0 Gardados para despois

O Tribunal de Cuentas desmonta a operación coa que Ence logrou que a Xunta lle baixe impostos en Ribadeo

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


En 2011 a Xunta asinou un convenio con Ence á medida da empresa co que lle rebaixou ata un 60% a taxa por usar o peirao de Ribadeo, titularidade de Portos de Galicia, para embarcar nel a pasta de papel que produce na súa factoría asturiana de Navia. O Goberno galego xustificou aquel convenio pola ameaza que supuña outro acordo previo entre Ence, o Principado de Asturias e Feve para conectar por ferrocarril esa fábrica co porto de Xixón e que fose aquel a saída dos seus produtos. Pero esa liña férrea segue sen rematarse e agora o Tribunal de Cuentas, nun informe de fiscalización dos investimentos de Feve entre 2005 e 2012 publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado 22 de novembro, insta a denunciar a Ence por “danos e prexuízos” tras constatar o “escaso interese” da empresa por continuar a obra en Asturias unha vez que logrou a rebaixa de impostos en Galicia.

O órgano de fiscalización pide a Feve que denuncie á empresa pola vía inacabada de acceso á súa fábrica de Asturias, que Portos esgrimiu como ameaza para xustificar perdoarlle taxas en Galicia

Había anos que Ence viña movendo diversos produtos da súa factoría de Navia a través do porto de Ribadeo, a 35 quilómetros por estrada, cando en 2010 asinou un convenio co Principado e Feve para construír un ramal de 2,5 quilómetros que conectase as súas instalacións coa liña ferroviaria e pasar a usar porto de Xixón, a uns cen quilómetros. Dos 9 millóns que se prevía que custaría ese ramal de acceso á súa fábrica, Feve pagaría 3,5, o principado outro tanto e Ence 2 millóns.

Con esas obras xa iniciadas foi cando a Xunta asinou con Ence un acordo para rebaixarlle ata un 60% as taxas polo uso que xa viña facendo do porto de Ribadeo. O principal argumento ofrecido polo Goberno galego para esa exención foi precisamente a ameaza de que Ence levase a Xixón por tren os tráficos que viña captando Ribadeo. Do mesmo xeito, o argumento esgrimido polo Principado para xustificar a súa achega de fondos públicos para construír a vía ferroviaria á fábrica de Navia era o de que así Asturias pasaría a beneficiarse duns tráficos que ata aquel momento pasaban por Galicia.

O Tribunal de Cuentas considera "conveniente" rematar a obra en Asturias pola que agora Ence ten "escaso interese" ou do contrario denunciar á empresa por "danos e prexuízos"

Tras gastar na obra ferroviaria uns seis millóns de euros de fondos públicos, os traballos paráronse, entre outras cousas, segundo di o Tribunal de Cuentas, “por non acadarse un acordo entre Feve e a empresa propietaria da factoría para a cesión temporal dos terreos no interior da planta”. Ese estancamento das obras en Navia produciuse unha vez que Ence xa conseguira a rebaixa de impostos en Ribadeo, o que agora o Tribunal de Cuentas relaciona no seu informe. A negativa de Ence a facilitar que continúen as obras do acceso ferroviario á súa fábrica de Navia, di Cuentas, “unida ao feito de que durante todo este período de tempo ata a actualidade veu suplindo este servizo de transporte por ferrocarril co transporte por estrada ao porto galego de Ribadeo máis próximo á súa factoría, pon de manifesto o seu escaso interese pola finalización do proxecto”.

Ante esta situación, o ente fiscalizador fai unha petición a Feve, empresa pública agora repartida entre Renfe e Adif: “Sería conveniente que se intensificasen as negociacións para poder terminar coa construción do tramo ou, no seu caso, se denunciara o contrato e, conforme ao establecido nos contratos asinados, se esixira á empresa propietaria da factoría a indemnización dos danos e prexuízos provocados pola súa actuación”. Segundo engade Cuentas, Renfe está pensando en iniciar accións legais despois de requirir á empresa que cumprise as súas obrigas “sen obter resposta”.

A modificación legal que ampara a rebaixa selectiva de impostos en Portos de Galicia só se empregou unha vez: con Ence en Ribadeo

O informe do Tribunal de Cuentas desmonta así a operación asturiana de Ence na que a Xunta se amparou a modo de ameaza para xustificar rebaixarlle impostos en Galicia. Unha rebaixa que, tal e como foi redactada no convenio asinado ao efecto entre Portos de Galicia e Ence, desvelado en febreiro do ano pasado por Praza.gal, non evitaría a marcha da empresa senón que na práctica supuxo un perdón unilateral das taxas que viña pagando fixese o que fixese a empresa. Por outra banda, aquela rebaixa concretouse a través dun convenio para o que foi preciso modificar previamente en decembro de 2010 a lei de taxas de Portos de Galicia. Esa modificación legal para permitir ao ente público asinar convenios de rebaixa de taxas con empresas privadas só se empregou unha vez: con Ence.

Unha rebaixa que para Portos supón unha redución de ingresos de entre 300.000 e 500.000 euros anuais (entre o 2% e o 3% dos ingresos ordinarios do ente público). Pero a rebaixa non foi a única concesión que fixo a Xunta a Ence en Ribadeo. Tras a ameaza de deixar Galicia por Asturias que agora Contas desmonta, a Xunta investiu 2,2 millóns de euros en mellorar o porto lucense, obras que o propio Feijóo vinculou ás necesidades da empresa na súa inauguración en xullo de 2012.

Ence vén presentando beneficios en aumento ano tras ano e o daquela responsable de Portos que autorizou a rebaixa de impostos foi contratado polo Concello de Arteixo como "xestor eficaz de recursos"

Durante estes anos, desde a rebaixa de impostos da Xunta, e o abandono da obra asturiana, Ence vén presentando uns beneficios en aumento ano tras ano. Nos tres primeiros trimestres deste 2017 a empresa obtivo un beneficio neto de 59,5 millóns de euros, o que supón un 183% máis que no mesmo período do ano anterior.

Por outra banda, responsable daquela modificación legal e do posterior convenio para reducir impostos a Ence en Ribadeo foi o daquela presidente de Portos, José Manuel Álvarez-Campana, contratado en setembro de 2015 polo goberno local de Arteixo, do PP, co cargo oficial de “xestor eficaz de recursos”.

Convenio entre Portos e Ence á medida das necesidades da empresa

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.