Unha técnica da consultora indica que a súa análise de riscos rematou 300 metros antes de onde descarrilou o tren
En decembro de 2011, xusto antes da inauguración do AVE Ourense-Santiago, a empresa pública Ineco emitiu un informe de avaliación de riscos da liña elaborado por Salvador Arriaga, revisado por Jorge Merino e aprobado por Laura López. Os tres técnicos da consultora foron citados a declarar como imputados polo xuíz instrutor do caso. Este martes, tras a comparecencia do director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, fíxoo Laura López, mentres que Arriaga e Merino están citados para este mércores. Na súa declaración, López asegurou que Ineco non avaliou a seguridade da curva de Angrois porque Adif só lle encargou facelo do resto da liña de alta velocidade ata xusto antes dese punto.
A comparecencia dos tres técnicos de Ineco prodúcese como consecuencia da declaración realizada en xullo polo director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, quen deitou neles a responsabilidade de analizar os riscos existentes na liña ferroviaria, como esixe a normativa europea. Porén, este martes López indicou que Adif só encargo a Ineco que analizase o denominado encravamento do Irixo, unha das tres divisións a efectos técnicos da liña ferroviaria Ourense-Santiago, a situada no seu punto medio entre o encravamento de Ourense e o de Santiago. Ese treito remata no punto quilométrico 84,144, xusto antes da curva de Angrois e do punto 84,413 no que descarrilou o tren Alvia.
Fronte ao dito no seu momento por Cortabitarte, López di que Ineco non propon melloras senón que avalía a documentación que lle traslada a construtora e corresponde a Adif decidir sobre as condicións de posta en servizo da liña
Segundo fontes presentes na sala, Laura López, que declarou durante menos dunha hora, indicou que, fronte ao dito no seu momento por Cortabitarte, Ineco non é responsable de propor medidas para minimizar riscos senón que se limita a avaliar a documentación que lle traslada a empresa construtora e corresponde a Adif decidir sobre as condicións de posta en servizo da liña.
No auto da citación como investigados dos tres técnicos de Ineco o xuíz instrutor salientara que “a función de tales técnicos non se limitaba a unha mera función auditora exenta de capacidade decisoria ou propositiva senón que eran ditos técnicos os encargados de efectuar a avaliación de riscos” da liña ferroviaria.
Este martes, tras a declaración de López, varios avogados xa avanzaron a súa intención de solicitar o contrato entre Adif e Ineco para analizar que foi exactamente o que a empresa lle encargou á consultora pública. Por outra banda, á saída do xulgado Laura López foi recibida por vítimas e familiares de falecidos no accidente que lle pediron que non tivese medo a contar todo o que poida saber sobre o caso.