Malia a lixeira mellora global nos datos a respecto de hai un ano, a Xunta segue sen ser quen de cumprir a obriga que se impuxo a si mesma en 2014
A Consellería de Sanidade fixo públicos estes venres os datos das listas de espera sanitarias a data do pasado 31 de decembro que reflicten unha lixeira mellora na media xeral de días que hai que agardar en Galicia por unha operación cirúrxica, 66,4, fronte aos 68,3 de hai un ano. Porén, esa cifra segue por riba do límite de 60 días que se fixou a si mesmo o Goberno galego e empeora aínda máis na área sanitaria da Coruña, onde pasa de 73,5 a 75,1 días, e no hospital concertado vigués de Povisa, que aumenta de 75,9 a 77,4 días.
En total, máis de 33.000 persoas esperaban a 31 de decembro por unha operación en toda Galicia
En 2014 o PP estableceu ao aprobar a Lei de Garantías Sanitarias un límite máximo de 60 días de espera para unha operación, cifra que a Xunta aínda non foi quen de rebaixar no conxunto de Galicia. Aquel ano o Sergas tamén deixou de dar os datos das esperas catro veces ao ano e pasou a ofrecelos só en dúas ocasións, evitando así revelar o crecemento que se adoita producir no terceiro trimestre de cada ano, o que coincide coas vacacións de verán do persoal e o peche de instalacións. Eses malos resultados dese terceiro trimestre dilúense agora en todo o segundo semestre, as cifras desveladas este venres, que son peores que as dos primeiros semestres do ano.
Segundo os datos agora feitos públicos, a espera para operarse empeora nas áreas sanitarias da Coruña (de 73,5 a 75,1 días), Lugo (de 46,8 a 47,2), Ourense (de 42,1 a 43,4) e Pontevedra (de 38,2 a 41,1). Pola contra, mellora en Santiago (de 70,5 a 64,9) Ferrol (de 39,9 a 39,2) e na parte da área sanitaria de Vigo xestionada nos hospitais públicos (pasa de 94,5 a 88,6), mentres que en Povisa empeora (de 75,9 a 77,4 días). En total, máis de 33.000 persoas esperaban a 31 de decembro por unha operación en toda Galicia.
A espera por unha consulta externa está en 46,6 días, tamén por riba do límite legal de 45 días
Canto á lista de espera por consultas externas, a media global sitúase en 46,6 días, unha lixeira mellora a respecto dos 47,3 días de hai un ano, pero tamén por riba dos 45 días de máximo que fixou a lei, sendo Ferrol, con 61,8 días, a área sanitaria peor colocada e Pontevedra, con 35,6, a mellor.