En Marea aproba as teses da coordinadora e mantén a Villares como voceiro nun axustado plenario

Vista do plenario de En Marea Dominio Público Compostela Aberta

Prevíanse votacións axustadas e así foron. O plenario de En Marea concluíu este sábado tras máis de dez horas de debate e fíxoo aprobando os documentos políticos defendidos pola actual coordinadora, a encabezada por Luís Villares como voceiro, que manterá esta condición segundo o votado. Estas aprobacións producíronse cunha marxe estreita a respecto das teses críticas defendidas dende o grupo Recuperar En Marea. Marxes de entre 30 e 80 votos e de menos de dez puntos porcentuais caracterizaron a maioría das votacións tras uns debates que viviron varios momentos de tensión.

A primeira votación da xornada foi a emenda defendida por Recuperar En Marea ao regulamento do plenario, isto é, ás normas de desenvolvemento da propia asemblea, que foi rexeitada por 237 fronte a 205 votos. Co conclave xa en marcha os debates comezaron polas intervencións de "rendición de contas" da actual dirección do partido instrumental e mais do grupo no Parlamento de Galicia, representado polo deputado Pancho Casal.

Segundo a coordinadora, que tivo como voceiro a Gonzalo Rodríguez, o informe aposta por "consolidar o espazo" e "buscar camiños" para "seguir todas xuntas", mentres que os críticos, con voces como as de Rafael Dopico ou Xan Xove, consideraron que o documento non representa o sentir de todo o Consello das Mareas, senón só da coordinadora, e aborda un espazo que "para estar consolidado ten que ser mestizo, plural e diverso". Esa rendición de contas tivo finalmente o visto e prace do plenario polo 56% dos votos e a do grupo parlamentario, do 72%.

Relatorio político

A coordinadora deu sacado adiante tamén as súas teses nun dos debates que se presentaban, a priori, como máis relevantes da xornada, o do relatorio político que traza as liñas xerais da definición de En Marea e os seus horizontes de futuro. O documento da coordinadora foi defendido por Villares, quen subliñou o ofrecemento de "transacción" coa emenda á totalidade presentada por Recuperar En Marea mediante a "integración" do seu texto, que entre outros aspectos rexeitaba a conformación de En Marea como un "partido clásico". "Non hai que escoller, non é o momento de confrontar", afirmou.

A emenda á totalidade recibiu un 54% de votos en contra e un 46% a prol

En representación do texto alternativo Antón Dobao subliñou que, contra o afirmado por Villares, "si hai que escoller" sen que iso implique "dividir nada", senón abordar un "debate político" que coa suma dos dous relatorios "non se dá". Tras ser desbotada a votación dunha redacción conxunta a emenda á totalidade foi rexeitada polo 54% do plenario fronte ao 46% que a apoiou -nas emendas non caben abstencións- e o texto político xunto coas emendas que si foran incorporadas recibiu a aprobación do 55%, cun 42% de votos negativos e un 2% do plenario que optou pola abstención.

O documento político xeral coas emendas que foron incorporadas obtivo un 55% de apoio do plenario

A sesión da mañá concluíu, cun atraso dunhas dúas horas sobre o horario previsto, co debate e votación do documento político sobre "ventres de alugueiro ou maternidade subrogada". Aínda que cunha menor participación que as teses organizativas e de política xeral este foi o documento con maior apoio na primeira metade do plenario, chegando a recibir o 85% dos votos a prol.

Portavoz e carta financeira

Detalle dunha das votacións

A coordinadora defende que o texto aprobado xa garante unha portavocía "colexiada", mentres que o grupo promotor do texto alternativo coida que equipara o cargo a unha "secretaría xeral"

Ligados cos debates organizativos da mañá estiveron os dous principais da tarde: os regulamentos de consello e coordinadora e mais a carta financeira. A proposta da coordinadora asenta o modelo dunha portavocía nacional "asistida" por dúas viceportavocías, un modelo que a xuízo de Ana Seijas, que defendeu o texto oficial, xa supón desenvolver as funcións de xeito "colexiado". Para Recuperar En Marea, no entanto, este modelo supón tornar a coordinadora "nunha auténtica executiva" e a portavocía, "nunha secretaría xeral", en verbas de Mariano Fernández, que defendeu a emenda á totalidade do grupo para os regulamentos de coordinadora e consello. A emenda á proposta base para a coordinadora foi rexeitada co 54% dos votos e a que atinxía ao consello, polo 62%. O modelo aprobado, daquela, avala a continuidade de Villares na portavocía orgánica xunto á parlamentaria.

Igualmente saíu adiante, aínda que con modificacións pola vía das emendas parciais, a proposta da coordinadora para a carta financeira, isto é, para o réxime económico dos cargos de En Marea. Un dos aspectos nos que se sustentaba a oposición de Recuperar En Marea ao texto oficial, a inclusión do "lucro cesante" como vía para compensar os salarios de cargos institucionais que tivesen maiores remuneracións na súas profesións anteriores, foi un dos aspectos emendados. Tamén o foi o baremo dos tres salarios mínimos interprofesionais como referencia para os soldos, ao mudarse a cantidade do SMI pola de 1.000 euros. A votación da emenda á totalidade neste punto resultou cun 43% dos votos a prol do texto alternativo e do 57% polo mantemento do texto base coas emendas parciais.

Durante o plenario da asemblea estiveron presentes, ademais dos membros da actual coordinadora e consello, un bo número de representantes da Marea Atlántica e outras mareas locais, así como de Anova, co seu portavoz nacional, Antón Sánchez e mais con Xosé Manuel Beiras -que manifestou o seu apoio aos documentos de Recuperar En Marea-, quen a preguntas da prensa instou a ler a xornada como un "debate de ideas" e non como unha liorta "polo poder". Villares, pola súa banda, manifestou a súa confianza en dar chegado a "acordos" para non ofrecer a imaxe de que as diferenzas son "persoais". No que atinxe aos principais dirixentes municipais estivo a participar o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, pero non os rexedores da Coruña, Xulio Ferreiro e Santiago, Martiño Noriega.

A rendición de contas do grupo no Congreso tivo o apoio de case o 80% do plenario

No plenario participaron, asemade, os representantes de En Marea no Congreso, que segundo o previsto presentaron a súa "rendición de contas" ante o plenario na voz do deputado Antón Gómez-Reino e mais do coordinador dos deputados de En Marea integrados no grupo de Unidos Podemos, Xaime Subiela. Ambos consideraron "moi elevado" o nivel de cumprimento do programa e convidaron a espallar o documento que, a través dun sitio web específico, recolle a actividade nas Cortes do "primeiro espazo galego" que, por exemplo, resalta Gómez-Reino, "puido participar nunha moción de censura ou bloquear unha reforma constitucional". Esa rendición de contas foi apoiada por case o 80% do plenario.

Un intre do plenario de En Marea CC-BY-SA En Marea
Villares e Beiras, durante as acreditacións CC-BY-SA En Marea
Representantes de En Marea no Congreso, na sesión de tarde do plenario CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.