Máis de 10.000 anos de historia recorrentemente poxados e, en cada tentativa, a un prezo de maior saldo. A venda por parte do Ministerio de Facenda dun predio na parroquia vilalbesa de Santaballa fixo saltar neste mes de novembro as alarmas políticas e mediáticas por ser o terreo no que se atopa o acubillo da Pena Grande, considerado o xacemento paleolítico máis importante de Galicia, do que saíron máis de mil pezas conservadas no Museo da Prehistoria da capital chairega dende o seu descubrimento, a mediados do século pasado, por parte do doutor José Ramil Soneira. Pero o certo é que, como indica o propio departamento estatal na convocatoria da poxa, esta é a terceira vez que procura desfacerse da leira. E ningunha autoridade galega fixo nada por evitalo nas dúas ocasións anteriores.
Pouco despois de ser declarado "alienable" pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, en agosto de 2016, este predio procedente do agrupamento de varias leiras da concentración parcelaria sen propiedade coñecida foi posto á venda por primeira vez. En novembro dese ano foi incluído nunha poxa cun prezo de saída de case 10.800 euros, pero ninguén o mercou. O segundo intento chegou a pasada primavera, cando Facenda o ofertou nunha nova poxa rebaixando o importe ata apenas 9.200 euros, pero o resultado foi o mesmo.
O primeiro prezo de saída achegábase aos 11.000 euros e na terceira poxa xa non chega aos 8.000
No anuncio polo que se convocou a terceira poxa, que se celebrará o vindeiro 15 de decembro en Lugo, o Ministerio volve rebaixar o prezo de saída, que cae xa por baixo dos 8.000 euros, pero introduce outra novidade. Ao contrario que nas dúas ocasións anteriores, desta volta si indica que "nesta leira existen dous xacementos arqueolóxicos", en referencia ao devandito acubillo de Pena Grande e mais a un petróglifo.
Referencias no BOE ás tres poxas do predio no que se atopa o acubillo de Pena Grande
O Concello non acudirá á poxa
O alcalde afirma que Pena Grande está protexido porque "está declarado Ben de Interese Cultural", pero a Xunta confirma que non ten esta declaración, coa que si contan dous xacementos do municipio
No panorama de incógnitas sobre o futuro deste importante xacemento hai xa, cando menos, unha certeza: o Concello de Vilalba "non ten intención de acudir á poxa" para que o predio pase a ser da súa propiedade. Confirmouno en declaracións á Radio Galega o alcalde da vila, Agustín Baamonde (PP), quen se declarou sorprendido coa "polémica" ao fío da terceira poxa despois de que as dúas anteriores pasasen desapercibidas para a prensa e os partidos políticos. "O xacemento -sinala Baamonde- non está en mans de particulares", senón "da Administración pública", neste caso o Ministerio, que xa "ten a obriga de coidar o patrimonio". Por este motivo, o rexedor cre que "a situación é moi fácil": "con tal de que o Ministerio quede co xacemento o chegue a un acordo coa Xunta ou co Concello, está resolto o problema".
Pero, e se isto non sucede e finalmente é mercado por un particular? Daquela, o acubillo de Pena Grande "sería de propiedade privada" pero, asegura, a súa conservación "non periga" e "a efectos de visita, estudo e mantemento, goza de protección". Segundo Baamonde o acubillo de Pena Grande "está declarado Ben de Interese Cultural", pero o certo é que non figura no Rexistro de Bens de Interese Cultural da Xunta. Consultada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Cultura e Educación confirma que o xacemento non conta con esa declaración, senón que só está catalogado no planeamento urbanístico provisional aprobado no municipio en 1991. Vilalba si conta, no entanto, con dous achados prehistóricos declarados BIC: a cámara megalítica da Roza das Modias e mais a Pedra de Chantada.
En Marea reitera a petición de cesión á Xunta
En Marea e BNG subliñan a necesidade de parar a poxa e que Facenda ceda o control do xacemento ao Goberno galego
Esa declaración como BIC é, precisamente, unha das reclamacións formuladas por En Marea, que en rolda de prensa en Lugo debullou as iniciativas que vén de poñer en marcha ao respecto tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento galego. Para o deputado Miguel Anxo Fernán Vello, esta conxuntura é, en última instancia, froito do "abandono" que deriva do "grave problema de sensibilidade por parte da Xunta" cara á protección do patrimonio. A xuízo de Ánxeles Cuña, voceira da formación no Parlamento en materia cultural, o Goberno galego debe esixir a paralización da poxa e "instar o Ministerio a ceder gratuitamente os terreos para poñelos en valor dende un punto de vista do patrimonio cultural e histórico.
A cesión do terreo á Xunta foi tamén reclamada a pasada semana dende o BNG pola parlamentaria lucense Olalla Rodil. Segundo a deputada do Bloque esta "parte fundamental" do patrimonio do museo vilalbés pode estar en serio risco se pasa a mans privadas. Exporíase, asegura, á "destrución do lugar tal e como o coñecemos, poñendo en risco a súa supervivencia, por exemplo, coa plantación de eucaliptos". Segundo o alcalde de Vilalba, un "aproveitamento doutro tipo" nesa zona "non é fácil", porque o terreo "ten moita rocha".