Feijóo ofrece outra vez ao PSdeG o liderado da oposición se pacta co PP

O presidente Feijóo e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no seu primeiro encontro oficial Dominio Público @G_Caballero_M

No seu programa electoral para as autonómicas de 2012 o PP prometera institucionalizar a figura de “xefe da oposición”, idea que xa lanzara previamente o socialista Emilio Pérez Touriño. A medida nunca foi implantada, e desde as autonómicas de hai un ano o grupo da oposición con máis votos é En Marea, empatado a escanos cos socialistas, pero este mércores, na primeira reunión entre os dous, o presidente Feijóo ofreceulle ao novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o liderado da oposición. A cambio, os socialistas deben chegar a “acordos” cos populares e converterse así nunha oposición "útil".

O presidente e o secretario xeral socialista, Gonzalo Caballero, manteñen o seu primeiro encontro oficial, no que o primeiro lembra a “cómoda” maioría da que dispón

Non é a primeira vez que Feijóo tenta dividir os xa de seu distantes partidos da oposición. Hai tres anos, en novembro de 2014, nun encontro similar mantido co daquela secretario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, elixido un ano antes, Feijóo tentara que este apoiase un pacto contra a corrupción en plena vaga de imputacións contra cargos populares. O socialista rexeitárao argumentando que aquel non podía ser un acordo a dúas bandas senón que debía estar aberto a outras forzas. Pouco máis dun ano despois daquel encontro Besteiro dimitía imputado pola xuíza De Lara nos casos Garañón e Pulpo e nos meses previos os acordos circunscribíranse a renovacións de cargos pendentes coma os do consello da CRTVG.

En 2012 o PP propuxera institucionalizar a figura de "xefe da oposición", pero nunca o implantou. Agora Feijóo fai ver que non ter escano no Parlamento non será un obstáculo para Caballero.

Este mércores, ao remate do seu encontro, o secretario dos socialistas dixo que, malia as diferenzas políticas co PP e a que aspira a liderar unha alternativa aos populares, hai “asuntos de país” cos que está disposto a “dialogar” co Goberno galego. O presidente Feijóo recolleu esas palabras e pediulle de xeito público que pase da súa disposición a sentarse a conversar aos “acordos”. Feijóo lembrou a “cómoda” maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia, fronte ao feito de que Caballero non é deputado nel, e dixo que iso non será un obstáculo se o socialista quere ser “o líder” da oposición. Pola súa banda, os socialistas salientaron da reunión que esta permitiu que Caballero lle propuxese “unha axenda de 12 asuntos de país como folla de ruta dunha alternativa de goberno dende a esquerda galega e galeguista” ao tempo que lle ofreceu “esforzo especial no diálogo para fortalecer a posición de Galicia” nos debates a nivel estatal.

Os ofrecementos mutuos chegan mentres as formacións políticas ollan xa cara ás eleccións municipais de 2019 e nun momento no que, tras as tensións iniciais, cunde o entendemento pola banda esquerda con, por exemplo, acordos entre socialistas e as mareas municipais para sacar adiante orzamentos.

Feijóo e Caballero nun momento do seu encontro Dominio Público @FeijooGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.