A Comisión Europea, o Goberno central e a Xunta deberán dar explicacións nas próximas semanas do que saben sobre o estado no que se atopan os residuos nucleares vertidos entre 1949 e 1982 fronte as costas galegas, na denominada Foxa Atántica. Os executivos europeo, estatal e galego terán que responder a diversas preguntas formuladas por PSOE, En Marea e BNG, que se interesan polo problema relatado esta semana por Praza.gal de que unha ducia de institucións estatais e internacionais non sexan quen de dicir cando foi a última vez que se controlou o estado deses vertidos, cando será a próxima nin quen debe vixialos.
PSOE, En Marea e BNG interésanse pola falta de información sobre o estado daqueles vertidos cando se cumpren 35 anos dos últimos pero cos primeiros aproximándose ás sete décadas de antigüidade
O eurodeputado e ex-ministro socialista José Blanco, membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, presentou o pasado 21 de xuño unha pregunta na Eurocámara na que pedía á Comisión Europea que lle indicase “se preveu realizar ou participar en calquera forma na realización de novos estudos científicos sobre o estado dos residuos vertidos”. O 30 de agosto a Comisión Europea respondeulle, na mesma liña en que contestou a este diario, situando o foco en que os vertidos están actualmente prohibidos e indicándolle que debido a esa prohibición “neste momento a Comisión non está planificando novos estudos científicos sobre o estado dos residuos vertidos”. Ante esa resposta, o 27 de setembro Blanco formulou novas preguntas, aínda pendentes de contestación, nas que pide á Comisión que lle diga se ten coñecemento de que o Goberno español estea a planificar novos estudos sobre aqueles residuos, se España trasladou á UE a necesidade de facelos ou se a propia Comisión detectou algunha irregularidade nos controis sobre a radioactividade que poida estar a realizar o Goberno español.
No Congreso dos Deputados, a deputada de En Marea Alexandra Fernández vén de presentar tamén varias preguntas nas que tenta aclarar que sabe o Goberno central sobre esta cuestión. Fernández pregunta se o Goberno coñece se algún organismo internacional está a realizar algún control dos vertidos, cando se produciu a última inspección e se o Executivo vai demandar a vixilancia deses bidóns. A deputada de En Marea tamén pregunta se o propio Goberno se interesou nos últimos anos polo estado deses residuos, se realizou algunha xestión internacional e, “de non ser así, por que?”. Fernández argumenta que “dado o prolongado tempo transcorrido desde que se depositaron os residuos radioactivos na Foxa Atlántica, sería pertinente saber se se están levando a cabo revisións sobre o seu estado e evolución, e que organismo internacional é o competente”. A deputada salienta que “os bidóns non foron deseñados para a almacenaxe de residuos nucleares e radioactivos a perpetuidade”, polo que reclama “facer política preventiva” e que o Estado español se preocupe polo tema “posto que a súa costa é a máis próxima aos bidóns radioactivos”.
A Comisión Europea e o Goberno central non foron quen de dicir cando se realizarán as próximas análises mentres que Greenpeace reclama que sexan os países que verteron os residuos os que os vixíen
No Parlamento de Galicia, fontes do BNG avanzan que esta formación tamén prevé presentar iniciativas ao respecto a próxima semana para interesarse polo coñecemento que poida ter a Xunta sobre o estado deses residuos radioactivos fronte ás costas galegas.
As peticións de explicacións políticas por parte dos executivos galego, estatal e europeo prodúcense ao tempo que Greenpeace reclama que sexan os países que realizaron os vertidos os que controlen o seu estado. A organización ecoloxista, cuxas campañas de 1981 e 1982 da man de mariñeiros galegos serviron para parar aqueles vertidos, alerta tamén sobre a antigüidade das análises existentes sobre o estado daqueles bidóns.