O Goberno galego nega a maior e, fronte ás sentenzas xudiciais que evidencian que persoas adultas tuteladas pola Xunta non foron atendidas correctamente e as queixas de entidades sociais por deitar nelas esa responsabilidade, a Consellería de Política Social di que coida dos seus protexidos “da mellor maneira posible”. Así o asegurou este mércores no Parlamento de Galicia a directora xeral de Familia, María Amparo González Méndez, ela mesma directora hai uns anos da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga).
“Estámolo a facer da mellor maneira posible”, di Política Social sobre as eivas detectadas na fundación autonómica de tutela de adultos
A directora xeral foi preguntada no Parlamento pola deputada de En Marea Paula Vázquez Verao polas diversas eivas no funcionamento da Funga desveladas por Praza.gal, pero a maioría das súas respostas ativéronse ás que este diario obtivo no seu momento da consellería, nas que se salientou a legalidade das súas actuacións sen entrar a valorar se o trato que reciben as persoas tuteladas é o adecuado. Porén, este mércores, cando se lle preguntou á responsable autonómica polos casos de tutelados que cometeron ou foron vítimas de delitos, a resposta da directora xeral foi que é un risco que se corre, sen indicar quen o asume, se o propio tutelado incapacitado, a Funga ou a sociedade en xeral.
"Existe a posibilidade de que ocorran determinados sucesos e incluso de asunción de certos riscos", dixo a directora xeral preguntada por tutelados que cometeron ou foron vítimas de delitos
“O feito de estar baixo a garda da Funga non supón unha perda de dereito, unha perda de liberdade, e polo tanto non todos teñen a obriga de residir nun centro, polo que existe a posibilidade, sempre existiu, de que ocorran determinados sucesos e incluso nalgún momento de asunción de certos riscos”, dixo a directora xeral, para engadir que “nos casos ocorridos ata agora, nos que os tribunais ditaron unha sentenza, hai que dicir que en todo momento se eximiu de responsabilidade á Funga e non se determinou unha mala praxe”.
González Méndez cifrou en 3.436 as persoas atendidas actualmente pola Funga, das que o 54% o están baixo a figura da tutela mentres que o resto son curadorías, pretutelas ou defensas xudiciais. Das persoas tuteladas, o 64%, segundo dixo, “están institucionalizadas en centros residenciais ou psiquiátricos”. Ante as críticas de que o persoal da Funga, 23 traballadores na actualidade, é insuficiente para atender delas, a directora xeral defendeuse salientando que o ano pasado se incrementou o cadro de persoal en catro persoas, o que cifrou nun incremento dun 21% a respecto das 19 que había previamente. Pero nada dixo de que o ano próximo o persoal seguirá a ser o mesmo malia prever que as persoas atendidas seguirán a medrar.
Do mesmo xeito, a directora xeral indicou que os orzamentos da Funga veñen aumentando nos últimos anos e para 2018 volverano facer nun 4%, o que supón menos de 40.000 euros nunhas contas que ascenden a un total de menos dun millón. A Funga “fai cos recursos que conta un bo traballo”, dixo quen é a responsable de dotala deses recursos desde a Administración.
"Hai unha coordinación cos servizos sociais", di en resposta ás acusacións de que a Xunta deita neles ou en entidades como Cáritas a supervisión dos seus tutelados
González Méndez tamén se referiu á situación da dirección da Funga, vacante desde 2015. Segundo dixo, “en todo momento se cubriron as funcións e responsabilidades inherentes ao seu cargo”. E engadiu que “nas próximas semanas está prevista a súa cobertura”, resposta similar á obtida por este diario hai un mes. A directora xeral tamén se comprometeu a facer públicas en breve as memorias anuais da Funga, das que a de 2012 é a última coñecida. E fronte ás críticas por desviar a supervisión dos seus tutelados a entidades sociais como Cáritas ou aos departamentos de traballo social dos concellos, a directora xeral optou por dar unha visión alternativa: “En todo momento hai unha coordinación cos servizos sociais”, dixo.