0 Gardados para despois

Sanidade critica o campo de golf de Baiona que o conselleiro encargou cando era alcalde

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


En abril de 2015 o daquela alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, encargou a planificación dun campo de golf no alto dun monte comunal que segundo o Concello obtería a auga necesaria para o seu funcionamento do que chova no propio emprazamento, no alto da serra da Groba, en terreos comunais. Agora a Consellería de Sanidade, con Almuiña á súa fronte, vén de emitir un informe no que non considera válido o sistema de abastecemento de auga de consumo humano do complexo e critica a falta de concreción doutros puntos do seu plan con posible impacto sobre a saúde da poboación.

A consellería “non considera válido” o sistema de abastecemento de auga, que o Concello prevé obter co que chova no propio emprazamento, no alto dun monte comunal

O documento de planificación do campo de golf de Baiona foi elaborado pola unión de empresas formada por Pedro González Souto e Luque, Aseguinolaza y Asociados con 55.000 euros achegados ao Concello, cando Almuiña era alcalde, por parte da Deputación de Pontevedra durante o mandato do tamén popular Rafael Louzán. O documento herdouno o actual alcalde, primo e man dereita do ex-rexedor, Ángel Rodal Almuiña, que o pasado verán o expuxo ao público. Nese proceso de consultas públicas recibíronse tamén diversos informes sectoriais doutras administracións, entre eles un con data do pasado 11 de setembro no que a Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde da Consellería de Sanidade amosa o seu rexeitamento a diversos aspectos do proxecto.

Os redactores do proxecto prevén que o campo de golf, sen conexión á rede de abastecemento nin con ríos próximos, aproveite o que alí chova e a escorrentía (limitada ao atoparse no alto dun monte) para acumular auga en balsas propias ás que poder recorrer nos meses en que non chova. Igualmente, prevé realizar un pozo para o caso de que se rexistre unha seca maior do previsto ou que as balsas precisen reparacións. Esa auga non só sería empregada para regar o campo senón tamén para o consumo humano no complexo deportivo anexo ao campo de golf.

Sanidade di que o proxecto "non aporta información sobre os posibles contaminantes" das balsas de auga que se prevén

Porén, a visión de Sanidade é crítica. “Non se considera válido o sistema de abastecemento de auga de consumo humano”, di a consellería, que considera que o proxecto non garante que as instalacións posúan auga apta. O informe critica sobre o estado da auga desas balsas que “non se aporta información sobre os posibles contaminantes que pode levar concentrados, procedentes das diferentes actividades a desenvolver no entorno e que serían recollidos na circulación desta lámina de auga” e que “tampouco se indica o sistema de tratamento que se vai aplicar, en función dos contaminantes”. Sanidade tamén critica que o proxecto “emprega de xeito confuso o termo depuración” e pide “clarexar” a diferencia entre “depuración”, “tratamento” e “rexeneración”.

Xa en 2015 a Xunta criticaba a “información confusa e contraditoria ao respecto das necesidades de consumo de auga precisas para o mantemento do campo de golf”

O campo de golf vén sendo rexeitado polos veciños da parroquia de Baredo, á que pertencen o monte comunal no que o Concello quere situalo. Á marxe da súa negativa a quedar sen ese monte comunal, os veciños alertan do risco que suporía para a auga que eles mesmos consumen. E o informe de Sanidade avala as súas dúbidas, xa que considera “insuficiente” a información que o proxecto ofrece sobre o pozo que tamén contempla, unha instalación que outros departamentos da Xunta xa consideraran que se propuña de xeito ambiguo noutras versións previas do documento, nas que nalgúns apartados aparecía como só unha opción máis de abastecemento e noutros como unha necesidade. Daquela o Goberno galego xa criticaba a “información confusa e contraditoria ao respecto das necesidades de consumo de auga precisas para o mantemento do campo de golf”. Agora Sanidade di dese pozo que podería afectar mananciais aproveitados pola comunidade de augas de Baredo “xa que non se realizou ningún estudo de existencia de auga subtérranea susceptible como auga de consumo humano”.

O informe de Sanidade tamén reclama que o proxecto garanta que o uso da auga de escorrentía non facilite a proliferación de lexionela. Isto é, as balsas de acumulación da auga de superficie non garanten un subministro para o consumo humano e poden ser un foco de problemas e o proxecto carece de estudos serios sobre o impacto dun posible pozo. Ademais, di que non se analizou se a rede de saneamento de Baiona ten capacidade para tratar as augas residuais que alí se produzan.

“No documento non se fai unha valoración dos impactos sobre a calidade do aire, o ruído, e de posibles vertidos ao chan e as augas de contaminantes”, di Sanidade

A avaliación de Sanidade tamén critica outras eivas como que “no documento non se fai unha valoración dos impactos sobre a calidade do aire, o ruído, e de posibles vertidos ao chan e as augas de contaminantes”, e reclama que se indiquen “as medidas para previr, reducir e corrixir ditos impactos”. Igualmente, di que non se realizaron estudos sobre o efecto dos posibles produtos fitosanitarios, biocidas ou fertilizantes nas novas instalacións, reclama que se adopten precaucións no deseño dos edificios que alí se constrúan por atoparse nunha zona de máximo risco por gas radón.

Aspecto da zona, na serra da Groba, na que se ubicaría o campo de Golf [Foto: Google Street View]

O complexo requiriría dun investimento de 14 millóns e o estudo di que sería rendible tanto para o Concello como para a iniciativa privada

Segundo o proxecto do Concello, xunto co campo de golf construiríanse varias pistas deportivas descubertas, piscina, pistas hípicas e mesmo unha “zona de deportes aéreos” que converterían a esa zona da serra da Groba na “maior área deportiva da provincia”. Todas estas instalacións, que ocuparían unha superficie total de 675.000 metros cadrados, a maioría deles para o campo de golf, construiríanse en dúas fases que suporían un investimento total duns 14 millóns de euros. Segundo o estudo de viabilidade, “respecto ao impacto nas Facendas Públicas, tanto a opción da explotación directa do servizo polo Concello, como a través dun Concesionario resultan sustentables economicamente”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.