Feijóo cuestiona se o BNG está “no bando dos maltratadores ou das mulleres”

Feijóo, cun lazo morado, na súa intervención sobre violencia machista CC-BY-SA Praza Pública

“Só hai dous bandos, o dos asasinos e maltratadores ou o das mulleres; vostede en cal está?” Así respondeu este mércores o presidente Feijóo ás críticas que lle realizou no Parlamento de Galicia a portavoz do BNG, Ana Pontón, sobre a polémica campaña institucional da Xunta polo día contra a violencia machista, contestada desde todo tipo de ámbitos. “Eu represento á maioría das mulleres de Galicia nas urnas”, chegou a dicir Feijóo como aval da súa actuación nesa materia ante a petición da nacionalista de máis medidas concretas

Pontón anunciou unha queixa formal ante a negativa de Feijóo e o presidente da Cámara a rectificar o que considerou unha pregunta ofensiva e malia que o segundo adoita retirar expresións similares

A sesión de control ao Goberno galego deste mércores comezou coa portavoz do BNG reclamando a Feijóo que a Xunta dedique o 1% do seu orzamento á loita contra a violencia machista, o que cuantificou en 90 millóns de euros, e a creación dunha unidade administrativa específica dentro da Dirección Xeral de Xustiza encargada de aplicar a lei galega de violencia de xénero e medidas como a creación de xulgados específicos en todas as cidades, gravación de declaracións para que as mulleres non teñan que ir continuamente a declarar aos xulgados ou que estas non teñan que agardar para facelo na mesma sala que o seu agresor. A resposta de Feijóo a estas propostas do BNG foi a de criticar que o goberno bipartido de nacionalistas e socialistas dedicaba menos de 4 millóns de euros mentres que o seu incrementou ese orzamento nun 91,3%.

Foi na súa segunda intervención cando Pontón criticou a campaña institucional da Xunta polo día contra a violencia machista na que se compara ás mulleres con monumentos e se insta a protexelas, publicidade criticada non só por toda a oposición senón tamén por diversos grupos feministas por entender que converte ás mulleres en obxectos. “Non somos unha ponte, unha muralla, non somos patrimonio, somos persoas que non necesitamos que nos protexan”, díxolle Pontón a Feijóo. Porén, o presidente respondeu pedindo unha adhesión sen fisuras á campaña da Xunta e demonizando calquera opinión discrepante. Foi nese momento cando asegurou que na loita contra a violencia machista “só hai dous bandos, o dos asasinos e maltratadores ou o das mulleres” e xusto a continuación preguntou a Pontón: “vostede en cal está?”.

A dúbida de Feijóo sobre a postura de Pontón cara a violencia machista provocou que esta reclamase unha rectificación, algo ao que non accedeu nin o presidente da Xunta nin o presidente do Parlamento, que habitualmente adoita retirar do diario de sesións todo tipo de expresións ofensivas. Pontón anunciou que presentará unha queixa formal ante a Cámara polo que considera unha pregunta ofensiva.

“Eu represento á maioría das mulleres de Galicia nas urnas”, respondeu o presidente como aval da súa actuación ante as medidas concretas de loita contra a violencia machista que reclamou Ana Pontón

Na defensa das súas políticas fronte ás propostas do resto de partidos, Feijóo tamén criticaría o pouco que ao seu xuízo fixo no seu momento o bipartito comparado coa situación actual. “Eu represento á maioría das mulleres de Galicia nas urnas”, dixo, presentando o aval electoral como garantía de calidade das súas políticas. Para Pontón, pola contra, se a violencia machista fose para a Xunta, como di esta, equiparable ao terrorismo, "a súa reacción sería máis que un lazo e un minuto de silencio".

 

Vídeo do cuestionamento do presidente a Pontón, editado e difundido polo BNG

Ana Pontón durante o seu debate con Feijóo Dominio Público BNG
Cartel da campaña da Xunta polo 25-N © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.