Foi sabido que o primeiro debate de política xeral da lexislatura galega ía estar condicionado polo proceso soberanista catalán. Sóubose dende o momento en que o Goberno promoveu o seu inicio o 4 de outubro, tres días despois do referendo, e ficou definitivamente ratificado cando o presidente da Xunta dedicou os primeiros vinte minutos do seu discurso inaugural a lanzar duras críticas ao Govern catalán, a apoiar "todas" as medidas que o Goberno de España poida tomar contra el, ademais, a anunciar que na parte resolutiva do debate promovería unha votación ao respecto na que non coubesen "equidistancias". "Ou se avala, ou se condena", advertiu á bancada esquerda. Esas propostas xa foron presentadas e implican que o PP provoque a "adhesión" do Parlamento de Galicia ao discurso pronunciado polo rei sobre Catalunya, ademais de apoiar o despregamento policial para impedir o referendo de autodeterminación.
No marco das corenta propostas de resolución que cada grupo formula neste debate os conservadores introduciron dúas ligadas directamente ao referendo catalán. Na primeira promoven que a Cámara se "adhira" ao "contido do discurso" do monarca, "no que demanda o cumprimento da orde constitucional, o normal funcionamento das institucións, a vixencia do Estado de Dereito e o autogoberno de Cataluña, baseado na Constitución e no Estatuto de Autonomía".
Na segunda promoven que o lexislativo galego manifeste "a súa solidariedade e respaldo á Policía Nacional e á Garda Civil" no "seu labor de defensa e protección dos dereitos e liberdades amparados pola Constitución". O texto inclúe unha "condena" ao "acoso que están a sufrir os seus membros, entre os que se atopan axentes galegos e galegas desprazados a Cataluña", por "defender o Estado de Dereito e salvagardar a convivencia, a seguridade e a tranquilidade da cidadanía". O texto non inclúe ningunha referencia ás cargas policiais do pasado 1 de outubro nin ás persoas feridas nelas, de cuxa cifra dubidaron publicamente membros do PPdeG nos últimos días.
Catalunya, o soberanismo e o modelo territorial do Estado están tamén presentes nas propostas de resolución dos grupos da oposición, aínda que cun ton ben diferente. Así, En Marea promove un texto a prol do "dereito dos pobos a decidir", "nomeadamente o pobo galego", e o BNG concreta a súa proposta de apertura dun "relatorio" que "aborde un novo marco institucional" no que, "partindo da condición de Galiza como nación, supere os corsés constitucionais e estatutarios" cara a "unha república". No que atinxe ao PSdeG, nun texto máis amplo, formúlase un texto no que se "deplora" a "ruptura da orde constitucional" pola Generalitat, pero se avoga polo "diálogo" para reconducir a situación e, no caso galego, se aposta por retormar a reforma estatutaria, posibilidade que Alberto Núñez Feijóo xa rexeitou.
No ámbito do autogoberno enmárcarse tamén unha proposta presente, con formulacións diversas, nas catro formacións: o traspaso da AP-9. No caso do PP remítese a pedir que a Xunta a "continúe solicitando", aínda que sen mención ningunha a que o Goberno de España evitou que fose debatida no Congreso onde, dado o xogo de maiorías actual, podería saír aprobada. O propio presidente desbotou, ademais, adoptar ningunha acción política ao respecto hai apenas unha semana.
A "lista máis votada" e Venezuela
Os conservadores volven reclamar a ilegalización dos gobernos de coalición nos concellos sen a "lista máis votada"
Entre as propostas que con absoluta seguridade serán aprobadas por estaren promovidas dende o PP inclúese tamén a enésima recuperación da ilegalización dos gobernos municipais de coalición se neles non participa a "lista máis votada". Así, dado que se trata dun asunto que transcende a lexislación galega, os conservadores aprobarán dirixirse ao Goberno de España "para que promova unha reforma" da lei electoral na que se "favoreza o goberno da lista máis votada" nos concellos para "asegurar que a formación" do que denominan "Executivos locais" responda "á vontade dos cidadáns". Noutra das propostas, tamén dirixida ao Goberno central, os conservadores piden que o gabinete de Rajoy inste o Goberno venezolano a pagar as pensións "dos galegos e galegas" que viviron ou viven no país, proposta que xa foi aprobada e debatida hai escasos meses na Cámara.
En Marea, PSdeG e BNG coinciden en ámbitos como a política sanitaria ou na esixencia de que se cumpra a lei dos medios públicos
Tras meses de controversia en torno á permanencia dos herdeiros de Francisco Franco no Pazo de Meirás os conservadores introducen tamén neste debate unha proposta allea á súa axenda habitual, un "plan de eliminación dos elementos de exaltación do franquismo que subsisten en Galicia" previo "consenso" coa Federación Galega de Municipios e Provincias. En Marea e BNG, pola súa banda, rexistraron iniciativas máis amplas no ámbito da memoria histórica, que inclúen modificacións legais.
Os grupos teñen ata este venres para pactaren ou transaccionaren as propostas pasra un pleno no que, por iniciativa de toda a oposición, se volverá votar que sexa cumprida a lei da CRTVG, aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois de entrar en vigor. Os grupos da esquerda cadran tamén en rexeitar a eliminación de áreas sanitarias que promove a Xunta coa futura Lei de Saúde e rexistran peticións de máis recursos en materias como sanidade, igualdade, educación ou acollida de persoas refuxiadas. Na batería de propostas do PP inclúense, como adoito, as promesas lanzadas por Feijóo na súa intervención inicial, tales como o lanzamento dunha oferta pública de emprego con ata 14.000 prazas "nesta lexislatura".