Antón Arias: "Só defendín unha consulta pactada en Catalunya, pero se non segues o guión es un proscrito"

Antón Arias, presidente da CEG © CEG

O construtor Antón Arias chegou á presidencia da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) apoiado polos organismos empresariais provinciais da Coruña e Lugo e coas patronais de Ourense e Pontevedra en contra. Nestes nove meses á fronte da patronal, afastouse do argumentario habitual: opúxose á reforma laboral do PP e apostou por "subir soldos". A pasada semana mostrouse a favor dun referendo pactado en Catalunya e esa opinión persoal serviulles aos empresarios opostos ao seu mandato como "escusa" para volver pedir a súa marcha. Os dous últimos antecesores no seu cargo, José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Diéter, convocaron o pasado xoves a prensa en Vigo para clamar contra a súa xestión e reclamar a súa destitución por, fundamentalmente, as súas opinións política e económicas. Agora, explícase en Praza.gal, defende o seu dereito a expresar o seu parecer persoal sobre calquera tema e insire esta manobra contra a súa figura nun "capítulo máis" dun "proceso" que, asegura, busca a súa marcha desde que chegou á presidencia. A tal hora, as manobras continúan. 

A polémica chegou agora por unhas declaracións nunha entrevista na Radio Galega sobre o conflito catalán.

Esas declaracións utilizáronse, son unha escusa máis dun proceso que se iniciou ao día seguinte do meu nomeamento. Intentan conseguir escusas para poder xustificar algo que perseguen desde o inicio: a miña renuncia ao cargo. Isto só é un capítulo máis. 

"O único que cabe en Catalunya é abrir un diálogo que remate nunha consulta pactada e dentro do respecto á legalidade"

Acusárono por dicir que apostaba por unha consulta pactada en Catalunya...

A min fanme unha pregunta directa e persoal. Tiña dúas opcións: ou dicir que non respondo preguntas persoais ou responder, máis aínda cando xa manifestara noutros medios o meu parecer. A entrevista foi o día 11, logo de que Puigdemont suspendese a declaración unilateral de independencia no Parlament, e dixen o que tiña dito antes: que a situación tiña que estar resolta moito antes, que a clase política amosou unha completa incapacidade para resolvela e que chegáramos ao bordo dun precipicio e ao choque de trens que presaxia o peor. Creo que, dentro do respecto á legalidade e ao marco xurídico, o único que cabe é abrir un diálogo e entendo que ese diálogo debería rematar, acordada polas partes, nunha consulta.

Por que cre que esa é a mellor solución?

Catalunya ten un sentimento moi forte de rexeitamento cara a situación actual e creo que as cuestións só se poden resolver, dentro do respecto á lei, cunha consulta na que cadaquén amose o que pensa e mediante a cal todos saibamos cal é o sentimento alí. Iso foi o que dixen. A partir de aí, moitos, sen escoitar as declaracións, atribuíronme moitas cousas, obviando o contexto e montando unha película: que se era anticonstitucionalista, que se era independentista..."

"Obviouse o contexto, atribuíronseme cousas e montouse unha película: dixeron que era anticonstitucionalista e independentista"

Pero dixo moito máis...

Tamén dixen que a República Catalá era inviable porque non vai ser recoñecida, así que unha cousa é declarar a independencia e outra conseguila de feito. Ante esta situación, é un pouco absurdo falar como se xa houbese independencia porque non a vai haber; outra cousa é que haxa unha confrontación política. Insisto en que a única saída que eu vexo é esa porque calquera outra que non vaia complementada co diálogo probablemente sexa máis do mesmo, máis tensar a corda sen atopar solución. 

Defendeu un referendo pactado, como defende a maioría da sociedade catalá e boa parte dela no Estado. Por que o atacaron tanto?

Non dixen nada raro nin ningunha tolería, pero o que houbo foi unha manipulación absoluta das miñas palabras para montar un discurso falso. Ou segues o guión marcado ou senón parece que teñen que marxinarte, converterte nun proscrito... O único que dixen foi que estamos nun punto ao que ambas partes lles interesaba chegar, que isto é un absurdo e que deberiamos poñer cordura para non chegar a unhas consecuencias que non serán boas. Pero cóllense catro ou cinco frases e móntase un discurso alleo ao que dixen. É unha manipulación interesada para dar unha imaxe determinada e situarme fóra das marxes da normalidade. 

"Non dixen tolería ningunha, pero ou segues o guión marcado ou convérteste nun proscrito"

De que guión se sae vostede? Séntese presionado para agochar a súa opinión?

Xa maticei naquelas respostas que era a miña opinión persoal. Ademais, creo que as organizacións empresariais non somos organizacións políticas senón de representación dun gremio, dun sector, do mundo empresarial en definitiva. Debemos amosar preocupación ou chamar a atención sobre situacións que poidan afectarnos ou poidan crear alarma, pero non debemos entrar nas decisións políticas porque cada empresario terá unha visión diferente. Agora ben, eu estou lexitimado para dar a miña opinión persoal e non estou de acordo con iso de que teño que ter o traxe de presidente da CEG as 24 horas do día. Pois non. 

Daquela...

Son empresario pero tamén son persoa, como calquera outra. Se vou a un foro co carteliño da CEG teño ben claro o que teño que dicir, pero se nese foro me preguntan a miña visión persoal sobre algo, vou dar a miña opinión porque hai cuestións que exceden do marco da representatividade. O mundo que eu represento non está facultado nin ten entre as súas funcións dar solucións a determinados conflitos políticos. 

"A CEG non está facultada nin ten entre as súas funcións dar solucións aos conflitos políticos"

O seu discurso xa fora afeado polos ex-presidentes da CEG cando falou da necesidade de subir salarios ou de modificar a reforma laboral.

O que dixen foi que entendía que no momento no que estamos, se falamos de recuperación económica, o normal era que os salarios subisen. Non é algo que diga eu, senón que tamén o din organismos tan pouco sospeitosos como o FMI. O que me parecen antigos son outro tipo de argumentos. Respecto da reforma laboral, leva cinco anos aplicándose e xa temos testado situacións que cremos que non son boas nin para a economía nin para a sociedade e creo que habería que retocar determinados aspectos. E dígoo porque hai moitos empresarios que así o pensan e que sofren esas limitacións da normativa. 

Os ex-presidentes e moitos outros insisten en non criticar nada da reforma laboral porque foi clave na suposta recuperación económica...

Dicir que grazas á reforma laboral saímos da crise é dunha enorme limitación de miras desde o punto de vista económico. Non se sae dunha crise por unha soa medida en concreto. Ademais, que é saír da crise? Non é que o PIB medre, senón moito máis. Se cadra saír sa crise é lograr que a desigualdade non medre, que sexamos capaces de aumentar a cobertura social, de dar maior estabilidade... Cadaquén pode poñer as súas condicións, pero aquí non hai guión ningún. Eu teño que trasladar unha visión empresarial das cousas e ese non é o discurso oficial que se quere ditar. Que hai xente que pensa desa maneira? Pois si que a hai, pero foi o propio Goberno central quen dixo que había subir os salarios. É algo de caixón. Cando alguén está en contra de subir os soldos creo que non fala da realidade nin está a representar os empresarios... A proba é que se están asinando convenios con incrementos salariais. 

"Que é saír da crise? Non é que o PIB medre, senón moito máis: que non aumente a desigualdade, que creza a cobertura social..."

En defintiva, cre que os ex-presidentes da CEG tan só buscan escusas para atacalo a vostede e a súa xestión?

Desde o primeiro día. A CEG viña dun problema de moitos anos, de moita liorta interna. Era unha organización ao bordo do colapso na que había que tomar medidas porque estaba encamiñada á disolución. Unha asemblea, por maioría, deume un mandato para darlle viabilidade económica a unha entidade con múltiples débedas e sen capacidade para pagalas. Melloramos a situación e logo encomendóusenos crear un marco de normas internas que impedisen reproducir situacións do pasado. Estamos a piques de conseguilo, pero antes puxéronsenos todas as trabas do mundo, xerando inranquilidade para que non se apostase polo proxecto. Agora que empezamos a normalizar a vida interna da CEG, volven xurdir polémicas totalmente artificiais. 

Cando cheguei á presidencia da CEG dixen que no momento que se acadasen os dous obxectivos marcados para estabilizar a entidade presentaría a miña dimisión. Agora que estamos a piques de lograr o propósito, inténtase dinamitar e desestabilizar a organización actuando de forma desleal., porque a imaxe que damos é penosa e a credibilidade estámola perdendo. Hai un intento por facer ver que ou son eles ou ninguén pode reconducir a situación. 

"De aprobarse os estatutos, someteranse á votación da asemblea e porei a miña renuncia enriba da mesa"

Pero, pensa renunciar?

Por este tema non, claro que non porque non hai motivo ningún. Se somos quen de aprobar os estatutos, someteranse á votación da asemblea e a miña renuncia estará enriba da mesa. Xa expliquei que cheguei para cumprir cunha encomenda e que o tempo que dure no cargo dependerá do tempo que tardemos en dotar desa estabilidade á institución. Poden ser meses, un ano ou dous.  

Acúsano de non aprobar as contas de 2016 e de non presentar as de 2017. 

É curioso porque nos acusan de ocultar as contas do mandato de Dieter. Cando cheguei á CEG non había contas nin cartos para contratar un auditor, que non puido empezar a traballar ata que mellorou a situación económica e que nos entregou a auditoría a semana pasada. Respecto do orzamento de 2017, non soubemos ata o mes de xuño dos recursos que dispoñiamos. Cal era a opción? Un orzamento para medio ano? Toda a situación que sufrimos é herdada dos anteriores xestores. 

Tamén se queixan de que non se reúne a xunta directiva desde hai meses.

Houbo varias xuntanzas aprazadas, unha delas porque a Confederación de Empresarios de Pontevedra convocara para o mesmo día a presentación dun proxecto transfronteirizo e outra porque había outro acto de Cepyme. Todo isto, se non se explica ben, pode facer ver que non hai intención de convocar os órganos de goberno cando non é verdade. A próxima reunión xa está convocada para o vindeiro día 30. 

"Os cartos non teñen patria ou, máis ben, a súa patria é a rendibilidade económica"

Por certo, houbo algunha consulta á CEG de empresas catalás interesadas en mudarse a Galicia?

Non, ningunha. É certo que hai un ambiente de intranquilidade en Catalunya, pero os cartos non teñen patria ou, máis ben, a súa patria é a rendibilidade económica. Aí onde a haxa, irán. 

Pero hai repercusión económica debida ao procés?

É obvio que a hai, pero non sei como cuantificala porque a súa importancia depende de con quen fale. O cambio de domicilio fiscal é un feito de carácter burocrático e a súa repercusión é mínima. Moitas das empresas que o fixeron cambiaron a un lugar onde xa tiñan algunha sede, pero os centros produtivos mantéñenos en Catalunya. Trasladar unha empresa ten un custo altísimo para un empresario, ademais dun evidente risco. Isto non é dicir que marchas e meter a empresa no maleteiro. A actividade económica segue onde estaba, pero é obvio que hai unha repercusión a nivel de imaxe. 

"O cambio de domicilio fiscal é un feito burocrático con repercusión mínima; o traslado ten un custo altísimo para o empresario"

Pero o cambio de domicilio fiscal si ten moita máis importancia?

É a medida que ten máis repercusión pero moi poucas empresas a levaron a cabo. E é unha repercusión medida porque a maioría de impostos xa están centralizados, aínda que non así os municipais ou o IBI, que seguirán pagándose porque as sedes alí seguirán. Por todo isto lle digo que ningunha empresa fixo consulta ningunha á CEG porque para cambiar o domicilio fiscal non fai falta consultar nada; non se está cambiando a fábrica de lugar e, xa que logo, non se pregunta polo prezo do solo industrial ou por localizacións axeitadas. 

Antón Arias, presidente da CEG © CEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.