0 Gardados para despois

Feijóo di que Ribera Salud pretende manter o patrimonio do Centro Gallego en mans dos emigrantes

Redacción | @prazapublica

"A Fundación Favaloro e o grupo Ribera Salud son favorables a deixar o patrimonio dentro do patrimonio do Centro Gallego e dos mutualistas". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que tanto a entidade arxentina como a empresa española mantiveron unha "comunicación oral" co Goberno galego na que amosaron a súa dispoñibilidade a que todo o legado histórico, artístico e cultural da institución da diáspora permaneza en mans dos emigrantes no caso de que se confirme a venda do edificio e da xestión sanitaria. 

Feijóo asegura que Favaloro e Ribera Salud manifestáronlle á Xunta a súa intención de manter o patrimonio cultural na mans dos emigrantes

Deste xeito, cumpriríase unha das condicións que a asemblea de representantes do Centro Gallego de Bos Aires puxo na súa proposta ante a oferta de arredor de 42 millóns de euros que Favaloro e Ribera Salud fixeron para se facer coa histórica sede da emigración galega na Arxentina. "Seguiremos preocupados polo futuro desas obras, temos interese en preservar e protexer ese patrimonio", dixo Feijóo. 

No entanto, o presidente da Xunta advertiu de que "a lexislación arxentina é moi limitativa para que alguén poida comprar determinadas obras e sacalas do país, do mesmo xeito que aquí temos a proteccion dos Bens de Interese Cultural". Mentres o BNG e En Marea apostan por intentar recuperar o legado histórico e artístico para Galicia, os representantes dos socios do Centro Gallego na asemblea xa deixaron claro que a súa intención é que se garanta que todas as obras queden no poder da emigración e "non saian da Arxentina". 

O presidente da Xunta advirte da dificultade para que a Xunta compre o patrimonio e o traia a Galicia

Ademais, Feijóo asegurou que o Goberno galego ten "un inventario" de todo o patrimonio do Centro Gallego "peza a peza", pero que non dirá "canto custaría". "Non o sei pero tampouco me parecería oportuno neste momento dicir o que Galicia estaría disposta a dar proque empezaríamos cunha negociación na que o único que podemos facer é perder", engadiu. "Que se venda o hospital non significa que non permaneza unha fundación de carácter cultural que poida pervivir, e con esa fundación seguiremos mantendo contacto", rematou. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.