“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a amosar o seu apoio ás actuacións que está a levar o Concello de Santiago para poder recuperar as estatuas que obran, ilexitimamente, en man da familia do ditador franquista”. Así comeza a proposición non de lei sobre as figuras do Mestre Mateo en propiedade dos Franco aprobada este mércores de xeito unánime por toda a Cámara galega a proposta de En Marea despois de que iniciativas similares fosen xa aprobadas no Congreso dos Deputados e o Concello.
O PP súmase á inciativa que recoñece que as figuras están “ilexitimamente en man da familia do ditador” e ofrece a colaboración da Xunta para restauralas unha vez que o xulgado recoñeza a propiedade do Concello
A proposición contou tamén co apoio do PP despois de negociar con En Marea o texto orixinal no que esta formación pedía que a Xunta prestase a súa colaboración ao Concello para recuperar as estatuas. A deputada popular María Antón argumentou na súa intervención que unha vez que o Concello presentou a demanda xudicial para recuperar a propiedade, a resolución do conflito depende dos xulgados e o Goberno galego non pode facer nada para axudar ao Concello de Santiago.
O que si ofreceu o PP foi a colaboración da Xunta para restaurar e pór en valor as estatuas unha vez recuperadas a través dun punto da resolución que pide ao Goberno galego que “unha vez resolto o litixio interposto polo Concello de Santiago sobre a propiedade das estatuas de Abraham e Isaac, de ser o caso, colabore con esta administración local, na súa condición de lexítima propietaria, nas posibles tarefas de restauración e posta en valor destes bens”. Do mesmo xeito, a proposición reclama que o Goberno galego “inicie o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) das devanditas esculturas tal e como está anunciado”.