A Xunta alenta a saída do estudantado galego de Catalunya pola "inestabilidade política"

O conselleiro Román Rodríguez, no CIFP Politécnico de Santiago © Xunta

A Xunta métese de golpe no conflito catalán... E faino dun xeito pouco esperado. Nun comunicado, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou que "facilitará os trámites de traslado de expediente" daqueles alumnos galegos residentes en Catalunya "que queiran retornar a Galicia debido á actual situación de inestabilidade social e política". Na nota oficial, o departamento que dirixe Román Rodríguez advirte de que esta medida vai enfocada tanto aos alumnos do ensino non universitario como o universitario. 

A Xunta "facilitará os trámites de traslado de expediente" aos alumnos galegos en Catalunya "que queiran retornar a Galicia debido á actual situación de inestabilidade social e política"

Foi o propio conselleiro quen anunciou a novidade nunha visita ao CIFP Politécnico de Santiago, onde asegurou que a Xunta "pon os seus servizos a disposición dos estudantes que queiran volver a Galicia para continuar con seus estudos". Cunha explicación detallada, o titular de Cultura e Educación aclarou que, no caso de quereren regresar, aos alumnos non universitarios garantiríaselles "unha praza en centros sostidos con fondos públicos".

Aos alumnos non universitarios garantiríaselles "unha praza en centros sostidos con fondos públicos" 

No caso dos universitarios, Román Rodríguez aclarou que a Consellería ofreceríalles aos estudantes "desprazados", se así o desexan, "todo o apoio necesario para facilitar a tramitación de trasladao de expediente ás universidades galegas, realizando un labor de intermediación coas propias universidades, tendo en conta a situación concreta de cada titulación e centro". 

 

Máis polémica a un día do pleno do Parlament

O anuncio da Xunta no que alenta a saída do estudantado galego de Catalunya no caso de que quixeran regresar pola "inestabilidade social e política" coincide coa xornada previa do pleno do Parlamento na que Carles Puigdemont poderí declarar a independencia unilateral de Catalunya. E chega nun día cargado tamén de declaracións polémicas e de novas fuxidas de empresas catalás cara a Madrid. 

As verbas máis comentadas foron as do vicesecretario de Comunicación, Pablo Casado, comparando o futuro de Puigdemont co de Lluís Companys, que provocaron unha inmediata reacción de indignación. O ex-president da Generalitat declarou a creación do Estado catalán en 1934, feito polo que foi detido polo Goberno da República. Pero tamén foi fusilado polo franquismo en 1940, o que encendeu todas as alarmas. Preguntado sobre a que se refería, o dirixente popular intentouno arranxar, pero non foi clarificador. 

Mentres, continúa a marcha de grandes compañías de Catalunya, cotizadas e non cotizadas, pola posibilidade da declaración de independencia. Abertis, Colonial ou San Miguel foron das últimas que anunciaron que trasladaban a súa sede social fóra da comunidade autónoma, mentres outras advirten de que o decidirán nos vindeiros días. 

Abertis, Colonial ou San Miguel anunciaron tamén que trasladan a súa sede social fóra de Catalunya

A un día do pleno do Parlament, a dúbida é se Puigdemont declarará a independencia ou se esa declaración será "simbólica" como advirten xa algunhas fontes do Govern. Nunha entrevista en TV3, o president foi ambiguo ao asegurar que aplicarase "o que prevé a lei do referendo". Pola súa banda, nunha declaración institucional, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, asegurou que "os resultados do 1-O non poden ser un aval para proclamar a independencia" e pediu a Rajoy e ao xefe do Executivo catalán que non tomen decisión ningunha que poida dinamitar o diálogo. Referíase, tamén, á posibilidade de que o Goberno central aplique o artigo 155 da Constitución, ademais de solicitar que se retire o despregamento policial especial no país. 

Puigdemont asegura que aplicará "o que prevé a lei do referendo"; Colau di que o 1-O "non pode ser un aval para proclamar a independencia"

"Pido que abandonemos as trincheiras, abandonemos a linguaxe belicista. Non é o momento do choque de trens, é o momento do diálogo", engadiu Colau, que agradeceu ao PSOE que fale de "diálogo" pero que reclamou "feitos e non palabras". 

Ademais, a ANC chamou os independentistas a concentrarse este martes pola tarde ante o Parlament en defensa dunha declaración unilateral de independencia. 

A Garda Civil acusa a Trapero, Puigdemont e Junqueras de "obstaculizar" o seu labor e o da Policía o 1-O

Por último, a Garda Civil sostén que o major dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, Carles Puigdemont e o vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, colaboraron para impedir o traballo de Policía e Garda Civil durante a celebración do referendo do 1-O. Así consta no atestado que entregaron á Fiscalía e que adiantou a Cadena SER.

Nel, a Garda Civil asegura que o labor dos Mossos durante a xornada do referendo "pasaba por non actuar e, en todo caso, chegar a obstaculizar a actución daquelas outras policías". Foi, segundo din, unha "flagrante inacción". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.