do presidente a introducir nas súas principais intervencións parlamentarias diversas citas de galeguistas históricos e doutros persoeiros. Só houbo unha cita textual e foi do poeta catalán Salvador Espriu. "Todos somos escravos da lei para que poidamos ser libres", dixo primeiro en catalán e despois en galego entre aplausos da bancada conservadora.

Feijóo, durante o seu discurso de inicio do debate de política xeral © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.