"O que está a pasar é algo que non se produce por casualidade, isto foi provocado". Así se pronunciou a primeira hora da tarde deste luns o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, no posto de control establecido pola Xunta en Pazos de Borbén, no principal dos incendios que veñen afectando á metade sur da provincia de Pontevedra.
Rajoy asegura en Pazos de Borbén, onde xa non hai lume, que deu "ordes" de "deter" os autores dos incendios
Nunha comparecencia sen preguntas xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que xa falara previamente en Santiago, Rajoy comezou amosando o seu "pesar" polo "sinfín de incendios" dos últimos días. O presidente puxo como exemplo desa ao seu ver organizada vaga de lume o propio incendio de Pazos de Borbén que visitou nunha zona na que xa non hai lapas.
Segundo dixo, o incendio, que segundo a Xunta se iniciou no concello de Ponteareas e avanzou cara Pazos de Borbén avivado polo vento, comezou "á unha da madrugada en cinco puntos á vez". Rajoy dixo que deu ordes á Guardia Civil para "deter" os autores dos incendios e que “como é a nosa obriga, estamos á disposición” do Goberno galego e da cidadanía afectada.