O fracaso do laboratorio de bivalvos revela para o PSdeG "a ineptitude política profunda" do PP

Julio Torrado, deputado do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O caso do laboratorio europeo de bivalvos continúa no centro do debate político. Durante meses a Xunta asegurou publicamente que estaba a realizar xestións para que este centro de referencia se instalase en Galicia, aínda que o Goberno xa coñecía que a UE decidira prescindir do ente por motivos orzamentarios e, de feito, Galicia nunca foi postulada oficialmente. A polémica chegou este xoves ao Parlamento, onde portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, subliñou o “ridículo espantoso” demostrado por Alberto Núñez Feijoo neste proceso.

Julio Torrado subliñou o “ridículo espantoso” demostrado por Núñez Feijoo neste proceso

Torrado acusou ao PP de ser “nada de fiar” en todo o relacionado coa investigación e co sector do mar, sinalando que neste tema o Goberno galego non fixo "absolutamente nada", pero "preocupouse de contar que se facían moitas cousas", o que "constata unha ineptitude profunda da acción política por parte do PP". Torrado acusou a Xunta de “ter perdido a oportunidade” de traer a Galicia o laboratorio por mor dunha “xestión absolutamente ineficiente”. "A sensación xeral é que pretensión é tomar os cidadáns por parvos", engadiu.

O deputado socialista lembrou que o PP rexeitar unha iniciativa socialista para defender a candidatura de Galicia “argumentando que estaban traballando conxuntamente co Ministerio”, o que se vén de demostrar que non era certo. Torrado sinalou que daquela o PP lles recriminara "que chegabamos tarde a algo xa posto en marcha polo goberno galego”. “Como pode ser fiable un Grupo Parlamentario que di estar traballando cando quedou en evidencia que ninguén movera un papel?”, preguntouse.

"A sensación xeral é que pretensión é tomar os cidadáns por parvos"

Estas críticas chegaron no marco do debate dunha proposta socialista para reclamarlle á Xunta que estudase a creación dunha entidade autonómica que aglutine os diferentes centros e liñas de investigación do sector pesqueiro seguindo o exemplo do País Vasco, rexeitada polo PP.

Julio Torrado, deputado do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.