O vindeiro martes 17 votarase no pleno municipal de Tui unha moción de censura que pode supor o regreso da dereita ao Goberno local da man de Carlos Vázquez Padín (Converxencia 21), co apoio de PP (4 concelleiros), Ciudadanos Tudenses (2) e Alternativa Popular de Tui (1), ademais dos dous cos que conta C21. En xuño o PP iniciou a reunificación da dereita local, achegando posicións con Ciudadanos Tudenses e AP de Tui, formacións escindidas dos populares. Este xoves o Colectivo Contra a Moción de Censura en Tui presentou un manifesto en protesta contra a operación que pode desaloxar da Alcaldía o socialista Enrique Cabaleiro, que lidera un goberno local apoiado por BNG, Son de Tui e o ex rexedor Miguel Ángel Capón Rey.
O PP busca "impedir que o actual goberno municipal no 2019 poida presentar un balance de traballo moi superior ao que fixeron os seus gobernos, o que lle podería facer perder votos e ficar afastados do poder en Tui por bastantes anos", din
No texto denúnciase que a operación "non é outra cousa que o retorno ao goberno municipal dos mesmos que durante décadas gobernaron Tui desde a incompetencia e o mal goberno", cualificando de "gran mentira" que a moción de censura estea sustentada no acordo entre catro forzas distintas e subliñando que a base da manobra son "os sete concelleiros e concelleiras do Partido Popular desde que hai uns meses retiraron do mercado político as marcas Ciudadanos Tudenses e Alternativa Popular Tudense co retorno oficial no PP dos seus creadores Manuel González Vázquez e José Manuel Sousa Sousa".
O colectivo afirma que "non é o por mala xestión do actual goberno, nin por ningún escándalo ou causa de forza maior a razón pola que presentan esta moción de censura" e sinala que o PP busca "impedir que o actual goberno municipal acabe o seu mandato e que no 2019 poida presentar un balance de traballo moi superior ao que fixeron os seus gobernos, o que lle podería facer perder votos e ficar afastados do poder en Tui por bastantes anos, como aconteceu en concellos veciños como pode ser o caso de Tomiño ou Salceda de Caselas, onde o PP gobernaba sempre até que os veciños tiveron oportunidade de comparar". Subliñan, ademais, a importancia que esta reunificación do PP a nivel local pode ter para tentar recuperar a Deputación provincial en 2019.
No texto denúnciase que a operación "non é outra cousa que o retorno ao goberno municipal dos mesmos que durante décadas gobernaron Tui desde a incompetencia e o mal goberno"
O manifesto critica tamén o papel xogado por Carlos Vázquez Padín e Converxencia 21: "O programa de goberno que presentou non contén máis que xeneralidades e inconcrecións, unha listaxes de obras moi necesarias en Tui, que calquera pode asinar, para as que non comprometeu nada". E denuncia, igualmente, "un compromiso no pacto asinado co PP polo que a Xunta de Galicia se comprometería a facer unha serie de investimentos en Tui". Conclúe que Vázquez Padín "cae na mesma corrupción política da que acusaba ao PP ao usar as institucións públicas para beneficiar os seus intereses partidarios; gastar o orzamento cos concellos gobernados por eles e negarllo aos de distinta cor política". O texto péchase criticando a opacidade na que se preparou a moción de censura, que "a sociedade tudense coñeceu o mesmo día que a rexistraron no Concello".
O colectivo prepara, así mesmo, mobilizacións contra a operación: unha concentración o luns 16 de outubro as 20 horas na Praza do Concello e a propia asistencia ao pleno o martes 17 de outubro ás 11:30 horas.