0 Gardados para despois

O PP asegura ter garantías da construción do AVE Ourense-Lugo que Fomento xa desbotou

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Foi un dos treitos de AVE máis anunciados. O único que chegou a ser obxecto dunha inaudita promesa de quen daquela era candidato opositor á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre construílo "cos cartos" da Administración autonómica e "despois pasar a factura" ao Goberno de España. E foi tamén un dos máis abertamente desbotados polo Ministerio de Fomento a traves dos Orzamentos Xerais do Estado, un abandono que mesmo asumiu por escrito a propia Xunta. Así e todo, a construción dunha liña de alta velocidade ferroviaria entre Ourense e Lugo segue a ser un anuncio que reaparece en vésperas electorais e preelectorais, especialmente pola banda dos populares lucenses, que o volveron reiterar este mércores.

O presidente de Adif, Juan Bravo, recibiu este mércores en Madrid aos máximos responsables do PP de Lugo nunha comitiva encabezada polo voceiro do partido no senado e ex-presidente provincial, José Manuel Barreiro, acompañado pola súa predecesora no posto, Elena Candia, o presidente local e subdelegado do Goberno central na provincia, Ramón Carballo, e o deputado Jaime de Olano. Os populares aseguraron que o resultado da xuntanza foi un "compromiso firme do Goberno de Mariano Rajoy coa chegada do AVE a Lugo", en verbas de Barreiro.

"Abordouse -sinalou Candia para Radio Lugo- información relevante dun proxecto que supera os 700 millóns de investimento". Esa cantidade é, aproximadamente, o custo das obras de renovación e construción de variantes no traxecto Monforte-Lugo sumado ao importe da electrificación do mesmo traxecto, que os últimos orzamentos estatais estiman nuns 640 millóns de euros e que non implican a construción dunha liña de alta velocidade. O mesmo documento orzamentario engadía apenas 3 millóns en "estudos" para a liña de alta velocidade, que aparecen dende hai lustros nas contas do Goberno de España.

O PSdeG coida que os populares viaxaron á sede de Adif para "certificar a defunción do AVE a Lugo mentres goberne o PP"

O que para os populares é mostra de "compromiso" co prometido AVE a Lugo é para o PSdeG provincial a "certificación da defunción" deste proxecto, cando menos "mentres goberne o PP". "Candia viaxou a Madrid co seu cortexo fúnebre a certificar a defunción do AVE a Lugo", ironiza o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos. "Búrlanse de novo da intelixencia dos lucenses, porque toda a información que transcendeu da xuntanza con representantes de Adif é exactamente a mesma que recolle o Orzamento Xeral do Estado para 2017". "Aínda que ao PP lle pareza imposible, todos os lucenses nos lembramos" de que estas partidas "non son para a chegada do AVE", resalta Santos.

O secretario xeral do Eixo Atlántico ve no encontro "unha falta de respecto" a "todos os sectores que loitamos por que Lugo teña comunicacións modernas"

O encontro do PP de Lugo en Adif tamén suscitou críticas por parte do secretario xeral do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e do Norte de Portugal, Xoán Vázquez Mao. Tamén en declaracións a Radio Lugo o representante da entidade municipalista, que apostou pola mellora da liña nun proxecto presentado en 2016, viu no encontro unha "falta de respecto" cara a "todos os sectores que levamos anos loitando para conseguir que Lugo teña comunicacións modernas". "Unha xente que nunca apareceu e que o único que fixo foi criticarnos, agora queren sacar tallada", di, nun contexto no que subliña ademais que "curiosamente, un dos que máis sabe de infraestruturas" no PP de Lugo, o ex-alcalde e actual deputado Joaquín García Díez, "non estivo na xuntanza".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.