A presión política e social fixo efecto. O Ministerio de Facenda vén de paralizar a saída a poxa pública por terceira vez do predio no que se atopa o xacemento paleolítico de Pena Grande, na parroquia vilalbesa de Santaballa. Así o vén de ratificar o departamento gobernamental ao deputado lucense de En Marea Miguel Anxo Fernán-Vello, que tras presentar unha batería de iniciativas parlamentarias ao respecto deu en abordar este mércores ao ministro Cristóbal Montoro no pleno do Congreso para transmitirlle a situación. O ministro deu a orde e, segundo puido confirmar Praza.gal de fontes do propio Ministerio, están en marcha os trámites para retirar da poxa o lote correspondente ao predio.
Despois de que as dúas tentativas previas para vendelo pasasen practicamente desapercibidas no ámbito sociopolítico e mediático, a convocatoria da terceira poxa para o 15 de decembro fixo prender todas as alarmas e deu lugar a iniciativas no Concello de Vilalba, no Parlamento galego e tamén no Congreso. No caso da Cámara Baixa a proposición non de lei e mais a pregunta rexistrada por Fernán-Vello non chegarían a completar o seu trámite ata despois da celebración da poxa. Por iso, explica o parlamentario en conversa con este diario, decidiu "trasladarllo de viva voz" a Montoro.
O Ministerio frea a venda tras advertir Fernán-Vello (En Marea) a Montoro de que estaba a vender "o xacemento paleolítico máis importante de Galicia"
"Informeino de que estabamos a falar do xacemento máis importante do paleolítico superior en Galicia e polo tanto, tamén no conxunto do Estado", sinala Fernán-Vello, quen explica que dende a secretaría de Estado de Facenda se certifica, ademais, que unha vez "paralizado" o proceso de venda, existe disposición para unha "cesión gratuíta dos terreos" que permita a conservación do xacemento. O máis probable, engade, é que esta cesión se canalice a través do Concello vilalbés cuxo alcalde, Agustín Baamonde, confirma a Praza.gal a disposición para realizar os trámites que sexan precisos en canto reciba "confirmación oficial".
A Xunta dá por "confirmada" a paralización e o Concello de Vilalba amósase disposto a facer os trámites precisos para a cesión
A Consellería de Cultura e Educación dá tamén por "confirmado", afirmou a este xornal un voceiro oficial, a paralización dunha poxa que Fernán-Vello acolle cunha "gran satisfacción". Nun contexto no que a posible venda do predio do xacemento estaba a crear mesmo "tensión social", era evidente o "síntoma de desleixo" cara ao patrimonio por parte da Administración, sinala, mesmo de "descoñecemento" en Facenda de que o que se estaba a tentar vender era un anaco de patrimonio histórico. Neste sentido, o alcalde vilalbés afirma que non resultaba comprensible que saíse á venda un terreo que "xa está en mans dunha Administración pública, que ten a obriga de defendelo". A xestión realizada, agrega o deputado, "é indicativo de que a política e o diálogo político serven, teñen resultados".
A asociación lucense Cultura do País iniciara o proceso para concorrer á poxa e "protexer" o xacemento
A retirada da leira de Pena Grande da poxa prevista para o día 15 chega tamén apenas vinte e catro horas despois de que a asociación lucense Cultura do País anunciase a súa disposición a tentar mercar o xacemento no caso de que chegase a saír á venda. Ese foi o motivo polo que este mesmo xoves o colectivo cultural puxo en marcha unha recolleita de fondos coa que, explicou a súa presidenta, Ruth Rodríguez, pretendían impedir que o predio "acabe en mans de persoas que o vaian explotar dunha forma que dane o propio xacemento". No caso de que, como finalmente semella que vai acontecer, a poxa fose paralizada, a asociación consideraríao "unha boa nova", toda vez que é "o que as Administracións terían que ter feito hai xa moito tempo".
Ademais das iniciativas rexistradas por En Marea no Congreso, nas últimas semanas tamén reclamaran a paralización da poxa o BNG, no Parlamento galego a través da deputada Olalla Rodil, e mais o PSdeG por medio da súa voceira en Vilalba, Elba Veleiro. Ambas reclamaran frear a venda e que Xunta e Concello tomasen medidas para protexer e investigar o xacemento.