O PSdeG acusa a Baltar de priorizar a extinción do lume nas propiedades dos responsables da Deputación

CC-BY-SA Praza Pública

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, compareceu este venres no Parlamento para explicar os orzamentos do ente provincial. Na súa intervención Baltar destacou que estes "son os orzamentos do emprego e da cooperación cos concellos", salientando especialmente a creación de postos de traballo directo a través do "plan de empregabilidade" e as medidas adoptadas para garantir a transparencia: "Para Ourense, a transparencia non é unha obriga legal, é unha actitude". 

Porén, a exposición das contas foi respondida con fortes críticas por parte dos tres grupos da oposición, que fixeron fincapé especialmente na falta de medidas contra o despoboamento, a falta de dinamismo económico na provincia e de oportunidades para a mocidade. Tamén no excesivo gasto en persoal realizado pola Deputación, do que as políticas sociais e os investimentos serían os grandes prexudicados. E, unha vez máis, dominaron as acusacións de "nepotismo" e de beneficiar os concellos gobernados polo PP sobre as restantes localidades.

Blanco acusou a Baltar de estar “desaparecido en combate” durante a crise dos incendios

A deputada socialista Noela Blanco, en concreto, afirmou que na recente vaga de lumes os equipos de extinción de incendios dependentes do ente provincial “o primeiro que fixeron foi enfriar as zonas cercanas ás propiedades dos responsables da Deputación”. "Iso ocorría mentres as lapas asolagaban moitas localidades da provincia, con alcaldes e alcaldesas, veciños e veciñas tentando apagar o lume con todo o que tiñan", engadiu. A responsable socialista criticou, ademais, que a Deputación destinara 1,4 millóns de euros para manter un servizo privado de extinción.

Blanco acusou a Baltar de estar “desaparecido en combate” durante a crise dos incendios e criticou a súa "falta de respecto" pois “non chamou o alcalde de Carballeda de Avia, onde faleceu unha persoa, para ver se precisaba de algo”. "Nin corazón nin vergoña", engadiu.

José Manuel Baltar, na súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.