En Marea definirá nun plenario en marzo como vai "apoiar" as mareas municipais cara a 2019

Mitin de En Marea na campaña das eleccións galegas CC-BY-SA En Marea

O encaixe de En Marea como partido instrumental na carreira electoral das eleccións locais de 2019, nas que as candidaturas municipais serán as protagonistas, é un dos principais interrogantes que paira sobre a formación, aínda en construción. O Consello das Mareas, reunido este domingo en Santiago, determinou que o xeito en que a estrutura de En Marea vai "apoiar" as mareas municipalistas será definido no vindeiro plenario o seu máximo órgano de decisión, que terá como data límite para a súa celebración o vindeiro 17 de marzo.

"Queremos escoitar a xente que traballa dende o municipalismo" para decidir o mellor xeito de lle ofrecer soporte "loxístico", "xurídico" ou de "coordinación", sinalou á prensa a vicevoceira de En Marea, Victoria Esteban. Trátase, explica, de "apoiar a consolidación do espazo de unidade popular e dos gobernos do cambio" e de facelo tanto en ámbitos urbanos como rurais. Estas chegas, aseguran dende a organización, con compatibles os procesos internos en cada concello ou área do país.

A idea non é outra, segundo Esteban, que "avanzar na continuidade" destas mareas municipais e peara iso "organizaremos encontros e xornadas de debate coas persoas inscritas" tanto "a nivel nacional" como "de forma descentralizada". Celebrarase, especifica, cando menos un encontro por provincia antes do propio plenario, que ademais da preparación das eleccións de 2019 terá que abordar asuntos que ficaron sen tratar na anterior x untanza, tames como "a regulación das mareas sectoriais" e documentos políticos temáticos.

A coordinadora de En Marea resalta que o seu obxectivo é "apoiar a consolidación de espazo de unidade popular e dos gobernos do cambio"

Os membros dos órganos de dirección de En Marea, a comezar polo voceiro, Luís Villares, veñen mantendo dende hai meses encontros por diferentes puntos do territorio, especialmente en municipios e comarcas nos que as mareas non se puxeran en marcha ou teñen pouca implantación. A "territorialización" da organización foi, precisamente, un dos obxectivos máis subliñados na súa posta en marcha o pasado verán.

A posta en marcha do proceso previo ao plenario de En Marea chega xusto tras a celebración do segundo encontro das mareas municipais, no que baixo o lema "Horizonte 2019" estas formacións se reivindicaron como "único espazo que pode disputar a hexemonía ao PP". Nesta xornada, na que Compostela Aberta actuou como formación anfitrioa, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, advertiu de que "disputarlle os gobernos ao PP e non repartir leiriñas" entre partidos "foi o que nos levou a gobernar" e "é o carreiro polo que debemos continuar".

"As mareas naceron para cooperar" e nelas cómpre "construír en común" sen "pins de marcas", resaltou Noriega despois de que a dirección de Podemos-Galicia suxerise nos días previos a posibilidade de agregar as súas propias siglas ao dalgunha das candidturas municipais. "O espazo que disputa a hexemonía ao PP é o da unidade popular ou non é", resaltou o rexedor da capital galega, quen considerou ademais necesario "tecer rede" para salientar ante a cidadanía os logros dos gobernos "do cambio" neste mandato.

Luís Villares, coas vicevoceiras Ana Seijas e Victoria Esteban (dereita), nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.