Ciudadanos gaña as eleccións pero o independentismo suma maioría absoluta. Catalunya falou, cunha participación histórica, e situou o partido laranxa como o partido máis votado pero tamén o soberanismo como o bloque con maior apoio, mantendo as formacións que apostan pola creación dun Estado na maioría absoluta en escanos coa que contaban no Parlament, aínda que con dous deputados menos.
Ciudadanos gaña as eleccións pero o independentismo mantén a maioría absoluta no Parlament
Foron as eleccións máis excepcionais na historia de Catalunya. Uns comicios convocados e organizados polo Goberno central tras a aplicación do artigo 155 da Constitución no pasado mes de outubro, aquel que comezou co polémico referendo do 1-O e as duras cargas policiais e rematou coa declaración de independencia do Parlament tras o intento fallido a última hora do president Puigdemont de convocar autonómicas. Foi a lista deste último unha das grandes sorpresas, ao superar as expectativas: Junts per Catalunya deu o sorpasso a ERC e xuntos, ambos os dous partidos, superan mesmo os 62 escanos que tiña Junts pel Sí. Agora teñen 66.
A lista de Puigdemont dá a sorpresa e supera a ERC; a suma dos dous partidos suma catro escanos máis que a coalición de Junts pel Sí
Agardábase unha altísima participación -e así foi, cun histórico 82% do censo, oito puntos máis que nas autonómicas de 2015- pero poucos son os que pensan agora que os resultados desencallarán axiña un conflito político entre dous bloques que permanecen moi igualados: o independentismo mantivo os números das últimas convocatorias -tamén dos referendos- e superou os 2 millóns de votos, case igualando os votos do si na consulta do 1-O. Sumou algo máis do 47,5%, case a mesma porcentaxe que en 2015, fronte ao 43,4% do bloque constitucionalista. No medio, os comuns. No fondo, unha ampla maioría a favor dun referendo de autodeterminación.
A caída da CUP -pasa de 10 a 4- compénsase no soberanismo coa fortaleza de Esquerra e a sorpresa de Junts per Catalunya. Un cabeza de lista encarcerado e o outro, fuxido en Bruxelas. As forzas independentistas suman dous escanos menos que hai dous anos pero manteñen a vitoria.
O constitucionalismo suma máis escanos que hai dous anos pero non alcanza o independentismo: suma o 43,4% fronte ao 47,5%
Mentres, os partidos autodenominados constitucionalistas (Ciudadanos, PSC e PP) suman máis votos e máis escanos que nas anteriores eleccións, pero non lles dá para alcanzar o independentismo.
O partido laranxa confirmou as boas expectativas dos inquéritos e o apoio masivo que aos seus postulados se deu desde o unionismo. Foi a forza máis votada -co que supón para un partido que dixo nacer para loitar contra o nacionalismo catalán- pero non acadou o obxectivo que se marcara á marxe do seu: que o independentismo non fose maioritario. Éo. No entanto, a formación liderada por Inés Arrimadas suma 37 deputados.
O PSC, pola súa banda, non alcanzou o que se agardaba do efecto do seu candidato, Miguel Iceta. Mellorou resultados pero non acadou os máis de 20 dos que falaban todas as enquisas. Os matices entre bloques non lle funcionaron, ao igual que tampouco lle funcionou a Catalunya en Comú-Podem.
Ringleiras para votar no municipio de Sant Joan Despí / © Ajuntament de Sant Joan Despí
Con todo, se houbo un derrotado foi o PP. A formación que goberna o Estado queda como última forza no Parlament, non terá nin grupo propio ao pasar de 11 deputados a 3 e vese mesmo superado pola CUP. Será un partido residual, máis tendo en conta que os seus escanos non suman para ningunha alternativa posible ao independentismo.
No medio, os 8 escanos obtidos por Catalunya En Comú-Podem, formación que advertiu que rexeitaba a vía unilateral e apostaba por un referendo pactado co Estado, pero posicionouse tamén totalmente en contra da resposta do Goberno central, da aplicación do 155 e do encarceramento dos líderes independentistas. A formación liderada por Xavier Domènech aspiraba a ser a chave dos pactos aínda caendo en votos e en escanos, tal e como ocorreu. Pasou dos 11 a estes 8. Pero non será clave.
"O independentismo volveu gañar"
Coñecidos os resultados, chegaron as primeiras declaracións. Miguel Iceta, líder do PSC, asegurou que os independentistas "non conseguiron a maioría de votos" e que "a maioría parlamentaria terá queu actuar no marco da legalidade vixente". Ademais, díxose "comprometido" na busca de "solucións acordadas" que se traduza "na mellora do financiamento".
Albiol, do PP, pola súa banda, recoñeceu que o resultado fora "malo para o PP e para o futuro de Catalunya" e apelou á "reflexión" nun bloque constitucionalista que, advertiu, pasa un "momento complicado" ao non impoñerse ao independentismo. Desde a CUP, o seu cabeza de lista, Carles Riera, cre que "a República gañou claramente".
"O 155 foi soterrado nas urnas", di JxCAT, mentres desde ERC proclaman a vitoria do independentismo
Desde ERC, o seu número 2, Marta Rovira, asegurou que hai unha "suma independentista e claramente republicana" e que as forzas independentistas "volveron gañar as eleccións malia a ofensiva policial e mediática" e de ter membros do Goberno "na cadea ou no exilio". Desde Junts per Catalunya insistiuse que "Rajoy e o 155 perderon". "O 155 foi soterrado polas urnas", dixo Eduard Pujol.
"A República catalá gañou a monarquía do 155", dixo Puigdemont desde Bruxelas
Logo, o president cesado, Carles Puigdemont, cre que o resultado "ninguén o pode discutir". "A República catalá gañou á monarquía do 155", asegurou desde Bruxelas tras apostar pola "restitución do Govern lexítimo".
Inés Arrimadas, pola súa banda, destacou que "por primeira vez un partido constitucionalista gaña as eleccións en Catalunya, e é Ciudadanos". Entre berros de "campeones, campeones", a número un do partido laranxa dixo que o "procés non representa un futuro para todos os cataláns" e que o independentismo "perdeu apoio e escanos".
Ademais, Xavier Domènech, líder de Catalunya en Comú, aclara que as eleccións "teñen unha orixe ilexítima pero un resultado sagrado". "Este resultado colocounos na oposición, desde a que intentaremos construír o futuro que precisa este país".