O pasado 16 de outubro, luns, o Goberno galego reuniuse nun Consello extraordinario para tratar a vaga de incendios que estaba a levar por diante case 50.000 hectáreas de monte e que vivira as súas horas máis duras na noite anterior. Tras aquela xuntanza o presidente, Alberto Núñez Feijóo, leu ante a prensa unha declaración institucional centrada en condenar o "ataque" do "terrorismo incendiario", ademais de lamentar as vítimas mortais do lume e avanzar que o Executivo ofrecería "apoio" ás persoas afectadas, o cal se traduciu nunha orde de axudas que sería aprobada tres días despois, no Consello ordinario do día 19.
Ao día seguinte daquel Consello extraordinario, o 17 de outubro, o Goberno galego publicou como publicidade nunha ducia de xornais impresos -oito editados en Galicia e catro, en Madrid- unha reprodución da declaración de Feijóo. Esta inserción para difundir a postura política do Executivo sobre a vaga de lume realizouse a través de trece contratos menores -un para o deseño do anuncio e o resto, para a súa difusión- que, como informou Praza.gal, sumaron uns 77.000 euros de custo para as arcas públicas, e cuxa publicación o Goberno galego vén de defender e xustificar oficialmente.
Aquela acción propagandística foi especialmente criticada pola oposición parlamentaria galega, que anunciara a súa intención de rexistrar iniciativas no Parlamento para que o Goberno ofrecese explicacións ao respecto. Unha delas foi unha pregunta parlamentaria na que o BNG pedía coñecer "a contía exacta destinada á difusión do anuncio", ademais da "relación de medios de comunicación" galegos e estatais nas que fora inserido e cal fora o "criterio" para elixilos mentres se optaba por "excluír os medios de comunicación dixitais galegos" e os "semanarios en lingua galega", exclusións para a que tamén pedían xustificación oficial. Do mesmo xeito, pediron coñecer os "criterios que se seguiron para emitir publicidade institucional con estes contidos" e non outros "referidos á información sobre a situación, consellos de actuación e vindeiras liñas de traballo.
O Goberno sinala que "excluíu os medios dixitais galegos" porque en Internet cómpre "publicar textos breves" e afirma que a declaración inclúe información sobre "as axudas habilitadas", que se aprobaron dous días despois da publicación
O pasado 27 de decembro a Xunta rexistrou no Parlamento o documento no que responde parcialmente ás preguntas formuladas polo Bloque, a comezar por indicar que "o importe neto desta acción ascende a 62.195,55 euros", isto é, o prezo dos anuncios sen IVE e sen contar a factura do deseño, que foi de 2.180 euros, IVE incluído. No que atinxe á selección dos xornais impresos nos que foi publicado, a Secretaría Xeral de Medios explica que seleccionou "doce soportes de referencia: os oito diarios xeralistas de ámbito autonómico e os catro principais diarios xeralistas de implantación nacional".
No que atinxe á "motivación para excluír os medios de comunicación dixitais galegos", o departamento dependente da Presidencia da Xunta sinala que "os manuais e consellos sobre a redacción en Internet aluden á necesidade de publicar textos breves neste medio". "Sobre a motivación para excluír os semanarios en lingua galega -agrega- indicar que os medios de comunicación nos que se publicou, a diferenza destes semanarios, contan con audiencias cuantificadas por fontes oficiais".
A resposta da Xunta conclúe asegurando que "a declaración institucional publicada recolle diversas actuacións como, por exemplo, as axudas habilitadas para os afectados e o decreto de tres días de loito oficial". No entanto, estas primeiras axudas foron aprobadas no devandito Consello ordinario do día 19 e divulgadas no Diario Oficial de Galicia o día 20.
Distribución e importes dos contratos para a difusión en xornais impresos da declaración de Feijóo sobre os incendios