A presentación política dos Orzamentos Xerais do Estado para Galicia vai tardar moitos anos en volver ser a mesma. Durante a pasada década os sucesivos responsables do Goberno de España venderon as súas contas centrándose nas grandes cifras e en incrementos de investimentos que non deixaban de medrar ano tras ano. A causa fundamental desas subas continuas eran as obras da conexión ferroviaria de alta velocidade coa Meseta, o AVE a Madrid. Os Orzamentos do pasado 2017 foron, cunha caída do 32% do investimento previsto para Galicia, a primeira gran mostra de que esas grandes partidas do AVE están a chegar á súa fin, igual que as propias obras. No entanto, a caída en picado foi aínda máis intensa se no canto de ás cantidades orzamentadas antendemos ao investimento real, ao efectivamente gastado.
A causa fundamental do devalo de ata un 60% nos investimentos reais do Estado en Galicia é a fin das grandes partidas do AVE
Anualmente o Goberno central elabora unha memoria na que debulla as actuacións da Administración xeral do Estado en cada unha das comunidades autónomas. A última referente a Galicia viu a luz no remate do pasado ano e contén datos correspondentes a 2016. O documento, que resume cifras do último cuatrienio, amosa ás claras un devalo próximo ao 60% entre 2013 e 2016, isto é, nos anos en que dende o Executivo de Mariano Rajoy se comezou a proclamar a denominada "senda da recuperación" tras os anos de recesión e crise económica. O groso da caída corresponde ao ministerio máis investidor, o de Fomento, responsable de financiar o AVE: de 1.300 millóns de investimento real en 2013 pasou a menos de 500 en 2016.
Estes datos oficiais demostran, ademais, a importancia relativa das lixeiras subas nas cantidades orzamentadas se despois o ritmo de execución das obras e investimentos non é o que corresponde. Así, por exemplo, entre 2013 e 2014 a cantidade orzamentada polo Goberno de España para Galicia ascendeu lixeiramente; en ambos anos o investido foi máis do orzamentado -por mor dos fondos de exercicios anteriores-, pero mentres que sobre o papel o esforzo investidor estatal en Galicia aumentaba case un 4%, os investimentos reais caían practicamente un 20%.
No intenso período electoral aberto en 2014 as cantidades orzamentadas aumentaron lixeiramente mentres o investimento real non deixou de caer
Foi a partir de 2014 cando a fenda entre fondos orzamentados e investimentos reais comezou a alargarse e a quedar as cifras pintadas moi por riba do efectivamente gastado. Estes foron os anos da parálise dalgúns dos treitos máis complexos do AVE a Madrid á altura da provincia de Ourense. Mentres, no intenso período electoral, dende o PP -e despois, tamén dende Ciudadanos- se teimaba na promesa de rematar estes traballos en 2018 malia ser imposible, o certo é que se producía a maior diferenza rexistrada nos últimos anos entre orzamentos e investimento real: 1.367 millóns orzamentados e 698 investidos, sempre segundos os datos oficiais do Goberno de España.
Os datos de investimento real veñen ratificar a tendencia á baixa que xa reflectían os sucesivos Orzamentos Xerais do Estado, cuxas previsións de investimento en Galicia van regresando, aos poucos, aos niveis previos á etapa de José Luis Rodríguez Zapatero en La Moncloa, cando comezaron a orzamentarse e executarse as grandes partidas do AVE. Non en van, o descenso por baixo do limiar dos 1.000 millóns, rexistrado nas contas de 2017, devolveu esta previsión de investimento ao nivel máis baixo dende 2004, as últimas contas elaboradas polo Executivo de José María Aznar.