O Estado sabía hai sete meses que a UE suprimirá o centro de bivalvos ao que aspiraban Xunta e Feijóo

Feijóo, no acto polo 25º aniversario do Intecmar en Vilagarcía © Xunta

"A Comisión Europea informou aos Estados membros o pasado 17 de maio de que o Laboratorio Comunitario de Control Bacteriolóxico dos Bivalvos íase suprimir por motivos orzamentarios". Esta foi a resposta que o pasado 2 de novembro deu o Goberno central a unha pregunta dun deputado socialista sobre as xestións previstas polo Executivo para que este centro de referencia ao que aspiraba Galicia acabase finalmente no país. 

O Estado sabía xa hai sete meses que o laboratorio ao que aspiraba Galicia ía ser suprimido pola UE

Xa que logo, o Estado sabía xa hai sete meses que as posibilidades de que Galicia acollese este laboratorio de referencia na UE eran nulas. Non dixo nada ata principios do pasado mes de novembro, cando contestou a pregunta realizada polo deputado do PSOE Miguel Ángel Heredia, pero iso tampouco foi impedimento para que a Xunta seguise facendo campaña a prol de que ese centro se instalase en Vilagarcía. 

Tal e como adiantou Faro de Vigo, a UE decidira xa suprimir o laboratorio de referencia para toda a UE en investigación de contaminantes virais e bacteriolóxicos dos bivavlvos en canto se consumase o Brexit e o Reino  Unido abandonase a UE. A intención manifestada pola Xunta era que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), con sede en Vilagarcía de Arousa, asumise as competencias que están agora en mans do Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science (Cefas), na localidade inglesa de Weymouth. 

Feijóo impulsou a candidatura galega ao laboratorio de bivalvos o 24 de novembro, tres semanas despois de que Madrid informase da imposibilidade de que se instalase na Arousa

Malia todo, o pasado 24 de novembro, tres semanas despois de que o Goberno central anunciase as intencións da Comsión Europea e sete despois de que coñecese a noticia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non dubidou en reivindicar a cantidatura de Vilagarcía e de Galicia como "o mellor lugar para acoller o laboratorio europeo de bivalvos". Fíxoo na celebración dos 25 anos do Intecmar, aludindo ao liderado do país nan produción de bivalvos ou á traxectoria investigadora.

“Se traballamos unidos, se facemos fincapé na coordinación co Goberno de España e se somos capaces de explicar o que facemos e a nosa experiencia conseguiremos oficializar a nosa candidatura”, dixo cando había xa seis meses que a Comisión Europea negara calquera posibilidade. O Executivo central, ao que aludía Feijóo, sabía desde maio que non había opción e esa información fora feita pública tamén semanas antes. 

A resposta dada polo Goberno central foi clara, tal e como se pode comprobar. "A Comisión Europea informou aos Estados membros o pasado 17 de maio, na reunión do Comité Permanente de Plantas, Animais, Alimentos e Pensos, sobre o futuro dos laboratorios de referencia da Unión Europea ubicados noo Reino Unido. Neste sentido, e no que se refire ao laboratorio de referencia para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos de moluscos bivalvos, comunicou que este se ía suprimir por motivos orzamentarios e que as súas actividades ían ser distribuídas aos laboratorios de referencia existentes para os distintos patóxenos", di. 

O Goberno central aseguraba en outubro que presentaría a candidatura de Galicia cando se confirmase o Brexit

Malia todo, o Estado aseguraba en outubro que presentaría a candidatura de Galicia en canto se confirmase e rematase o Brexit, pero na Moncloa sabían xa hai tempo que a devandita candidatura era inútil porque aspiraba a un centro que non existiría. Foi a Axencia Española de Seguridade Alimantaria, dependente do Ministerio de Sanidade, a que recibiu a información sobre a supresión do laboratorio, o mesmo organismo que fixo unha intensa campaña para que Barcelona acollese a sede da Axencia Europea do Medicamento. 

O 11 de xullo, cando o Estado xa coñecía a mala nova, a conselleira de Mar respondía a unha pregunta oral no Parlamento asegurando que a Xunta traballaba na candidatura galega. Ademais, xa en outubro, era aprobada de forma unánime unha proposición non de lei do PSOE para presentar a Galicia como “a mellor candidatura” para o laboratorio, tal e como lembra o PSOE. 

En xullo, a Xunta aseguraba que traballaba pola candidatura; en outubro, aprobábase no Parlamento unha proposición para presentar "a mellor"

Pero a notificación do Goberno central agochaba ademais unha boa noticia para Galicia e, máis concretamente, para o laboratorio de Biotoxinas Mariñas de Vigo. Este organismo recibirá parte das competencias do laboratorio de ocntaminatnes bacteriolóxicos cando se confirme o Brexit. Ademais, a UE creará un novo laboratorio "específico de virus en alimentos" e para o que aínda non hai sede. 

Tal e como lembra Faro, ao Cefas británico asingáronselle para o bienio 2016-17 menos de 2 millóns de euros, o que supón un 0,03% de todo o orzamento do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro, de 6.400 millóns até 2020. 

 

O PSdeG acusa a Feijóo de "trilero"

O PSdeG non tardou en reaccionar. O portavoz de Marisqueo do grupo socialista no Parlamento, Julio Torrado, acusou a Feijóo de "comportarse como un trilero de feira" ao anunciar en novembro que "Vilaxoán sería o lugar idóneo para acoller o Laboratorio Comunitario de Control Bacteriolóxico de Bivalvos". "O que non dixo daquela foi que en maio a UE comunicara que xa en maio que o laboratorio sería suprimido", asegura. 

O PSdeG acusa a Feijóo de "intentar mentir para gañar un puñado de titulares, por unha visión pateticamente curtopracista”

Torrado acusou o presidente da Xunta de “intentar mentir para gañar un puñado de titulares, por unha visión pateticamente curtopracista” coa conclusión dun “ridículo espantoso” do Goberno galego. O responsable socialista presentará unha batería de iniciativas parlamentarias “para esixir que expliquen os motivos polos que mentiron, quen é o responsable e reclamar que depuren responsabilidades políticas”.

"Ou Feijóo non se entera de nada ou estaba vendendo fume", denuncia Ana Pontón (BNG)

Cualificou de “moi grave” esta situación, xa que “ao decidir ocultar a información e optar pola opacidade nos fixeron perder a todos e todas a posibilidade de traer un laboratorio de referencia para o que Galicia está sobradamente preparada”. Lembra que a UE comunicou formalmente esta decisión o pasado 17 de maio, “ante o que España, que asinou o documento, nin sequera presionou para manter o laboratorio”.

Nas redes sociais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinaltou tamén a Feijóo. "Ou non se entera de nada ou estaba vendendo fume. Calquera das dúas opcións deixa en mal lugar ao presidente da Xunta", dixo. 

Traballos do laboratorio de bivalvos no Reino Unido © Cefas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.