CRÓNICA | Audasa ben vale (non ir a) unha misa

Santalices saúda o arcebispo de Santiago na súa chegada á Catedral © Parlamento de Galicia

Os cambios en gobernos municipais tras as eleccións de 2015 deron lugar a diversas vagas de críticas pola banda do PP e algúns medios de comunicación cara aos alcaldes e alcaldesas da esquerda, fundamentalmente das mareas, que accederon aos bastóns de mando en vilas e cidades. Unha das que máis titulares e minutos de declaracións acumulou foi a vinculada á decisión de rexedores como o compostelán Martiño Noriega ou o coruñés Xulio Ferreiro de non acudiren a actos relixiosos na súa condición de primeiros edís, secundando así o que xa era unha dinámica habitual en municipios como Pontevedra, onde Miguel Anxo Fernández Lores adoptou a mesma determinación en 1999.

Os populares axitaron especialmente estas críticas no referido ás dúas ofrendas ao Apóstolo Santiago que, con orixe no século XVII, realiza cada ano a Casa Real española na catedral compostelá, xa sexa a través dalgún dos seus membros ou, máis habitualmente, por delegación nalgún representante político. Unha desas citas é o 25 de xullo e a outra, o 30 de decembro, cando o templo a colle a cerimonia da translatio, na que se conmemora o relato mítico da suposta chegada á cidade dos restos do Apóstolo Santiago nunha barca de pedra dende Xerusalén. O feito de que o alcalde da cidade non asista a estes actos foi obxecto en 2015 de duras críticas que minguaron en 2016 e practicamente non existiron neste 2017.

Fronte ás críticas doutras ocasións aos alcaldes, desta volta Feijóo e Rajoy acudiron á inauguración de Rande á hora da ofrenda na Catedral

As apertadas axendas institucionais do Goberno de España e os non menos axustados prazos cos que traballou Audasa provocou que este 30 de decembro, día da translatio, fose tamén a xornada elixida para inaugurar a ampliación da ponte de Rande, onde se produciu todo un desembarco de autoridades encabezadas por Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo. O designado polo rei para representalo na ofrenda foi desta volta o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; quen á mesma hora en que na carpa de Rande se ultimaban os detalles da inauguración da AP-9, era recibido na praza do Obradoiro polo alcalde santiagués. Acto seguido pasou revista aos militares que formaban para a parte castrense da ofrenda.

O presidente do Parlamento "invocou" o Apóstolo para pedir que a recuperación económica "se estenda a todos" e mais "protección, acerto e saúde"

Como impón o ritual, Santalices encabezou unha comitiva relixiosa que secundaron ata seis conselleiros -os de Economía, Educación, Sanidade, Política Social, Medio Rural e Mar- pero, obviamente, coa ausencia de Feijóo, Rajoy e a vintena de cargos populares que participaron na inauguración de Rande. Ante o altar maior da Catedral, presidido polo arcebispo Julián Barrio, o xefe do lexislativo galego "invocou" o Apóstolo para pedir que a recuperación económica "se estenda a todos" e evocou o 70º aniversario do Alba de Groria de Castelao, "o máis fermoso discurso da historia de Galicia" para cualificar de "malditas todas as guerras e todas as ditaduras".

A fin da violencia en todos os eidos, os incendios en Galicia e Portugal ou a "capacidade de integración dunha España plural e diversa" foron outros dos aspectos abordados por Santalices para un "mundo que parece máis pendente das pantallas que das persoas". "Para todas as Españas e para Galicia invoco a túa protección, señor Santiago: pido acerto para o día a día, e tamén saúde", concluíu o presidente do Parlamento na cerimonia eucarística das ausencias silenciosas. Mentres, en Vigo, quedaban inauguradas unhas obras de ampliación da AP-9 que tamén entran en servizo en Santiago, onde a comitiva de Rajoy desta volta non se achegou. Se cadra, á inversa do que sucedía con París na frase atribuída a Henrique IV de Francia para simbolizar a súa conversión ao catolicismo, Audasa ben vale ausentarse dunha misa.

O presidente do Parlamento escoita o arcebispo durante a celebración © Parlamento de Galicia
Rajoy, Feijóo, Pastor e De la Serna, á mesma hora da ofrenda na inauguración de Rande © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.